Montoto, Toypes e agora Guerral: outras 30 traballadoras á rúa no téxtil do Deza

Asemblea de traballadoras de Confecciones Guerra en Lalín con representantes da CIG Dominio Público CIG

Fundada na década dos sesenta, Confecciones Guerral, de Lalín, vén de entrar en liquidación. Co seu peche, acordado polo administrador do proceso concursal no que entrou en 2014, quedan na rúa as súas últimas 30 traballadoras, “as que pagan os pratos rotos, cando non hai moitos anos eran máis de cen empregados e empregadas”, salienta a CIG, que lamenta que “tras a liquidación de Confecciones Guerral, a penúltima grande empresa téxtil na comarca do Deza tras o peche de Montoto e Toypes, a única compañía de certa entidade que queda neste sector é Florentino, “que se atopa en estado catatónico e con despedimentos cada certo tempo”.

A CIG alerta de que a única compañía de certa entidade que queda neste sector na comarca é Florentino, “que se atopa en estado catatónico e con despedimentos cada certo tempo”

Xabier Aboi, responsable da CIG en Pontevedra, compareceu este martes en rolda de prensa xunto a un grupo de traballadoras de Confecciones Guerral para informar sobre o proceso que culminará co peche da empresa, que atribúe á “desidia e as presuntas pelexas entre as irmáns propietarias, Ángeles e Milagros Guerral”, que ao seu xuízo “levan a unha compañía rendíbel á liquidación”. Segundo o sindicato, as máis de 30 traballadoras “algunhas con máis de 40 anos de antigüidade, quedarán na rúa tras máis de catro meses sen cobrar”.

Segundo os datos da CIG, dos case catro millóns de débeda da empresa, 3,3 pertencen ás propietarias e o resto a pagos pendentes a provedores, soldos e despidos. Aboi amosouse moi crítico coas propietarias, xa que “a pesar de contar cun capital inmobiliario de máis de 13 millóns de euros deixan tiradas a máis de 30 persoas, o 90% mulleres e nunha idade moi complicada”. Ademais, asegurou que xa están a montar unha nova empresa en Lalín, “visitando a provedores e clientes, e dicíndolles que son a mesma xente de Guerral”. Diante disto, pregúntase por que non actúa nin a xustiza nin a Xunta, “cando só ao Igape lle deben máis de 350.000 euros”. “Agora o que queremos é que se axilice o proceso para que a xente polo menos poida cobrar en xaneiro, xa que as propietarias si que van cobrar do Fogasa polos seus despidos”, di a CIG.

Antes e fóra do Deza xa pasaron por situacións similares históricas marcas do téxtil galego como Viriato, con sede en Ordes, ou Caramelo, na Coruña

“Tras a liquidación de Confecciones Guerral, a penúltima grande empresa téxtil na comarca do Deza tras o peche de Montoto e Toypes, a única compañía de certa entidade que queda neste sector é Florentino, que se atopa en estado catatónico e con despedimentos cada certo tempo”, resume a CIG. Antes e fóra do Deza xa pasaron por situacións similares históricas marcas do téxtil galego como Viriato, con sede en Ordes, ou Caramelo, na Coruña.

Nave de Guerral no polígono industrial de Lalín Dominio Público Google Street View

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.