O "perdón" de Castellano non abonda para os estafados coas preferentes

Un intre da manifestación de Cangas © Xoaquín Agulla

"Antes de nada, perdón", reza a campaña publicitaria que Novagalicia Banco desenvolve dende o pasado xoves. "Antes do perdón, solucións", retrucan as organizacións de persoas afectadas polas participacións preferentes. A petición de desculpas lanzada pola entidade bancaria a través dalgúns medios de comunicación e personificada polo seu presidente, José María Castellano, e o seu conselleiro delegado, César González-Bueno, non foi dabondo para calmar os ánimos de quen continúa a ter "atrapados" os seus aforros en produtos financeiros altamente complexos que asinaron pola vía do "engano". Esta indignación saía de novo á rúa esta fin de semana en Cangas do Morrazo, onde as sucursais de NCG Banco seguen a amosar, en forma de pintadas e carteis, as reclamacións dos clientes e clientas.

A esixencia de solucións volveu o pasado sábado á vila morracense a través dunha manifestación, onde os colectivos de afectados de Vigo, Redondela, do Val Miñoro, do Condado e da propia comarca consideraron, en verbas do voceiro da plataforma do Morrazo, José Ramón Santomé, que "as desculpas non son máis ca teatro", o mesmo que, a xeito de parodia, representaron algúns dos manifestantes no palco da alameda canguesa. "Os que estamos aquí somos os aforradores, os estafados", subliña outro dos afectados, Carlos Vilariño, quen salienta ademais que "os investidores qeu buscaban alta rendibilidade están nas súas casas e por vergoña non dan a cara. A maioría dos afectados, lembra, son "xubilados" ou "simples aforradores estafados.

Un xulgado de Cambados condena a Novagalicia a devolver 7.560 euros máis xuros a un afectado polas preferentes

Esta mobilización producíase na mesma xornada en que saía á luz a sentenza dun xulgado de Cambados na que se estima "integramente" a demanda dun afectado polas preferentes e, polo tanto, o contrato asinado fica declarado "nulo" e condena a Novagalicia Banco a devolver integramente 7.560 euros máis xuros ao considerar que o demandante "non foi debidamente informado das características de alto risco e posible iliquidez que presentaba o produto en cuestión", isto é, precisamente o que veñen denunciando as plataformas de afectados. O feito de que a xustiza ditamine que neste caso concreto houbo unha actitude "enganosa" por parte da entidade financeira non implica para as plataformas de afectados que vaian cesar as mobilizacións. Ben ao contrario, sinalan, a súa aposta é continuar mentres non exista unha solución colectiva, sen necesidade de que cada un teña que acudir individualmente aos tribunais.

Segundo o propio Castellano as "xestións" para "devolver eses cartos" continúan e, na súa opinión, é posible "atopar unha solución aceptable". Segundo engadiu González-Bueno durante a presentación da campaña de imaxe de NCG Banco, malia existir un panorama "máis complexo" por mor das condicións do rescate bancario, que establece "un reparto de cargas" segundo o cal "os investidores teñen que participar nas perdas", no caso das preferentes hai "o argumento adicional" de que se trata de persoas "que non sabían claramente o que mercaban". "Neses casos poderíase dicir que eses contratos ao mellor non tiñan validez". Iso, asegura, "esta a callar e estase a entender por parte das autoridades" e, polo tanto, é "previsible que pola vía xudicial, da arbitraxe ou por algunha vía razoable, se resolvan eses casos". Ademais, avanzaba, Novagalicia non realizará operación ningunha para tentar paralizar a demanda que por este caso puxo en marcha a Fiscalía Xeral de Galicia.

Un intre da manifestación de Cangas © Xoaquín Agulla

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.