Os afectados polas preferentes critican no Congreso a “complicidade” do PP galego co sistema financeiro

Xesús Domínguez, portavoz dos afectados polas preferentes, na súa comparecencia no Congreso Dominio Público Congreso dos Deputados

“Non podes multar a unha entidade con dous millóns dos 1.832 [vendidos en preferentes], porque lles quedan 1.830; é como se a min me multan con cinco céntimos de euros por roubar a punta de navalla 50.000 euros, porque mañá volvo roubar”. Así reclamou no Congreso este martes Xesús Domínguez, portavoz dos afectados galegos polas participacións preferentes, “sancións disuasorias” para as entidades financeiras que estafen aos seus clientes. Multas que contrapuxo coas recibidas en Galicia polos propios afectados por manifestarse esixindo unha reparación.

Xesús Domínguez, portavoz da plataforma, contrapón na comisión sobre a crise financiera as sancións mínimas que recibiron as entidades coas multas aos manifestantes, e lembra que os populares bloquean a investigación no Parlamento de Galicia

Domínguez compareceu na comisión de investigación sobre a crise financeira aberta no Congreso dos Deputados cun discurso crítico co control político que se exerce sobre as entidades financeiras. Na súa intervención, o portavoz da plataforma lamentou, entre outras cuestións, a “connivencia e complicidade” que ao seu ver ten o PP galego cos poderes económicos e lembrou que o presidente Feijóo nunca recibiu aos afectados, como estes lle solicitaron, e que a comisión de investigación sobre as caixas de aforros galegas aberta no Parlamento de Galicia “segue secuestrada pola maioría absoluta do PP”.

Nesa liña, Domínguez tamén criticou que a arbitraxe que se habilitou entre as entidades e os afectados para que estes puideran recuperar parte dos seus aforros non estivo supervisada polas institucións públicas senón polos propios bancos. Ao seu ver, os gobernantes foron “cómplices necesarios” da estafa que sufriron.

Domínguez tivo tamén palabras de agradecemento, en particular para o ex-fiscal superior de Galicia Carlos Varela “por presentar a primeira demanda colectiva”

Na súa intervención, Domínguez tivo tamén palabras de agradecemento, en particular para o ex-fiscal superior de Galicia Carlos Varela “por presentar a primeira demanda colectiva” contra a venda de preferentes que foi derivando nunha sucesión de sentenzas favorables aos afectados.

Domínguez, no Congreso coa deputada de En Marea Yolanda Díaz Dominio Público En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.