0 Gardados para despois

Un cento de concellos perderon poboación con traballo no último ano

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O número de persoas con emprego en Galicia incrementouse o pasado ano en 18 mil, dende as 909.756 afiliadas á Seguridade Social en decembro de 2016 ata as 927.389 de decembro de 2017. É o cuarto ano consecutivo de ascenso, dende o mínimo rexistrado a comezos de 2014. Porén, a cifra total de traballadores e traballadoras está aínda moi lonxe dos niveis previos á crise, hai unha década (1.056.259 en decembro de 2007).

Un terzo dos concellos galegos (103) contan hoxe con menos ocupados e ocupadas que hai 12 meses

Con todo, a pesar da mellora xeral do emprego rexistrada no último ano, un terzo dos concellos galegos (103) contan hoxe con menos ocupados e ocupadas que hai 12 meses. Unha boa parte destas localidades sitúanse en comarcas rurais de Ourense ou en zonas de montaña da provincia de Lugo e os seus datos amosan os efectos do rápido envellecemento destes concellos. Porén, tamén un número considerable de lugares do interior da provincia da Coruña (Ordes, Tordoia, Mesía) e do centro da provincia de Lugo (Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Guitiriz) presentan igualmente unha estatística negativa.

Larouco, Miño, Laza, Xunqueira de Espadanedo, Ribeira de Piquín, Esgos e Mugardos son os concellos que máis ocupados/as gañaron

No outro extremo, Larouco, Miño, Laza, Xunqueira de Espadanedo, Ribeira de Piquín, Esgos e Mugardos son os concellos que máis incrementaron o seu número de ocupados e ocupadas en 2017, en termos relativos. 205 localidades aumentaron as súas cifras de cotizantes á Seguridade Social.

O mapa é moito máis negativo se facemos a comparación co número de ocupados e ocupadas que había hai dez anos, en decembro de 2007, antes do inicio da crise económica. Tan só 9 concellos teñen hoxe máis traballadores e traballadoras: San Cibrao das Viñas, Barbadás, Ames, Miño, Brión, Allariz, Melide e Outeiro de Rei. Outros 9 están preto de recuperar aquel nivel, pois presentan descensos inferiores ao 3%. Trátase de Carral, O Porriño, Oleiros, Soutomaior, Narón, Arteixo, Sada, Teo e Oroso.

Tan só 9 concellos teñen hoxe máis traballadores e traballadoras: San Cibrao das Viñas, Barbadás, Ames, Miño, Brión, Allariz, Melide e Outeiro de Rei

O resto están moi lonxe. De feito, un total de 139 presentan perdas superiores ao 20%, é dicir perderon máis de 1 de cada 5 traballadores e traballadoras na última década. Mesmo nas zonas urbanas esta destrución de emprego é notoria: Ferrol (-19.7%), Vigo (-15,2%), Ourense (-12.1%), A Coruña (-11.55), Pontevedra (-9.1%), Compostela (-7.4%), Lugo (-6.8%). 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.