0 Gardados para despois

Ferrol sen futuro: ata o Zara marcha

José PrecedoJosé Precedo | @joseprecedo


Recolléronse 3.500 firmas por Internet, outros comerciantes do centro saíron a mobilizarse e o alcalde mandou unha carta ao mesmo Amancio Ortega para tratar de impedilo, pero o Zara foise de Ferrol. Pasadas as 20 horas deste sábado unha empregada activou coa súa chave a persiana eléctrica para que a tenda deixe atrás trinta anos de historia. Da marca estrela do imperio Inditex non quedará nin rastro. E iso é moito dicir neste tempo de capitalismo salvaxe no que son os investimentos das multinacionais os que miden o pulso das cidades. A explicación do xigante téxtil é que ese comercio deixara de ser rendible: quen queira comprar en Zara deberá ir ao centro comercial Odeón, en Narón, a vila veciña. A decena de traballadoras de Ferrol serán recolocadas noutros centros.

O peche da tenda que levaba 30 anos no centro fai saltar todas as alarmas nunha cidade que desde 1981 perdeu un terzo da súa poboación

O peche de Zara acendeu a última alarma nun concello que agoniza. As vellas metáforas aburren de tan empregadas: o Detroit galego, o lugar sen nenos, a vila onde perder é o normal daquel verso de Los Limones...

Dos 81.255 habitantes censados en 1981 quedan 67.500 e non pasaron nin tres décadas. Ultimamente morren máis do dobre de persoas das que nacen e a determinadas horas entre semana o rueiro parece territorio zombie. Cunha media de idade de 48 anos, só un 14% da poboación por baixo da vintena e case o dobre de xubilados (26%) non é só que non teñan futuro as tendas de moda xuvenil: é a propia cidade a que está ameazada.

Porque antes que o Zara -polo que choran agora as pequenas e medianas empresas do centro, que o vían como un foco de atracción de clientes, os políticos e a veciñanza organizada- foise moitísimo máis: 15.000 empregos de Astano e Bazán desapareceron coas reconversións dos estaleiros públicos nos 80. E o movemento de xuras de bandeira da Academia Militar que se acabou coa fin da mili obrigatoria nos 90. Desde aquela foron demasiados luns ao sol para unha comarca enteira que foi agonizando entre promesas gobernamentais e plans anticrise que non acabaron de funcionar.

Javier Galán, presidente do comité de empresa de Navantia: "Aos poucos todo se foi ao tacho e case todo se centrou na administración pública. Hoxe só queda a empresa pública Navantia, as oficinas da Xunta e o Concello. Creouse un polígono industrial onde non hai empresas"

Javier Galán, presidente do comité de empresa de Navantia e toda unha vida nos estaleiros onde empezou hai 40 anos, viviu a era boa dos guindastres xigantes a pleno rendemento e as bancadas cheas de buques en construción. Fala dunha cidade que non ten nada que ver con esta. E maldí a idea de poñer todos os ovos na cesta do sector público: "Vivimos épocas onde parte da frota da Mariña de Guerra estaba en Ferrol, un cuartel de instrución onde se facía a mili. Había outras industrias importantes, como a Peninsular Maderera, que montaba portas en cadea antes dos 70, a fábrica de lapis, La Peninsular do bacallao. Aos poucos todo se foi ao tacho e case todo se centrou na administración pública. Hoxe só queda a empresa pública Navantia, as oficinas da Xunta e o Concello. Creouse un polígono industrial onde non hai empresas e puxéronse comercios. Mingua a poboación, a xente máis nova vaise, ás veces a cidade parece morta".

O seu puxante pasado industrial ligado a algunhas empresas vinculadas á economía do réxime e do ditador Francisco Franco, que deu nome durante décadas á cidade, nunca se recuperou. Os diferentes programas anunciados polas administracións públicas -o Goberno de Alberto Núñez Feijóo chegou a aprobar un Plan Ferrol para atraer investimentos en distintos sectores- non evitaron que sexa a cidade con peor saldo vexetativo de Galicia, que á súa vez lidera a perda de poboación en España (12.683 mortes máis que nacementos en 2016).

Luís María Taboada, portavoz de Xubilados por Ferrol: "Os xubilados podemos achegar coñecementos, experiencia e queremos implicar tamén aos mozos porque é necesaria tamén a súa visión"

Con semellante panorama nin sequera estraña o último partido local que se vén de rexistrar, Xubilados por Ferrol, que aspira a lograr un ou dous concelleiros e erixirse en chave de Goberno en 2019. Luís María Taboada, pensionista de 74 anos, que pasou 40 tras do mostrador dunha tenda de deportes, é o seu portavoz e soña con que a súa experiencia e a doutros como el que viviron os anos bos sirva para que a cidade deixe de languidecer: "Os xubilados podemos achegar coñecementos, experiencia e queremos implicar tamén aos mozos porque é necesaria tamén a súa visión. Habería que tentar diversificar a industria, o turismo non está desenvolvido, co patrimonio artístico, as praias, a gastronomía. Pedimos moitas cousas, non se nos tivo en conta e convencémonos de que hai que estar dentro".

Canso de ver os Plenos por Internet, o próximo obxectivo de Taboada é ter asento no salón de sesións. Non o ten difícil o partido dos xubilados nunha cidade que fixo do desencanto o seu sistema político. Ningún alcalde revalidou o poder desde 1987. Cada lexislatura hai un novo. O último, Jorge Suárez, da candidatura cidadá de Ferrol En Común, tenta gobernar con 7 dos 25 concelleiros e un pacto roto co PSOE, que tamén se fracturou.

María Fernández, concelleira: "A Inditex interésanlle máis os centros comerciais nas cidades pequenas. A nós dóenos porque pedimos unha reunión e nin sequera nos recibiron"

María Fernández Lemos quedou dentro do Goberno tras romper co partido socialista, co que concorreu nas listas como independente. Admite que a situación económica na comarca é moi mala desde hai décadas pero cre que a decisión de Inditex de pechar o Zara responde máis a un cambio de estratexia interna: "Interésanlles máis os centros comerciais nas cidades pequenas. A nós dóenos porque pedimos unha reunión e nin sequera nos recibiron. Amancio Ortega nos seus inicios traballou moito por aquí e a verdade é que creo que Ferrol merecía unha segunda oportunidade". A concelleira, arquitecta de profesión, sostén que o comercio local debería tamén facer un esforzo por modernizarse, aceptar a peonalización que propón o Concello e flexibilizar os seus horarios e admite que é un problema que decenas de baixos comerciais do centro, a maioría baleiros, estean en mans de dúas ou tres familias que prefiren mantelos pechados a baixar os prezos.

Pasear polo centro é facelo entre escaparates con carteis de véndese ou alúgase. Mesmo nos arredores da rúa Real, unha esplendorosa zona de comercio repleta de vida décadas atrás, colgan os anuncios. En Idealista.es pode atoparse de todo: oficinas, bares, ximnasios... Ata o vello cinema Avenida construído en 1945 véndese agora por un millón de euros, cos seus 900 metros cadrados, as súas dúas plantas e a súa entrada directamente da rúa.

 

Concentración cidadá pedindo a rehabilitación do Ferrol Vello [Foto: Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello]

Manolo Aller, ex-xogador de baloncesto: "Cheguei con 15 anos para xogar baloncesto desde Ponferrada e xa quedei. Síntome ferrolán, é un lugar idílico, polo seu emprazamento, as súas praias, o seu patrimonio. Fallaron moitas cousas"

Manolo Aller, lenda local do equipo de baloncesto que marabillaba na vella cancha da Malata xunto a Nate Davis e chegou a ser internacional en 20 ocasións, tamén bota de menos aqueles anos de bulicio no pavillón e nas rúas que foron os oitenta. "Non era só que nos estaleiros traballasen 17.000 persoas, é que cada mes e medio viñan 5.000 persoas ás xuras de bandeira. O que sufriu esta cidade e o que queda por sufrir é brutal. Teño dous fillos, o maior de 21 anos e non vexo perspectiva. Eu cheguei con 15 para xogar baloncesto desde Ponferrada e xa quedei. Síntome ferrolán, é un lugar idílico, polo seu emprazamento, as súas praias, o seu patrimonio. Fallaron moitas cousas, talvez viviuse moi a expensas do traballo público. Todos nos acomodamos, pensabas que nunca ían desaparecer os estaleiros e logo mira... É coma se sempre estivésemos a esperar a que viñese alguén de fóra a solucionalo e mentres vai desaparecendo todo, os estaleiros, o deporte, as poucas empresas que había... E é un drama porque a cidade ten unhas posibilidades enormes. Fáltanos crelo, doe ver como se deshabita".

O derrotismo parece apropiarse dunha vila que nin sequera se atreveu a botar abaixo o muro do arsenal militar que a obriga a vivir de costas á ría. Polo menos aos estaleiros empezou a chegar algunha boa noticia: os pedidos de dous grandes buques para Australia, ademais das cinco fragatas F100 encargadas estes anos pola Armada garanten traballo para unha década máis. O plan industrial aínda está por discutir cos sindicatos pero Galán, o presidente do comité de empresa, está esperanzado: "Parece que pasásemos os anos peores".

Desde o balcón do Concello que mira ao Zara que se foi, María Fernández tampouco se resigna: "Os ferroláns fomos sempre xente loitadora. Vivimos demasiado pendentes das administracións pero tamén se empeza a ver xente que quere emprender e novas xeracións cunha nova mentalidade". O cabeza de cartel dos xubilados tamén ten as súas receitas: "necesitamos diversificar, apostar polo turismo, temos un rico patrimonio, e unha boa gastronomía". Os desexos compárteos Aller, a estrela do baloncesto: "É un lugar idílico para vivir e agora ademais está ben comunicado".

Pero a estatísticas oficial evidencia que a situación é crítica. Ferrol necesita algo máis que boas palabras ou plans industriais pintados sobre un papel para sobrevivir.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.