Valencia pide o rescate e a prima de risco supera os 600 puntos

Fabra, presidente da Generalitat Valenciana, entre González-Pons, Rajoy e Barberá © PP

Anunciouno o portavoz e vicepresidente do Consell, José Císcar. A Generalitat Valenciana vén de solicitar a súa adhesión ao mecanismo da liquidez autonómica aprobado polo Consello de Ministros para “facer fronte aos vencimientos de débeda en 2012” e, ademais, poder “atender o pago doutros provedores, entre eles as farmacias e moitos outros”. A comunidade gobernada polo PP desde hai máis de 15 anos solicita así un rescate cuxa cantidade non está definida pero que será “dabondo para cubrir os vencementos de débeda”. Ao mesmo tempo, a prima de risco española desbócase a máis dos 600 puntos e sitúase en niveis insostibles, co bono a 10 anos cun interese superior ao 7% e o Ibex caendo. Os investidores non dan tregua a España.

A prima de risco supera os 600 puntos, co bono español a 10 anos por riba do 7%

O fondo, segundo explicou Císcar, evitará á Generalitat retirar liquidez de partidas sociais e o encarecemento dos préstamos ante “unha eventual renegociación que agora non será necesaria” ademais de poder permitir centrarse nos pagos a outros proveedores. Segundo a Generalitat, o rescate non implica novos axustes neste ano, malia que asegura que cumprirá co plan de estabilidade aprobado polo Goberno de Valencia e que garante que non se superará o límite do 1,5% de déficit.

«Se non se vence o déficit non sairemos da crise», argumentou o vicepresidente, quen indicou que por ese motivo a Generalitat «asume voluntariamente» o compromiso de enviar mensualmente ao Ministerio de Facenda información sobre o seguimento do plan de axuste previsto.

Montoro nega que a petición da Generalitat Valenciana supoña unha intervención, aínda que admite novas condicións

Mentres, o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, negou que a petición da Generalitat supoña unha intervención, aínda que si admitiu novas condicións para ter acceso a ese fondo de salvamento. O Goberno, polo menos neste caso, xa non poderá falar, como acotío, da herdanza recibida. A Generalitat emite unha nota tamén na que nega que o mecanismo sexa un rescate e advirte de que outras autonomías acudirán a el e que non suporá novos axustes.

Fabra, presidente da Generalitat Valenciana, entre González-Pons, Rajoy e Barberá © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.