A débeda de Galicia medrou con Feijóo o triplo que co bipartito

Alberto Núñez Feijóo © Ana Varela

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destaca este domingo nunha entrevista que Galicia non terá que pedir rescate porque "está blindada" e é "a autonomía máis solvente". Agora que a Comunitat Valenciana si pediu o rescate e Murcia anunciou o mesmo, cómpre analizar a evolución histórica da débeda pública no país. E así o fai o blog especializado en economía A Furada do Trasno, que intúe "que o asunto estrela do goberno na inminente campaña electoral para as eleccións autonómicas, a falta doutros logros dos que presumir, vai ser a súa boa xestión económica, ou máis propiamente a xestión da austeridade, nesta lexislatura".

Centraranse exclusivamente nas cifras de déficit público. Efectivamente, Galicia é despois de Madrid, a comunidade autónoma que presenta a mellor cifra de déficit. Con un -1,61% Galicia está, de momento, preto do obxectivo de déficit para 2012, cifrado en -1,5%. Non cabe dúbida que este é un bo dato.

Segundo destaca a bitácora, a evolución da débeda pública galega dende 1995, dato máis antigo que puidemos rescatar do Banco de España mostra que en dezasete anos a débeda incrementouse en 5.241 millóns de euros. O que supón un incremento do 245%.

Nos últimos 17 anos, a débeda pública galega incrementouse un 245%

En 1995, Galicia tiña unha débeda pública de 2.140 millóns de euros que equivalían a un 8,5% do PIB. Naquel momento era, despois de Navarra, a comunidade autónoma máis endebedada do estado. Dez anos despois, en 2005, a débeda de Galicia ascendía a 3.381 millóns de euros, o 7,3% do PIB. Así pois, nos últimos dez anos de goberno de Fraga Iribarne a débeda incrementouse en 1.241 millóns de euros, un 58%, é dicir, un incremento medio anual do 5,80%. Aínda así, a débeda en porcentaxe do PIB diminuíu dende o 8,5% ata o 7,3%, situándose Galicia en 2005 como a terceira comunidade máis endebedada por detrás de Cataluña (8,6%) e Valencia (11,8%).

A débeda pública nos dez últimos anos de Fraga incrementouse nun 58%; durante o bipartito, un 26,7%; con Feijóo, un 72,4%

En 2005 o PP perde o goberno en favor do goberno de coalición PSdeG-BNG que preside Pérez Touriño. Nos catro anos de goberno bipartito a débeda da comunidade autónoma creceu dende os 3.381 millóns de euros ata os 4.282 millóns de euros. Un incremento de 901 millóns de euros. É dicir, a débeda nestes catro anos medrou un 26,65%, o que equivale a un incremento medio anual do 6,66%. Deste xeito, en 2009 a débeda de Galicia equivalía ao 7,7% do PIB e era a sexta comunidade máis endebedada.

En 2009, gaña as eleccións o PP con Núñez Feijóo. Nestes tres últimos anos, a débeda pasa de 4.282 millóns de euros a 7.381 millóns de euros. O que supón un incremento de 3.099 millóns de euros, un 72,37%, cun incremento medio anual do 24,12%. De maneira que agora mesmo, a débeda de Galicia equivale ao 12,8% do PIB, sexta comunidade máis endebedada por detrás de Navarra (14,5%), Castilla La Mancha (16,6%), Baleares (16,7%), Comunidad Valenciana (20,2%) e Cataluña (21%).

Touriño mantivo o nivel de endebedamento dos dez anos anteriores; Feijóo incrementouno o equivalente a 5 puntos do PIB

Resumindo, mentres que o goberno bipartito de Pérez Touriño mantivo o endebedamento, en porcentaxe de PIB, practicamente no mesmo nivel que nos dez anos anteriores de goberno de Fraga Iribarne, os tres anos de austeridade e solvencia económica do goberno de Núñez Feijóo, tradúcense nun incremento de máis de 1.000 millóns de euros de débeda por ano. Así, en tres anos o endebedamento da comunidade medrou o equivalente a 5 puntos do PIB.

Lea a información completa n'A Furada do Trasno

Evolución da débeda pública de Galicia, 1995-2012 (millóns de euros). © A furada do trasno

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.