0 Gardados para despois

As mulleres son maioría nos soldos máis baixos e os coidados familiares lastran o seu ascenso

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O decil de salarios é unha das vías para medir a evolución dos soldos nun territorio ao longo do tempo. Trátase dunha operación estatística derivada da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que divide a poboación asalariada en dez grupos en función do importe bruto medio mensual da remuneración que reciben polo seu traballo principal. Coas cautelas ás que obriga o feito de tratarse de valores medios, este indicador permite chegar a conclusións como que os salarios máis altos ascenderon durante a crise un 5% mentres os máis baixos caían un 10%, pero tamén retrata con claridade a fenda salarial de xénero e permite intuír algunha das das súas causas.

Decil do salario medio bruto mensual en Galicia - 2016
1 2 3 4 5
445,52€ 866,15€ 1.116,17€ 1.287,74€ 1.452,24€
6 7 8 9 10
1.638,60€ 1.868,24€ 2.212,63€ 2.764,08€ 4.217,36€

A presenza feminina é maioritaria entre a poboación que non chega a mileurista, mentres que a preponderancia é masculina entre os salarios máis altos

A última actualización destes datos ofrecida polo Instituto Galego de Estatística (IGE), a do ano 2006, sitúa a barreira do mileurismo real -percibir cando menos 1.000 euros netos ao mes- no cuarto decil, o que chega a unha media de 1.287 euros brutos. Ese cuarto decil é, precisamente, o último no que as mulleres galegas son claramente maioritarias fronte aos homes: case 47.000 asalariadas fronte a algo menos de 36.000 asalariados. No tres treitos anteriores a diferenza é aínda máis evidente e acada o seu maior punto no primeiro decil, o do persoal asalariado que non chega, de media, aos 450 euros brutos mensuais: nesta situación atópanse 64.500 mulleres e menos de 18.000 homes en Galicia. 

A relación invértese do quinto decil en diante, cando a diferenza entre sexos pasa a ser relativamente estable sempre a prol dos homes ata chegar ao sector da poboación que cobra os salarios máis elevados, unha media duns 4.200 euros brutos mensuais. Nesta situación están uns 52.000 homes e arredor de 30.000 mulleres.

Malia ás variacións provocadas pola crise económica na estrutura salarial xeral do país, a proporción entre mulleres e homes no decil máis baixo non variou de xeito significativo. A serie completa que o IGE ofrece ao respecto, dende o comezo da década, amosa que nese sector da poboación cos salarios máis baixos a presenza feminina mantense na contorna do 80% e que cando varía faino para que a preponderancia feminina sexa aínda maior.

Esa maior presenza de mulleres entre os sectores da poboación asalariada coas remuneracións máis baixas está intimamente relacionada con outro factor: a maior incidencia das xornadas parciais entre as traballadoras. Así, por exemplo, practicamente 60.000 desas case 65.000 mulleres que non reciben nin 450 euros brutos ao mes exercen traballos con xornada parcial. Mentres, nas xornadas completas con soldos elevados a presenza feminina é minoritaria.

Parte da explicación ao peso da parcialidade no traballo feminino pode ser atopada na propia EPA. Concretamente, na sección da enquisa que analiza as causas das xornadas parciais. No caso do persoal que sitúa como principal causa desa parcialidade os coidados de infancia e persoas maiores ou outras obrigas familiares, as mulleres son ampla maioría. Os datos máis recentes, de finais de 2017, indican que estaban nesta situación case 23.000 mulleres e tan só 1.100 homes en Galicia. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.