A patronal galega lánzase contra a folga feminista e sentencia que pode "prexudicar" a igualdade no traballo

A convocatoria feminista anima a participar a traballadoras de todos os sectores na folga laboral CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) atravesa unha das súas crises institucionais máis profundas. A dimisión de Antón Arias como presidente o pasado xaneiro apenas un ano despois de asumir o cargo foi a última convulsión ata o momento nun escenario marcado polos enfrontamentos internos e a profunda crise económica arrastrada durante a última década. Con este pano de fondo e á espera de que o vindeiro 10 de maio unhas novas eleccións volvan dotar a patronal galega de dirección estable, a xestora que comanda provisionalmente a CEG vén de saír ao paso da folga feminista do 8 de marzo para atacala.

A través dun comunicado feito público na tarde deste mércores a CEG "manifesta a súa oposición á folga do 8 de marzo" porque, a xuízo da xestora, mesmo pode prexudicar a igualdade entre homes e mulleres no ámbito laboral. "A CEG manifesta o seu compromiso coa consecución da igualdade de xénero e a eliminación de calquera discriminación directa ou indirecta", afirman, pero "rexeita as convocatorias de folga" do 8M. A razón, censuran, é que "afectará á produción e prestación de servizos das empresas" e "pode prexudicar as distintas iniciativas de negociación postas en marcha", xustamente, no "ámbito" da igualdade.

"A patronal galega -afirma o documento- está traballando en varias mesas de participación e de diálogo social" nas que "se abordan iniciativas que promoven a igualdade de xénero". Neste sentido, instan a lembrar a existencia da Comisión Consultiva para a Igualdade entre Mulleres e Homes no seo do Consello Galego de Relacións Laborais. Nese órgano, resaltan, estase a redactar unha guía de boas prácticas en materia de igualdade para a negociación colectiva, así como un "estudo sobre a aplicación do principio de igualdade" no mesmo eido e un "protocolo contra o acoso no ámbito laboral".

A patronal galega atravesa unha das súas crises institucionais máis profundas e emite o pronunciamento contra a folga feminista mentres está dirixida por unha xestora provisional

Estes documentos, así como o feito de que xa se "consensuase" unha "cláusula tipo sobre violencia de xénero para os negociadores de convenios colectivos" é para a CEG motivo dabondo como para censurar a mobilización feminista convocada a nivel internacional. "Ademais -agregan- representantes da CEG participaron durante 2017 en negociacións coas organizacións sindicais máis representativas par avanzar nun acordo marco en materia de igualdade", cuestión que tamén se aborda a "nivel estatal".

Parte dos actuais dirixentes provisionais da CEG enfrontáronse ao ex-presidente Arias, ademais de polos propios conflitos internos da Confederación e por declaracións públicas sobre o referendo catalán, polo feito de que o tamén empresario se opuxese publicamente á reforma laboral do PP, desmarcándose así da doutrina estatal da CEOE. A patronal española oponse abertamente á folga do 8M e, con este pronunciamento público, a galega insírese na súa mesma liña política.

A división interna da entidade empresarial ficou patente, non obstante, tamén neste pronunciamento público. Así, pouco despois da difusión da nota da CEG sobre o 8M, a Confederación de Empresarios de Pontevedra dirixiuse aos medios para "desmarcarse rotundamente de dito texto", toda vez que "non foi debatido en ningunha xuntanza da CEG". Non obstante, a CEP "remítese" á posición xeral da CEOE, tamén contraria á folga.

Antonio Fontenla, presidente dos empresarios da Coruña ex-líder da CEG e un dos dirixentes da xestora © CEG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.