De Guindos asegura que non haberá rescate e volve pedir axuda ao BCE

Luis de Guindos, nunha intervención no Congreso © Congreso dos Deputados

Non haberá rescate total. Ou iso é polo menos o que asegura  ministro de Economía e Competitividade, Luis de Guindos, que descartou esta opción ao mesmo tempo que apostou por acabar coa "irracionalidade" dos mercados con actuación "moi específicas" que irían máis aló das decisións do Goberno. Así se manfiestou o titular de Economía, na mesma xornada na que a prima de risco supera marcas históricas, por riba dos 640 puntos e coa rendibilidade do bono español superando o 7%.

De Guindos descarta o rescate e pide actuacións "moi específicas" máis aló dos gobernos

O ministro foi moi contundente á hora de negar un rescate que moitos expertos dan por feito nas vindeiras semanas. "Por suposto" que se pode descartar, asegurou", tras recoñecer a "enorme incerteza" que provoca situacións de "extremo nerviosismo" que só se arranxarían con actuacións alleas aos gobernos, facendo de novo unha chamada á actuación do Banco Central Europeo (BCE), algo que xa solicitaron varios membros do Executivo e do PP durante os últimos días. Aínda así, insistiu máis adiante: "España é solvente, non será rescatada".

Para De Guindos, o Goberno de España xa "fixo o que tiña que facer" ao pór en marcha o proceso de axuste do déficit público, reformas "importantes e o saneamento do sistema financeiro. Ademais, descartou que a reunión que manterá co seu homólogo alemán, Wolfgang Schäuble, sexa extraordinaria ao asegurar que o encontro está previsto desde hai varios días.

Reforma legal das preferentes, pero sen solución para os afectados

Por outra banda, De Guindos anunciou que ben cedo entrará en vixenca a reforma para a comercializacón de participacións preferentes, aínda que xa aclarara que non terá carácter retroactivo, polo que os afectados non poderán recuperar todos os cartos. Para o titular de Economía, o cambio lexislativo evitará que poida repetirse un problema "de tan graves consecuencias sociais".

De Guindos cre que a arbitraxe nas preferentes permitirá a solución para un número "importante" de casos

O ministro explicou que traballa nunha reforma para reforzar os mecanismos de protección do investidor e para endurecer os requirimentos de comercialización deste tipo de produtos. De feito, os investimentos pasarán un test de idoneidade. No entanto, De Guindos non dá solución aos xa afectados polas preferentes e aclara que a Comisión Europea xa aceptou que a arbitraxe teña os mesmos efectos que unha sentenza xudicial, algo que na súa opinión permitirá a solución dun número "importante" de casos, algo que negan as plataformas de afectados.

Do mesmo xeito, o titular de Economía asegurou que o préstamo da Facilidade Europea de Estabilidade Financeira para sanear a banca será variable, aínda que estará preto do 1,5%, tres veces menor que o coste de financiamento externo do FROB nunha situación menos tensa nos mercados. "Son unhas condicións moi vantaxosas", dixo de Guindos, que tamén aclarou que o custo desta axuda poderá financiarse coa rendabilidade que se obteña dos préstamos que se concedan ás entidade financeiras apoiadas.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Luis de Guindos, nunha intervención no Congreso © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.