0 Gardados para despois

As folgas levan catro anos en niveis mínimos en Galicia

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O número de folgas laborais convocadas en Galicia moveuse en niveis moi baixos nos últimos catro anos, segundo os datos que recolle o informe de Conflitividade Laboral que elabora a CEOE. En 2017 foron 37 os paros convocados, nos que participaron ao redor de tres mil traballadores e traballadoras (2.983), sumando un total de 142.904 horas de traballo. Aínda que o número de folgas foi superior ao de 2016, si creceu o número de folguistas e de horas, que hai dous anos acadaran un mínimo. En todo caso, as cifras dende o 2014 seguen en magnitudes moi reducidas, se as comparamos coas que se rexistraron no ano 2013, con máis de 25.000 traballadores e traballadoras implicadas e máis de medio millón de horas de traballo sumadas.

Galicia é a oitava comunidade con máis conflitividade laboral, tras Cataluña, Euskadi, Madrid, Andalucía, Navarra, Cantabria e Asturias

Galicia sitúase como unha comunidade media en canto á súa conflitividade laboral. O seu índice de conflitividade laboral (relación entre as horas de traballo que sumaron as folgas e as horas de traballo totais) é de 0,11, o oitavo entre os 17 territorios do Estado, tras Cataluña, Euskadi, Madrid, Andalucía, Navarra, Cantabria e Asturias. Cómpre salientar que o pasado ano foi claramente Cataluña a comunidade con máis folgas, seguramente motivadas moitas delas polo procés independentista; estes paros sumaron máis de 16 millóns de horas de traballo e neles participaron 1,7 millóns de traballadores e traballadoras. 

Cataluña sumou o 66% das horas de traballo perdidas en folga en todo o Estado e o 86% dos e das folguistas

A situación en Cataluña fixo que o número de folguistas e horas de traballo perdidas no conxunto de España se situase en 2017 no seu nivel máis alto dende o 2012. Naquel ano foran catro millóns as persoas que participaran nalgunha folga e 40 millóns as horas perdidas. E no 2017 foron dous millóns de folguistas (a inmensa maioría en Cataluña) e 25 millóns de horas

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.