Inditex afronta denuncias e sancións en Galicia por contratos temporais e despidos fraudulentos

Protesta polos despedimentos en Zara no CC Marineda © UGT Galicia

Alongar e encadear durante anos contratacións temporais, evitar así os beneficios laborais de acumular antigüidade, pagando menos salarios e superando os períodos máximos permitidos. É unha práctica habitual en moitas empresas co seu persoal, especialmente o feminino. Tamén en Zara, buque insignia do grupo téxtil Inditex, a quen Inspección de Traballo obrigou a transformar 38 contratos eventuais en indefinidos e quen recoñeceu de facto as irregularidades ao aceptar o despedimento improcedente e a indemnización como se fosen fixas de varias traballadoras ás que prefiriu botar antes que volvelas contratar. Así continúa co modelo, o de temporalidade e precariedade. 

Inspección de Traballo obrigou a Zara a transformar 38 contratos eventuais fraudulentes en indefinidos

É o que denuncia a Federación de Servizos de UGT en Galicia sobre as tendas de Zara na provincia da Coruña, unha protesta que se fixo visible este xoves no centro comercial coruñés de Marineda e que se trasladará este venres a Compostela. O sindicato advirte da "fraude na contratación temporal" e dos "despedimentos" que está a levar a cabo Inditex nos últimos meses logo de que se deitase luz sobre unha situación xa antiga. 

Foi a finais de 2016 cando os servizos xurídicos de UGT empezaron a revisar con detalle os contratos ao comprobar que había mulleres con "contratacións eventuais eternas", desde 2012 e mesmo nalgún caso desde 2009, cando eses contratos deberían ter xa pasado a fixos. Detectaron a "fraude" e puxeron as irregularidades en coñecemento da Inspección de Traballo, que instou o grupo Inditex a transformar, como así fixo, 38 contratos en indefinidos tras certificar a denuncia do sindicato. 

UGT denuncia a "fraude" na contratación e os despedimentos das mulleres que se deciden a denunciar

A empresa Zara, a través desta modalidade de contratos fraudulentos, mantén estas traballadoras sen calendarios laborais estables e diferentes aos do persoal fixo, sen vacacións e, como denuncia UGT, "sen esixir os seus dereitos por medo a non ser renovadas". Ademais, o salario é menor ao non acumular antigüidade, que supón neste caso un plus de permanencia de máis de 260 euros ao ano cada cuatrienio. Uns 18 euros ao mes por 15 mensualidades cada catro anos.

Ademais, tal e como denunciaba a central ante a Inspección, estes contratos eventuais adoitan ser tamén de poucas horas, menos das habituais e cun menor salario malia os acordos alcanzados polos sindicatos para que se incrementen as xornadas. "Non estamos falando de grandes soldos, nin moito menos, senón dun sector con salarios baixos no que, aínda por riba, non se chegan ás 40 horas", insisten desde o sindicato. 

O encadeamento de contratos temporais "impide acumular antigüidade, aumentar o salario e ter vacacións e evita protestas polo temor a non ser contratadas"

A transformación deses 38 contratos eventuais en indefinidos supuxo "un éxito" para UGT, sindicato maioritario, que no entanto sabía da existencia de máis persoal con ese tipo de contratación, que se xerou mesmo durante toda a investigación levada a cabo pola Inspección de Traballo. Unhas 60 traballadoras en total estarían afectadas en toda a provincia.  

Segundo denuncia a central, Inditex, advertida polo requirimento da Administración, comezou a "finalizar contratos fraudulentos para evitar transformalos en indefinidos". "Fixérono de forma rastreira", di Álvaro Cajigal, responsable da Federación de Comercio de UGT na Coruña, que lembra que Inspección non pode actuar se non hai unha relación laboral vixente e activa. 

UGT denuncia que Inditex comezou a "finalizar contratos para evitar transformalos en indefinidos" tras a resolución de Inspección de Traballo

Xa que logo, o sindicato animou as traballadoras afectadas a acudir aos xulgados, aínda que moitas delas non o fixeron por medo a non volver ser contratadas. "Se reclamas, igual non volven ser chamadas e teñen ese temor a non volver atopar choio", di Cajigal. Si o fixeron algunhas, ás que Inditex recoñeceu no acto de conciliación previo ao xuízo o despedimento improcedente, ofrecéndolles a indemnización que corresponde a un contrato indefinido. "A empresa recoñece que son persoas válidas, pero prefire despedilas e seguir con contratos precarios", insiste quen advirte dunha práctica moi común, "que tamén se dá na empresa máis grande e no grupo que debería dar exemplo ao resto". 

Inditex recoñeceulles ás denunciantes na conciliación previa ao xuízo o despedimento improcedente e a indemnización por contrato indefinido

Ademais, lembra tamén que o 99% das afectadas nestes casos "son mulleres". "Cando por fin parece que o debate público sobre a igualdade real está na rúa, en grandes empresas con cadros de persoal maioritariamente femininos e onde se debería dar exemplo, permítense este tipo de prácticas, de precariedade e de eventualidade", insiste Cajigal. "Claro que che poden dicir que pagan igual aos homes que ás mulleres porque é así, pero se es unha grande empresa, cunha altísima porcentaxe de mulleres entre o persoal, e fomentas esta precariedade e temporalidade nun sector tan feminizado, non estás colaborando na igualdade, sendo ademais a maior multinacional e debendo ser exemplar", insiste en conversa con Praza.gal. "Non teño as probas de que as prácticas son semellantes en todo o Estado, pero si a certeza e a opinión de que así é", engade.   

Por todo isto, UGT reclama a "readmisión das traballadoras, a regulación da contratación temporal e a fin da fraude nos contratos". Así o manifestaron na concentración levada a cabo este xoves no centro comercial Marineda City e que se repetirá este venres diante da tenda que Zara ten na praza de Galicia. 

Este diario contactou co grupo Inditex e está á espera de coñecer a súa postura respecto da denuncia do sindicato e do requirimento que lle fixo a Inspección de Traballo. 

Protesta polos despedimentos en Zara no CC Marineda © UGT Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.