Un de cada tres fogares galegos, alleo ao mercado laboral

Actividades nunha residencia de maiores do Carballiño © Xunta

Nun terzo dos fogares galegos a variación dos datos de emprego e desemprego non implica mudanzas substanciais. Son alleos á baixada do paro dos últimos anos, case ata niveis previos á crise, e tamén ao feito de que aínda reste un longo treito para recuperar todo o emprego destruído. Trátase dos algo máis de 340.000 fogares do país con todos os seus membros inactivos, isto é con todas as persoas que viven nelas fóra do mercado laboral, a maior parte por estaren xubiladas e, en menor medida, por dedicárense a tempo completo a labores domésticos ou, aínda en menor proporción, a estudar.

A última vaga da Enquisa de Poboación Activa (EPA), o indicador homologable a nivel internacional sobre o mercado laboral, reflicte uns 343.000 fogares galegos con todos os seus membros inactivos. Isto supón un incremento do 20% dende o inicio da serie histórica no Instituto Galego de Estatística (IGE), a mediados de 2009.

Os fogares con todos os seus membros inactivos aumentaron un 20% en menos dunha década e xa superan os 340.000

Esta cifra de fogares marcados pola inactividade laboral dos seus membros presenta unha diferenza fundamental a respecto da evolución dos demais durante os anos da crise. Mentres que as familias con todos os seus membros ocupados descenderon ata comezos de 2014 ata regresar á senda ascendente -agora mesmo son uns 580.000- e os fogares atinxidos polo desemprego aumentaron tamén ata hai catro anos para despois comezar a descender aos poucos, os fogares con todos os seus membros inactivos aumentan devagariño, pero constantemente.

O volume da poboación inactiva tende á estabilidade, pero dentro dela aumenta o peso das persoas xubiladas

As bases de datos do propio IGE permiten ligar esta tendencia á alza dos fogares con todos os seus membros inactivos co problema demográfico que vén sufrindo Galicia durante as tres décadas nas que o número de falecementos supera ao de nacementos. O incremento da esperanza de vida e a baixa natalidade está a aumentar o volume de poboación que abandona o mercado laboral por chegar á idade de xubilación sen que haxa unha remuda para todas estas persoas. Ese desequilibrio non só non é corrixido pola vía da inmigración, senón que é agudizado coa emigración.

Así, de 590.000 persoas inactivas por seren pensionistas ou xubiladas a mediados de 2009 Galicia pasou a superar as 630.000 en apenas unha década. Nese tempo reduciuse o volume de poboación inactiva por atender o traballo do fogar e se mantivo estable a inactividade por estudos.

Estes diferentes comportamentos dan lugar a unha tendencia á estabilidade do volume total de poboación inactiva, pero a mudanzas na súa estrutura, toda vez que as persoas xubiladas ou pensionistas son cada vez máis. Isto sucede nun contexto no que a poboación activa -a que está a traballar e mais a que non o está a facer, pero busca emprego- descende, inchando o descenso do paro. Non en van, dende que o paro tocou teito en Galicia no ano 2014 a evolución interanual da poboación activa de entre 16 e 25 anos é descendente e o mesmo acontece coa que ten entre 25 e 54 anos. Mentres, só aumentou de ano en ano a das persoas maiores de 55, isto é, as máis achegadas ao retiro laboral.

Exterior dunha oficina de emprego CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.