0 Gardados para despois

Galicia aséntase entre os territorios con maior sinistralidade laboral no Estado

Redacción | @prazapublica

A sinistralidade laboral aumenta e aséntase en Galicia, que se situou no primeiro trimestre de 2018 como a segunda comunidade autónoma con máis accidentes graves. En total, 6.649 traballadores sufriron algún percance nese período, o que supón un incremento de 3,5% respecto ao mesmo período do ano anterior. Oito persoas morreron, 117 resultaron feridas de gravidade e 6.524 de carácter leve. 

Galicia sitúase como a segunda comunidade con máis accidentes graves no primeiro trimestre do ano, tras un incremento do 33%

Destácao o sindicato UGT, que debulla os datos sobre sinistralidade do INE para alertar do "forte incremento de sinistros graves" no país, ao pasar de 88 no primeiro trimestre de 2017 a eses 117 deste ano, un incremento do 33% "preocupante" segundo a central. Así, Galicia queda como o segundo territorio con máis sinistros laborais deste tipo, só superada por Andalucía e moi afastada de comunicades como Cantabria (7), Euskadi (36), Aragón (19) ou Asturias (18). 

De feito, tan só na provincia da Coruña, con 45 sinistros graves nun trimestre, rexistráronse máis accidentes que no País Vasco, Aragón ou Castilla-La Mancha xuntas. Por actividades económicas, destaca a industria manufactureira con 1.951 accidentes; seguida do comercio, venda e reparación de vehículos a motor, con 923 sinistros; a construción, con 815 accidentes; e as actividades sanitarias e de servizos sociais, que acumulan un total de 565 accidentes con baixa laboral no primeiro trimestre de 2018.

No último ano, Galicia colócase nos primeiros postos da estatística de accidentes graves e mortais no Estado

De abrir máis o foco, fixándonos no último ano, Galicia é a terceira comunidade autónoma con máis accidentes graves e a cuarta con máis sinistros mortais. Entre abril de 2017 e marzo de 2018, rexistráronse 459 sinistros graves e 43 mortais. 

Ademais, en canto ao estudo do índice de incidencia (número de accidentes de traballo por cada 100.000 traballadores coas continxencias profesionais cubertas), Galicia sitúase no segundo lugar en canto aos sinistros graves, cun índice de incidencia do 56,7, duplicando a media do Estado e só superada por Extremadura. Ao tempo, o país é o segundo territorio con maior índice de incidencia de accidentes mortais, 5,3, só por baixo de Cantabria (7,4). 

A incidencia dos accidentes graves en Galicia é a segunda maior do Estado, duplicando a media española

No que ten que ver co índice de incidencia total, tan só Galicia, Extremadura e a Comunitat Valenciana viron medrar a súa cifra nese período. En Galicia incrementouse un 2,7% fronte ao descenso do 3,2% no conxunto do Estado.

Accidentes en xornada de traballo (xaneiro-marzo 2017/2018)
  LEVES     GRAVES     MORTAIS     TOTAIS    
  2017 2018 % 2017 2018 % 2017 2018 % 2017 2018 %
A Coruña 2.824 2.884 +2,1 29 45 +55,1 4 3 -25 2.857 2.932 +2,62
Lugo 661 685 +3,6 16 19 +18,7 0 4 +400 677 708 +4,57
Ourense 667 710 +6,4 8 13 +62,5 1 0 -100 676 723 +6,95
Pontevedra 2.174 2.245 +3,2 35 40 +14,3 3 1 +66 2.212 2.286 +3,33
GALICIA 6.326 6.524 +3,1 88 117 +33 8 8 -- 6.422 6.649 +3,53


UGT-Galicia considera que todos estes datos amosan "un panorama preocupante" para o que "uxe tomar medidas". "A sinistralidade non pode converterse nunha característica inherente ao mercado laboral desta comunidade", di o sindicato, que cre "evidente" que os anos de crise provocaron "unha forte precarización do mercado laboral galego", xunto coa "imposición dunha reforma laboral que só trouxo precariedade e situou o traballador na parte máis débil da balanza en relación ao empresario". 

A central cre que estes índices negativos son "unha gran lacra para o mercado laboral galega e advirten de que "hai lexislación, medidas e medios" para atacala, pero que "o que falta é vontade por parte dos empresarios e das administracións". Así, propón unha serie de medidas a implementar, como "derrogar as normas que impediron que todos os colectivos teñan o mesmo grao de protección da súa saúde", reverter a reforma do marco xurídico das mutuas, "que supuxo un recorte nos dereitos de traballadoras e traballadores e que só serviu para que estas invadisen competencias dos servizos públicos" ou "intensificar as políticas activas en materia de prevención".

UGT-Galicia "urxe a tomar medidas" ante o "panorama preocupante" da sinistralidade laboral

Tamén aposta por "reforzar os mecanismos de control", a incorporación da "perspectiva de xénero na actividade preventiva", incrementar a vixilancia e control das actuacións en materia de prevención de riscos laborais por parte da Inspección de Traballo e Seguridade Social ou "recuperar os investimentos públicos en materia de prevención de riscos laborais".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.