Aumenta a fenda entre os salarios máis altos e os máis baixos en Galicia

Diferenza entre o salario medio anual Dominio Público Praza Pública

O salario anual medio en Galicia sitúase nos 21.082,12 euros brutos. Pero esa media é produto dun amplo abano de situacións nas que unhas persoas cobran máis que outras, unhas fendas que ano a ano se fan máis grandes en lugar de reducirse. E, ademais, os indicadores permiten constatar unha serie de factores que de forma invariable están presentes diferenzas salariais: Os homes gañan máis que as mulleres, as persoas entre 45 e 65 anos cobran máis que os menores de 35 e persoal da industria recibe moito máis que os e as traballadoras do sector servizos.

A Enquisa Anual de Estrutura Salarial correspondente a 2016, publicada este martes polo INE, amosa un crecemento constante do salario medio en Galicia dende o ano 2012, cando se situaba nos 19.389 euros. O ascenso de case dous mil euros achegou a media galega á do conxunto de España (23.156), que experimentou nestes anos un crecemento menos importante. Con todo, segue habendo un diferencial de mais de dous mil euros entre os salarios galegos e os españois. A mediana (o salario máis frecuente en Galicia) tamén crece, ata situarse nos 18.146 euros brutos anuais, fronte aos 19.432 euros do conxunto do Estado.

O 10% de galegos e galegas con salarios máis altos pasou de cobrar 33.585 euros anuais en 2012 a recibir 36.900 en 2016. Pola contra, o 10% de galegos e galegas con salarios máis reducidos moveuse entre os 7.815 euros anuais en 2012 e os 8.162 de 2016

Porén, esta suba experimentada dende o ano 2012 é produto, sobre todo, dunha mellora nos salarios máis altos, mentres que as persoas con ingresos máis baixos ven como os seus soldos están practicamente estancados dende entón. Así, o 10% de galegos e galegas con salarios máis altos pasou de cobrar 33.585 euros anuais en 2012 a recibir 36.900 en 2016. Pola contra, o 10% de galegos e galegas con salarios máis reducidos movéronse entre os 7.815 euros anuais en 2012 e os 8.162 euros de 2016, un ascenso mínimo, incrementándose a fenda entre o perecentil superior e o inferior.

O mesmo se observa ao analizar o cuartil superior (o 25% de asalariados/as con soldos máis altos) e o inferior (o 25% con soldos máis baixos). Os primeiros pasaron de 22.688 a 25.611 euros (+13%), mentres que os segundos movéronse dos 12.719 aos 13.136 euros (+3%). Ou expresado doutro xeito: a diferenza entre uns e outros pasou de ser de 9.969 euros anuais a 12.475 euros anuais.

Os homes galegos reciben un salario un 30% superior ao das mulleres, unha fenda duns 5.480 euros anuais. Antes do inicio da crise, no ano 2008, a diferenza era duns 4.459 euros anuais

Aumenta tamén a fenda de xénero, especialmente entre o 2015 ao 2016. Neste último ano con datos, os homes galegos reciben un salario un 30% superior ao das mulleres, unha fenda duns 5.480 euros anuais. Antes do inicio da crise, no ano 2008, a diferenza era do 27% e a fenda era duns 4.459 euros anuais. A diferenza salarial por sexo dáse en todos os grupos de idade, e aínda que máis alta nos maiores de 55 anos (soldos un 32% superiores nos homes), tamén se produce na mocidade (soldos un 25% superiores nos homes entre 25 e 34 anos). 

Os mozos e mozas entre 25 e 34 anos cobraban 16.464 euros anuais en 2016, menos do que recibían no ano 2009 (16.585)

As diferenzas por idade son fundamentais e veñen crecendo dende o inicio da crise. Os mozos e mozas entre 25 e 34 anos cobraban en 2016 16.464 euros anuais, menos do que recibían no ano 2009 (16.585). Nos restantes grupos de idade houbo un descenso salarial no ano 2012, o momento máis duro da crise, pero dende entón os seus ingresos veñen incrementándose de forma lenta pero sostida. 

Diferenza entre o salario medio anual Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.