Os salarios xa só representan o 42,7% do PIB galego, fronte ao 48% de 2009

Evolución dos peso porcentual dos compoñentes do PIB en Galicia Dominio Público Praza Pública

Os salarios representan o 42,7% do PIB de Galicia, fronte ao 47,3% das rendas empresariais, segundo reflicten os datos publicados este xoves polo IGE referidos á contabilidade trimestral. No ano 2009 a remuneración dos traballadores e traballadoras sumaba o 48%, fronte a un 43,8% das rendas do capital e dende entón o peso do valor do traballo na economía galega non deixou de descender. En 2013 as rendas empresarias superaron aos salarios por vez primeira e nos catro anos seguintes a diferenza entre ambas as dúas compoñentes do PIB non deixou de aumentar.

UGT-Galicia destaca que "a crise trouxo consigo un claro trasvase das rendas do traballo cara aos beneficios empresariais que a recuperación económica non está a corrixir, todo o contrario"

UGT-Galicia destaca que "a crise trouxo consigo un claro trasvase das rendas do traballo cara aos beneficios empresariais que a recuperación económica non está a corrixir, todo o contrario". "De feito, o volume de remuneracións de persoas asalariadas está en mínimos históricos, o contrario do que lles acontece aos excedentes de explotación/rendas mixtas. Os salarios en Galicia seguen sen recuperar o posto que lle corresponde na economía", engade o sindicato.

"Abaratáronse os custos laborais, os traballadores son vítimas de incisivos recortes dos seus dereitos laborais e, aínda por riba, promoveuse un cuantioso trasvase de rendas das persoas asalariadas ás empresas. A consecuencia disto é que as empresas saíron da crise hai tempo, recuperando os niveis de beneficios anteriores ao ano 2008, pero non así as persoas traballadoras ás que aínda lles falta moito para recuperar os niveis salariais previos á crise", denuncia UGT-Galicia.

O sindicato lembra que no conxunto do Estado, aínda que tamén se produciu "unha perda do peso da remuneración de asalariados sobre o total das rendas dende o 2008 ao 2017", as rendas salariais seguen a ter un peso superior que as rendas do capital, como se pode ver neste gráfico dos últimos anos:

Para UGT-Galicia "a tan publicitada por algúns recuperación económica" está a ter efectos "ben distintos" sobre o crecemento do PIB e sobre o crecemento do emprego a tempo completo"

Para UGT-Galicia "a tan publicitada por algúns recuperación económica" está a ter efectos "ben distintos" sobre o crecemento do PIB e sobre o crecemento do emprego a tempo completo". "O crecemento económico trasládase en maior medida a beneficios empresariais que á mellora do emprego", salienta o sindicato, que considera "inxusto" que "nas fases recesivas os axustes se fixeran a costa do emprego e salarios e agora que chega unha fase expansiva son os beneficios empresariais os máis beneficiados".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.