0 Gardados para despois

Ana Pastor asume que Galicia está "discriminada" por non ter alternativa á AP-9

Redacción | @prazapublica

A ministra de Fomento, Ana Pastor, recoñece que Galicia sofre "unha discriminación" ao non existir alternativa á autoestrada AP-9, pero asegurou que está "a dar a batalla" coa concesionaria da vía, Audasa, logo dunha nova suba no importe das peaxes. A titular de Fomento descartou "o rescate" da concesión de Audasa na Autoestrada do Atlántico, pero asegurou que o Goberno "traballa" na procura dunha solución. 

"Supón unha falta de solidariedade entre os territorios", asegura Ana Pastor

Segundo Ana Pastor, a devandita "discriminación" galega é un tema "sen resolver" que lle "preocupa" porque supón "falta de solidariedade entre os territorios". Sobre a posible solución, sinalou que Fomento segue traballando "nunha alternativa á autoestrada de peaxe", de forma paralela ás negociacións coa concesionaria.  "Estou a dar a batalla", asegurou a ministra en referencia ás conversas mantidas coa concesionaria.

Cuestionada sobre se está pensando nun rescate da concesión, a ministra sentenciou que o ministerio está "cos pés na terra", en referencia á crise económica, e que o que pensa, en alusión á débeda de Fomento que cifrou en 40.000 millóns de euros, é en "devolver" ese diñeiro.

Por outra banda, a preguntas dos xornalistas sobre a data de licitación do tramo da AVE entre Ourense e Taboadela, Pastor lembrou que é "o único que queda por adxudicar", pero non concretou prazos. "No momento no que os técnicos o teñan preparado, sacareino a licitación", indicou a ministra, quen recalcou que os técnicos están "a estudar" o proxecto.

"O resto está adxudicado todo e espero que en moi poucos días, unha vez que a adxudicación sexa definitiva e se eleve a cada un dos adxudicatarios, poidan empezar", aclarou en relación ás obras na AVE.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.