As clases media e alta representan só o 28% da poboación galega

Porcentaxe de poboación galega en cada grupo social en función da súa renda © Fundación Ramón Areces

"Todos somos clase media", adóitase escoitar. A categoría, difusa, serve moitas veces para ocultar diferenzas importantes na renda e no nivel de vida da poboación. A Fundación Ramón Areces e o Instituto Valenciano de Investigacións Económicas veñen de publicar un informe sobre a distribución da renda ao longo da crise económica no Estado español e en cada unha das comunidades autónomas. O estudo salienta que entre 2007 e 2016 o peso das clases alta e media en Galicia descendeu máis de cinco puntos, ficando por debaixo do trinta por cento (28,5%). Por debaixo deste nivel ficaría unha clase media-baixa que abranguería o 35,1% da poboación e outro 36,4% de galegos e galegas en situación de pobreza.

A clase media foi a que máis diminuíu nos peores anos da crise, pasando de representar o 24,1% da poboación a ser só o 19%

O informe analiza a evolución destes grupos sociais entre 2007 e 2013 e entre 2013 e 2016, recollendo un forte incremento desta poboación pobre nos seis primeiros anos de crise (do 33,6% ao 43,2%), descendendo nos tres anos seguintes de recuperación económica ata o 36,4%. A clase alta reduciuse ata o 2013 do 9% ao 6,4%, crecendo posteriormente unhas décimas. A clase media foi a que máis diminuíu nos peores anos da crise, pasando de representar o 24,1% da poboación a ser só o 19%. Dende o 2013, a porcentaxe de poboación que o estudo enmarca neste grupo social volveu crecer, ata o 21,8%, pero lonxe aínda dos niveis previos á crise.

Apenas o 28,5% da poboación galega ten unha renda igual ou superior á renda media española, fronte ao 35,6% que supera este nivel no conxunto no Estado

Apenas o 28,5% da poboación galega ten unha renda igual ou superior á renda media española, fronte ao 35,6% que supera este nivel no conxunto no Estado. No ano 2007 a porcentaxe de galegos e galegas que superaban a renda media era o 33,1% e no conxunto de España o 41,4%. Neste indicador, tan só Estremadura, Andalucía, Castela-A Mancha, Canarias e Murcia fican por debaixo de Galicia, é dicir, cunha maior proporción da súa poboación por debaixo da renda media do Estado. 

"O impacto da crise sobre as diferentes xeracións foi tremendamente asimétrico, incidindo especialmente sobre a poboación máis nova"

O informe conclúe que "estamos aínda lonxe de alcanzar os niveis de oportunidade de renda e emprego que tiñamos en 2007", cifrando a distancia que nos separa daquela situación nuns 15 puntos porcentuais en oportunidades de renda e máis de 20 puntos porcentuais en oportunidades de emprego. Así mesmo, salienta que "o impacto da crise sobre as diferentes xeracións foi tremendamente asimétrico, incidindo especialmente sobre a poboación máis nova". O grupo de idade comprendido entre 16 e 30 anos viu como se reduciron as súas oportunidades de renda á metade das que tiñan en 2007 e as de emprego ao 60% das que tiñan naquel ano, conclúe.

Porcentaxe de poboación galega en cada grupo social en función da súa renda © Fundación Ramón Areces

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.