Condenado o propietario da franquía de McDonald's en Ourense por ameazas e lesións a traballadoras

Establecemento de McDonald's en Ourense © Google

Un delito leve de ameazas e outro de lesións a dúas traballadoras. É a conduta na que, segundo o Xulgado de Instrución número 1 de Ourense, incorreu o propietario da franquía da cadea de comida rápida McDonald's nesta localidade. A condena, revelada pola CIG, é o resultado dos "feitos acontecidos o pasado mes de abril, durante o proceso de eleccións sindicais" nos que dos tres postos en xogo dous foron obtidos pola representación da central soberanista e un terceiro, "por unha persoa promovida e amparada polo empresario", asegura o sindicato.

Segundo a Unión Comarcal da Confederación Intersindical Galega en Ourense, o empresario agora condenado "empregouse a fondo en impedir por todos os medios" que esta central "obtivese representación sindical" e "utilizou todo tipo de métodos" para tentar logralo. Entre eles, din, "ameazas, coaccións, presións e mesmo actitudes de agresividade física, de maneira moi especial con mulleres". Dúas delas denunciaron os feitos ante a Policía, o que derivou nun xuízo e agora, nunha condena.

Ademais da denuncia policial, a CIG emprendeu a princpios de xuño outra polos mesmos feitos ante a Fiscalía da Audiencia Provincial de Ourense á que agora, advirten, achegarán tamén a sentenza que vén de se coñecer. O sindicato tentará que o Ministerio Público "teña en conta a sentenza como proba documental". "Tamén -agregan- nos dirixiremos á matriz de McDonald's España en Madrid para reclamarlle medidas cautelares contra o seu franquiciado". Concretamente, instarano a "retirarlle a titularidade da franquía" por tratarse dun empresario "insoportablemente déspota, machista e antidemócrata".

A denuncia na Fiscalía

A denuncia presentada pola CIG ante a Fiscalía contra o dono da franquía ourensá de McDonald's defende que o administrador único da empresa, Esteban C.M., cometeu "presuntos delitos de lesións, contra a integridade moral e atentado contra a liberdade sindical". O secretario comarcal do sindicato e mais a secretaria das Mulleres en Ourense, Xulia González, tramitaron un escrito segundo o cal o empresario "comezou a coaccionar de xeito individual" ás "case 40 persoas" que conforman o cadro de persoal da emprea "nada máis chegarlle a notificación" de inicio do proceso de elección sindicais. Pretendía, din, que "lle dixesen quen se ían presentar na candidatura da CIG".

Alén da denuncia ante a Policía que rematou en xuízo, a CIG levou o caso ante a Fiscalía para renunciar "presuntos delitos de lesións, contra a integridade moral e contra a liberdade sindical"

A representación do persoal achegou á Fiscalía "gravacións" nas que, aseguran, "se aprecia" que o empresario "non quere que a CIG teña representación, ademais de advertir" ao persoal de que "no le van a tocar los cojones". Por este motivo, sempre segundo o relato da denuncia, "nestes encontros individuais tentou lograr candidatos e candidatas para promover unha lista 'independente', facendo referencias expresas ás datas de exitnción dos contratos". "Estas mesmas ideas -relatan- foron expresadas publicamente polo empresario duante de todo o cadro de persoal" o 31 de marzo, "nunha xuntanza convocada por el mesmo con asistencia obrigada malia carecer de contido laboral e pagada pola empresa como horas extra".

Pero a actitude do propietario da franquía, segundo a CIG, "foi máis alá" cando tivo coñecemento ofical "dos nomes das persoas" que ían concorrer ás eleccións. "Pasou de lembrar nas conversas as datas de finalización dos contratos" a aludir a "supostos favores pasados, promesas de contratación de familiares ou adecuacións horarias para a conciliación". E, sobre todo, "a actuacións de pura coerción física, chegando a encararse con algúns empregados e mesmo cruzándolle o coche na estrada a unha traballadora" ou a "acurralar outra traballadora no cuarto de persoal". A outra máis, din, "manifestoulle que se saía elixida delegada de persoal, la iba a crujir'".

O secertario comarcal da CIG en Ourense, Anxo Carballo, e a secretaria das mulleres, Xulia González, ao presentaren a denuncia na Fiscalía CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.