A normativa sobre despido colectivo deixa "indefenso" ao persoal laboral das administracións

Manifestación en defensa dos servizos públicos Dominio Público @bretemas

Os sindicatos critican con dureza a nova normativa sobre despido colectivo, adiantado polo Faro de Vigo, e que podería permitir regulacións de emprego nunha administración pública por falta de dotación orzamentaria o que, segundo as centras sindicatis, deixa "indefenso" o persoal laboral das Administracións Públicas, ademais de "vulnerar, unha vez máis, a negociación colectiva".

"É un elemento devastador que vai afectar a todo o persoal, non só temporais e indefinidos, senón tamén aos fixos"

Así, a CIG-Administración destaca que o feito de que se desenvolva esta regulamentación "é un elemento devastador” que vai afectar "a todo o persoal, non só temporais e indefinidos, senón mesmo ao persoal laboral fixo que ten superado procesos selectivos".

Porque segundo o procedemento previsto, será a propia administración quen decida sobre despedimentos colectivos na administración, para o que lle abondaría con infradotar orzamentariamente cun 10% calquera ente e entrar así nun proceso de despedimento colectivo xustificado polas causas económicas que prevé a nova normativa.

Ademais, no caso de causas organizativas, a CIG alerta de que "abondará con xustificar que o servizo se poida prestar externamente reducindo custos" e de que o único criterio para priorizar a afectación dos despedimentos vai ser "o ter pasado un proceso selectivo". “A partir de aí non existen criterios, nin a antigüidade, nin ningún outro, quedando expedita a vía da selección arbitraria por parte da Administración de a quen despedir e a quen non”, denuncian.

"É un paso máis, non só para reducir a administración, senón tamén para privatizala"

A CIG cre que a normativa que se prepara “é un paso máis, non só para reducir a administración, senón tamén para privatizala, ao permitir que empresas privadas asuman tarefas desenvolvidas por empregados públicos”.

Ademais, a Área Pública de CCOO a nivel estatal destaca que a regulación dos procedementos de despedimento colectivo no ámbito das Administracións Públicas supón unha "perigosa novidade" para o conxunto do sector público ao establecer, por primeira vez, "cal vai ser o procedemento concreto e específico para o despedimento colectivo do persoal laboral xa que se consagra, normativa e definitivamente, o posible despedimento colectivo coa aprobación da canle a seguir, o que pode contribuír a converter a partir de agora en algo habitual unha cuestión excepcional e puntual".

CCOO advirte que unha vez a Administración que sexa "opte por aplicar un despedimento colectivo, a súa aprobación vai resultar practicamente inevitable e, ademais, nos termos expostos inicialmente". Para o sindicato, o regulamento é "un mero formalismo a seguir para chegar ao obxectivo fixado: o despedimento". "Mentres o borrador para o sector privado deixa a porta aberta a unha posible negociación entre as partes, no sector público establécese unha presunción de que, como quen despide é unha Administración Pública, o despedimento é inevitable, non hai máis remedio e as razóns que apunta gozan dunha presunción de veracidade", asegura.

Ademais de deixar "indefensos" ao persoal laboral das Administracións Públicas, esta normativa dota as administracións empleadoras dunha capacidade "exorbitante e vulnera o dereito de negociación colectiva garantido pola Constitución Española e os Convenios Internacionais ratificados por España". Por último, CCOO subliña ademais que o emprego público é único, composto por persoal laboral e funcionario, e haberá de determinarse, "so pena de incorrer en arbitrariedade, que postos de traballo son o non precisos, algo que esixe unha xustificación no marco dun plan de Emprego negociado".

Manifestación en defensa dos servizos públicos Dominio Público @bretemas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.