0 Gardados para despois

A CIG sinala as dificultades que Citroën, Pescanova, Froiz ou Inditex impoñen á conciliación

Redacción | @prazapublica

A CIG vén de iniciar unha mobilización "para rexeitar os atrancos da empresa á hora de conciliar a vida laboral e familiar". O sindicato convocou unha concentración para este martes que dá continuidade á denuncia xudicial presentada contra o acordo entre a compañía de automoción e os sindicatos SIT-FSI, CCOO e UGT "que limita a posibilidade de acollerse á redución de xornada", subliña a CIG.

O sindicato quere poñer o foco nas dificultades que na maior parte das empresas as traballadoras e traballadores atopan para poder reducir a súa xornada laboral ou para poder acollerse a horarios flexibles

O sindicato quere poñer o foco nas dificultades que na maior parte das empresas as traballadoras e traballadores atopan para poder reducir a súa xornada laboral ou para poder acollerse a horarios flexibles. A central salienta ademais que "é unha cuestión que afecta maioritariamente ás mulleres, xa que arredor do 95% dos traballadoras/es que deciden acurtar o seu tempo de traballo para o coidado de persoas dependentes (fillos/as, maiores, discapacitados/as ou enfermos/as) son mulleres".

A mobilización está enmarcada na campaña que a CIG desenvolverá ao longo dos vindeiros meses baixo o lema “Xa é hora de avanzar nos nosos dereitos” e que busca visibilizar, denunciar, sensibilizar e combater as discriminacións que sofren as mulleres, polo feito de o seren, no mundo do traballo. “Lanzamos esta campaña conscientes da necesidade de loitarmos contra as diferenzas salariais, contra o desemprego, contra a minusvalorización dos traballos feminizados, contra a problemática derivada dos coidados (dentro e fóra do fogar), contra os salarios de miseria, contra a precariedade, a eventualidade, as xornadas parciais, o acoso machista. Por todas e cada unha das discriminacións e explotacións que requiren unha resposta do feminismo de clase”, salienta a responsable da Secretaría das Mulleres da CIG, Margarida Corral.

En concreto, en Citroën a CIG denuncia que o acordo asinado entre a empresa e os tres sindicatos "limita o goce do dereito á redución de xornada por parte do cadro de persoal", xa que "impón ou ben a redución da metade da súa xornada ou ben do 25%”, impedindo que cada traballador ou traballadora poida escoller as horas que quere reducir. "Ademais, pasan a un sistema de rotación de quendas de duración anual con horarios establecidos pola empresa. Isto supón que es trasladada/o para a quenda de noite cunha bolsa de horas complementarias, polo que sabes a que hora estras pero non cando saes”, engade a central.

 

Outras empresas

A CIG lembra que "é moi habitual" que as traballadoras e traballadores atopen "moitos problemas" á hora de gozar do dereito á redución de xornada. En concreto, citaron casos como os de Pescanova na Coruña, Froiz ou o grupo Inditex. O sindicato engade que a situación "é aínda moito peor" nas empresas de menos de 250 traballadoras e traballadores, “xa que non están obrigadas por lei a ter un comité de igualdade”.

A CIG denuncia que Inditex denega de xeito arbitrario a meirande parte das solicitudes de concrecións horarias das reducións de xornada e non aplica as medidas de flexibilización horaria

Hai uns meses traballadoras de Inditex, nomeadamente da firma Bershka, mobilizáronse para visibilizar os impedimentos que atopan para poder conciliar a vida laboral e familiar. A protesta coincidía co xuízo pola demanda presentada por unha traballadora a quen a dirección da empresa lle denegara a concreción horaria que solicitara para poder coidar da súa nena. Finalmente, o xuízo foi suspendido ao chegarse a un acordo con Bershka tras unha "longa, dura e tensa negociación". A CIG denuncia que Inditex denega de xeito arbitrario a meirande parte das solicitudes de concrecións horarias das reducións de xornada e non aplica as medidas de flexibilización horaria da xornada sen reducila.

De igual xeito, foron varias as concentracións que nos últimos meses levaron a cabo traballadoras de Froiz en toda Galicia para denunciar o incumprimento do seu convenio laboral, por exemplo no que respecta á denegación dos días de asuntos propios ou a excesos de xornada. En Froiz “se tes quenda partida e solicitas reducir a tarde non cha aceptan e mándanche comezar a rotar en quendas semanas de maña e tarde", denuncia o sindicato que comenta que "ao cumprir os 8 anos de idade as crianzas, chaman de Recursos Humanos para que fagan una renovación da redución (que agora é extensiva aos 12 anos) que aproveitan para modificar os horarios, especialmente nos casos en que as persoas teñan quenda única de mañá ou non traballen os sábados".

O sindicato engade que a situación "é aínda moito peor" nas empresas de menos de 250 traballadoras e traballadores, “xa que non están obrigadas por lei a ter un comité de igualdade”

Finalmente, en Pescanova -denuncia a CIG- naqueles casos de persoas con contrato a tempo parcial ligado a unha flexibilidade horaria en termos absolutos "a empresa négalle o dereito á concreción horaria ao persoal con crianzas menores de 12 anos, empregando o argumento de que só se pode concretar o horario se hai redución de xornada".

O sindicato engade que as dificultades danse mesmo en administracións públicas e que por exemplo o SERGAS "segue a aplicar a lexislación anterior e só acepta reducións de un terzo ou de media xornada. “É moi común a denegación das reducións de xornada nos PAC ao coincidir varias persoas con crianzas a cargo. Alén diso, nos meses de verán auméntanlle a xornada xusto cando solicitaban reducir”, conclúe a CIG.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.