Case 15.000 mulleres incorpóranse ao mercado laboral e compensan as anteriores subas do paro feminino

Traballadoras dunha conserveira CC-BY-NC-SA CIG

A Enquisa de Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre do ano adoita ser propicia para o mercado laboral pola chegada do bo tempo e as contratacións de Semana Santa. Malia a precaria calidade do emprego e a temporalidade, a creación de postos de traballo é alta. Así o foi tamén en Galicia entre os meses de abril e xuño deste 2018, ao aumentar o número de ocupados en 25.700 persoas con respecto ao trimestre anterior ata situarse nas 1.075.800 logo dun incremento de 1,1 puntos. 

A ocupación aumentou no segundo trimestre en 26.900 persoas, pero máis entre as mulleres, con 17.700 ocupadas máis

Así, neste pasado trimestre, aumentaron tanto a ocupación masculina como feminina, pero fíxoo algo máis entre as mulleres: o número de ocupados varóns incrementouse en 11.000 persoas mentres que a das mulleres subiu en 14.700. Respecto a hai un ano, a ocupación feminina aumentou case o dobre que a masculina, 17.700 ocupadas máis fronte aos 9.200 homes máis (26.900 máis entre os dous sexos). 

Estes datos positivos para o mercado laboral feminino compensan as anteriores subas do paro entre as mulleres. De feito, na EPA do primeiro trimestre deste ano, o paro só aumentara entre as mulleres, en 4.900 persoas, mentres que baixara en 600 persoas entre os homes. Desta vez, o paro descendeu en Galicia no segundo trimestre en 11.500 persoas até quedar en 175.000. 

Con respecto ao segundo trimestre do ano 2017, o número de parados e paradas diminúe en 26.500 persoas (un -13,2%) e a taxa de paro 2,1 puntos. Nesta ocasión, diminúe tanto o paro masculino coma o feminino: aínda que hai 8.800 menos parados que hai tres meses polas 2.600 mulleres menos en paro. En canto a hai un ano, o número de parados entre os homes descende en 17.300 persoas e o de paradas, en 9.100. 

A creación de emprego, con todo, está vinculada sobre todo ao sector servizos e á hostalería. Así, mentres que a ocupación descende no sector primario (-5.500 persoas) e na industria (-400) con respecto ao trimestre anterior, aumenta en 3.000 persoas na construción e en 28.800 traballadores máis no sector servizos.

Mentres na industria e no sector primario se destrúe emprego, a ocupación medra na construción e, sobre todo, no sector servizos

Con respecto ao mesmo trimestre de 2017, a ocupación diminúe na agricultura e pesca un 12,1% e na industria un 1%; pola contra, na construción a ocupación aumenta un 1,3% e nos servizos un 5%. O tipo de mercado laboral non muda. Así, a taxa de temporalidade aumentou mesmo unha décima neste trimestre, ata situarse no 26,8%.

No que ten que ver cos fogares, o número deles no que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 8.300 unidades neste segundo trimestre e sitúase en 60.600. Respecto ao segundo trimestre de 2017, esta situación redúcese un 11,5% nas familias galegas. Ao tempo, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 10.700 unidades. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 19.800 fogares máis nesta situación. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.