0 Gardados para despois

Eliminar o déficit corrente a cero suporía volver ao nivel de ocupación do ano 2000

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


A economía española pechou 2011 cun crecemento interanual do 0,7%. Destruíronse 600.000 postos de traballo. O déficit por conta corrente minguou en 8.000 millóns mais, a peche do mes de novembro, aínda hai un déficit corrente de máis de 36.000 millóns. Se se cumpren as previsións do Banco de España e a economía cae un 1,5%, a destrución de emprego podería ser tres veces superior se non se relaxan os obxectivos de déficit e non se frea o incremento do barril Brent. Este é o panorama que sobrevoa sobre a cabeza dun mercado laboral deteriorado, improdutivo e excesivamente dependente do mercado interno. As exportacións, que ían ser a locomotora da economía, tamén está fallando.

O ministro de Economía e Competitividade, Luis de Guindos, afirmou este xoves no Congreso que, desde o inicio da crise, non houbo recuperación económica en España. O certo é que si existiu crecemento (positivo) da economía, pero demasiado feble como para crear emprego. A exportación foi clave para remontar, con décimas, a profunda recesión económica. Pero os países do entorno, aos que máis exporta a economía española, tamén teñen problemas de crecemento económico: Portugal, Alemaña, Italia, Grecia, Holada... Co sector financeiro aínda con severos problemas, o panorama é aínda máis negativo para 2012 do que o foi o ano pasado.

Déficit conta corrente

O déficit por conta corrente prodúcese cando a balanza de pagamentos dun país é negativa. Isto é, que se compra ou gasta máis do que se vende ou ingresa. Se se atende aos datos dispoñibles do Banco de España, vése que o balance negativo deste indicador foi moi severo durante os anos da burbulla inmobiliaria. Isto significa que a expansión do sector da construción sufragouse con capital exterior, débeda, que agora hai que devolver. O proceso de desapalancamento é o que agora afoga a economía española e que aínda acaba de comezar.

Déficit conta corrente. En millóns de euros
  Conta corrente
2007 -105.266
2008 -104 676
2009 -54 481
2010 -48 404
2011 -45 830
2012 -36 179

Como se observa na táboa, aínda hai un déficit corrente superior a 36.000 millóns de euros. O déficit total da economía española superará amplamente, segundo as previsións, o 6% do PIB. A austeridade, pola presión europea, fará que España deba pechar 2012 no 4,4%, o que precisará dun recorte duns 40.000 millóns de euros. Mais cómpre ter en conta que a redución do déficit corrente en 8.000 millóns, durante 2011, repercutiu na destrución de 600.000 postos de traballo.

De aí que analistas como Juan Carlos Barba falen de que, se non se modifican os obxectivos de déficit e se abandona a "teima" da austeridade, o incremento do paro vai ser aínda máis histórico do que xa o foi desde o inicio da crise. Unha estabilización do déficit podería causar a desaparición doutros 2,5 millóns de empregos, tendo en conta tanto a progresiva redución do déficit ata o obxectivo cero como a caída do PIB que se espera para este ano. España non crea emprego neto se non medra por riba do 2% interanual. As previsións falan dun crecemento de, como moito, o 1,3% dentro de tres anos.

 

A reforma laboral, que non serve para crear emprego e alivia as dificultades para prescindir de traballadores, pode ser outro factor máis que precipiten a cifra de ocupados españois a niveis do ano 2000.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.