0 Gardados para despois

O aumento do salario mínimo aos 1.000 euros beneficiará a 143.000 traballadores galegos

Redacción | @prazapublica

O IV Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva, asinado por CCOO e UGT e a patronal no pasado mes de xullo, supón a implementación do salario mínimo de convenio a 1.000 euros en 2020. Este incremento beneficiará 143.000 persoas traballadoras en Galicia a xornada completa, algo máis do 20% to total de asalariados.  

O incremento do salario mínimo de convenio a 1.000 euros beneficiará 143.000 persoas traballadoras en Galicia

Ese é o cálculo que fai UGT-Galicia, que aclara que esa cifra é a de persoas asalariadas a tempo completo que en Galicia actualmente teñen un salario inferior aos 1.000 euros. Así, dun total de asalariados a tempo completo de case 700.000, algo máis do 20,5% perciben menos destes 1.000 euros brutos ao mes, habendo só catro autonomías en todo o Estado (Murcia, Extremadura, Canarias e Andalucía) onde hai unha maior porcentaxe de persoas por debaixo desta cantidade. 

Máis do 20% das persoas asalariadas a tempo completo en Galicia cobran menos de 1.000 euros brutos ao mes

Tal e como aclara UGT, esta medida "beneficiará as comunidades con menor nivel de renda, entre as que se atopa a galega". "De feito, Galicia forma parte do grupo das sete comunidades autónomas (Andalucía, Murcia, Canarias, Extremadura, Galicia, Comunitat Valenciana e Castilla-La Mancha) con sobrerrepresentación no número de traballadores con baixos salarios", di o sindicato, que aclara que todos estes territorios "posúen unha porcentaxe maior de traballadores con salarios inferiores a 1.000 euros do que se derivaría polo seu peso sobre o total de persoas asalariadas no conxunto estatal".

Os niveis de renda por habitante en cada territorio, aclara o sindicato, "dependen do resultado da actividade económica  nos mesmos, da súa maior ou menor xeración de valor engadido, o que, ademais, vai unido á calidade do emprego que se xera". Por iso, a maior PIB per cápita, maiores niveis salariais, en termos xerais.

O salario medio en Galicia sitúase nos 1.532 euros en 14 pagas

En Galicia, o salario medio dos traballadores (supoñendo 14 pagas) é de 1.532 euros, situándose no posto 12º. no conxunto do Estado, mentres que o PIB per cápita é de 22.497 euros por persoa, de novo, por baixo da metade, neste caso no posto 11º. "Isto afecta á capacidade global de consumo e, polo tanto, achega menos crecemento do seu PIB".

Por todo isto, segundo UGT, o aumento dos salarios nestes territorios menos desenvolvidos e con niveis salariais relativamente máis reducidos, como é o caso de Galicia, "ten un dobre efecto positivo: primeiro, reduce as diferenzas de capacidade de compra e de calidade de vida entre a poboación de diferentes zonas, aumentando a cohesión territorial; e, segundo, sirve para impulsar o crecemento naquelas comunidades con tecido industrial máis fráxil e con menores niveis retributivos, ao axudar ao mantemento do consumo das familias".

Para UGT, o acordo que incrementa o salario mínimo "axudará a reducir as bolsas de pobreza que a crise e as erróneas políticas aplicadas xeraron na clase traballadora e a diminuír as desigualdades interpersoais, entre os que menos gañan e os que perciben os salarios máis elevados nas empresas".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.