Os señores das caixas galegas: de intocables a repudiados entre causas xudiciais

Núñez Feijóo, entre Gayoso e Méndez en novembro de 2009 © Xunta

O mes de xaneiro de 2017, pouco despois das festas do Nadal, a Audiencia Nacional enviaba á cadea a boa parte da antiga cúpula das caixas galegas. Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego, Gregorio Gorriarán, Óscar Rodríguez Estrada e Ricardo Pradas eran os primeiros directivos bancarios do Estado condenados a prisión logo de innumerables escándalos financeiros, que agora agroman en forma de autos xudiciais para acurralar os ex-directivos dunhas entidades desaparecidas ao tempo que caía tamén o seu prestixio en Galicia. 

Naquela causa culminada coa prisión estaban todos, con maior ou menor implicación, detrás das indemnizacións (18,9 millóns en total) que varios executivos se autoadxudicaran en 2010 desde os despachos máis altos daquela entidade, Novacaixagalicia, sociedade efémera que naceu da fusión de Caixa Galicia e Caixanova antes de ser vendida polo FROB. A salvo quedaran, con todo, privilexios como os plans de pensións tamén millonarios establecidos nas antigas caixas.

Desde que parte da cúpula das antigas caixas galegas entrase na cadea en xaneiro de 2017, as causas xudiciais contra os ex-directivos non paran de agromar

Como exemplo, a Javier García de Paredes, director adxunto de Novacaixagalicia e absolto neste caso, ao que lle corresponderan 5,1 millóns. José Luis Méndez, ex-director xeral de Caixa Galicia e o outro gran xerifalte do capitalismo feudal que reinou en Galicia durante décadas, librouse tamén do preito tras pactar a súa saída a tempo, en 2010. O Banco de España, tras ver os números da entidade e a súa exposición ao ladrillo, considerou o banqueiro incompatible con calquera plan de futuro. Cobrou por marchar 18 millóns de euros, exactamente a cantidade que esixiu para afastarse do proceso de fusión, cuxas fotos de brinde, cos dous banqueiros intocables xunto a Feijóo, quedarán para sempre na galería de imaxes incómodas do presidente.

As fotos do brinde de Feijóo con Méndez e Gayoso quedarán para sempre na galería de imaxes incómoda do presidente da Xunta

Méndez xa non estaba cando o 29 de novembro de 2010, as dúas caixas asinaron a súa unión cunha estilográfica Mont Blanc gravada para a ocasión pola Xunta. Máis de sete anos despois, o ex-directivo acudiu a unha comisión de investigación no Congreso sobre o rescate bancario e dixo non lembrar que Caixa Galicia perdoara 1,8 millóns en créditos ao PP en 1996. Fora cuestionado sobre a posible "relación" entre o perdón de 300 millóns de pesetas e o feito de que o daquela secretario de organización do PPdeG, Pablo Crespo, condenado no caso Gürtel, fose antes director dunha sucursal de Caixa Galicia. Non recordaba. 

En plena crise, a indignación social e os escándalos financeiros acabaron por desgastar aquela pátina de prestixio que durante tempo cubriu os señores das caixas. Méndez e Gayoso, Gayoso e Méndez, protagonistas de milleiros de fotos e relacións con políticos, empresarios e persoeiros varios que devecían por aquel contacto. Xurdiu Novacaixagalicia, tras unha fusión que buscaba pór a salvo o poder financeiro galego, esfarelado a tal hora. O final é coñecido: un rescate con diñeiro público de 9.000 millóns de euros que acabou na venda da entidade resultante a un grupo venezolano por 1.003 millóns, con milleiros de despedimentos polo camiño. Nin solvente, nin galega, nin caixa

A fusión das caixas buscaba pór a salvo o poder financeiro galego, que aos poucos anos quedou esfarelado

Nada cambiara aínda daquela. Para mostra, a orixe das indemnizacións pactadas polos ex-directivos e que supoñían máis do 10% dos activos da entidade fusionada. Todo o que tramaron aqueles homes de prol puido levarse a cabo pola aquiescencia dos representantes políticos e de importantes colectivos que, tamén no consello de Novacaixagalicia, seguiron o costume instaurado durante anos en Caixa Galicia e Caixanova: mirar cara a outro lado e deixar facer. O mesmo día no que a caixa única bota a andar, o 1 de decembro de 2010, o consello de administración aprobou validar os contratos de alta dirección, orixe das fraudulentas indemnizacións posteriores.

Todo o que tramaron os señores das caixas non sería posible sen a aquiescencia de representantes políticos e de diversos colectivos nas entidades financeiras

Sen dato ningún, todos os presentes votan a favor, agás un membro de CCOO, que foi fitado como se acabase de baixar un extraterrestre. Acababan de aprobar novos contratos pactados polos directivos con importantes melloras antes da fusión: as pagas variables por resultados pasaban a ser fixas e inseríanse na renda vitalicia total, ademais de incluír as cláusulas que blindaban as pensións por xubilación. Ao voto negativo uníronse despois dous conselleiros máis; o resto --representantes de cámaras de comercio, varios cargos do PSOE e do PP e concelleiros varios-- volveron mirar cara a outro lado. Nada novo. Así era. 

Edificio Intempo, en Benidorm © Sareb

Agroman os escándalos

Pasarían moitos anos ata que moitas das controvertidas operacións relacionadas co ladrillo comezasen a agromar. Ao abeiro da comisión de investigación no Parlamento galego, Abanca revela que as antigas caixas venderan propiedades a directivos e ás súas familias por 1,5 millóns de euros, tal e como revelara e advertira antes o sindicato CIG. Non houbo máis detalle, no entanto, sobre aqueles papeis que acusaban a dona de Méndez de obter pisos de Caixa Galicia a baixo prezo. Peccata minuta

Os tribunais comezan a actuar ante as pescudas do FROB, que revelarían (e revelan) diversas operacións irregulares das caixas

Os tribunais comezaron a actuar ante as pescudas do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB). Un ano despois da entrada na cadea da cúpula das entidades, desvélase que a Audiencia Nacional estaba a investigar a José Luis Méndez e varios ex-directivos da extinta Caixa Galicia. A causa aberta xurdira a instancias precisamente do FROB e tiña que ver cunha ruinosa operación inmobiliaria para a entidade en Roquetas de Mar (Almería) pola que a entidade financeira tería concedido un crédito de 15 millóns de euros avalado cuns terreos que foran valorados en 30 millóns cando en realidade non sumaban nin 30.000 euros, ao ser un deles non urbanizable e o outro estar taxado nuns 25.000 euros. Un modus operandi habitual nas aventuradas expansións inmobiliarias das entidades financeiras galegas. 

Un 'modus operandi' habitual das caixas: conceder créditos avalados con terreos valorados en cantidades moito menores ás reais

As operacións inmobiliarias ruinosas das antigas dúas grandes caixas galegas foron clave na quebra de Novacaixagalicia e no seu posterior rescate. Nese procedemento, a entidade fusionada chegou a transferir ao banco malo uns 5.000 millóns de euros de activos inmobiliarios tóxicos sobre os que esta entidade, impulsada polo Estado e os principais bancos españois, se negou a informar ao Parlamento. Moitos destes investimentos fracasados desenvolvéronse fóra de Galicia, como o caso do emblemático edificio InTempo, nunha operación de Caixa Galicia, un rañaceos de Benidorm do que o banco malo logrou desfacerse no outono de 2017.

Julio Fernández Gayoso e Alberto Núñez Feijóo no acto de sinatura da fusión © Xunta

Tamén a antiga cúpula de Caixanova se encamiña a varios xuízos por operacións semellantes. Un deles por unha "sospeitosa" operación en Madrid. A Audiencia Nacional atribúe, nunha dilixencia feita pública só hai unhas semanas, a Fernández Gayoso, José Luis Pego e catro ex-directivos un "delito societario continuado" polas súas operacións inmobiliarias en Rivas-Vaciamadrid cun prexuízo para a entidade superior aos 40 millóns de euros. Só uns días despois, o mesmo tribunal volveu sinalar o camiño do banco dos acusados a antiga cúpula da caixa viguesa, que se enfronta a outro xuízo por un buraco de 80 millóns para reflotar a conserveira Alfageme.

No primeiro destes casos, a xuíza dubida da limpeza do crédito inmobiliario outorgado por Caixanova a un grupo de construtoras para construír máis de 700 vivendas en varias parcelas da localidade madrileña. A beneficiaria era Rivas ACI, unha empresa participada por, entre outras, o grupo Copasa, á que a xuíza sinala como beneficiaria dos feitos. A entidade viguesa tería financiado a obra sen ponderar os seus riscos, "provocando prexuízos patrimoniais" á financeira Proinova, filial da propia caixa. O picazo da burbulla inmobiliaria deu lugar a unha serie de impagamentos ante os que a caixa foi especialmente flexible e Proinova acabou mercando as parcelas o 22 novembro de 2010, unha semana antes da sinatura da escritura da fusión. 

A ex-cúpula de Caixanova enfróntase a outros dous xuízos por buracos de 40 e 80 millóns para a entidade en dúas operacións inmobiliarias

No último dos casos coñecidos, a Audiencia Nacional apunta á posible comisión de delitos de branqueo de capitais e delitos societarios por parte de Gayoso, Pego, Gorriarán e outros sete ex-directivos en relación á concesión de préstamos á empresa Promalar para a compra de Alfageme, buscando reflotar a conserveira e provocando un buraco de 80 millóns na entidade. 

Entre outras irregularidades, o xuíz detectou que se taxaron terreos por 190 veces o seu valor real; nunha destas operacións, para cubrir o risco de 60 millóns concedido por préstamo hipotecario entregáronse en garantía terreos valoradas en 133 millóns, aínda que o seu valor real era de 2,5 millóns. Unha fórmula semellante á doutras operacións e que ameaza con non ser a última que leve a antiga elite financeira galega ao banco dos acusados. Outra vez. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.