"Ningún partido se pode presentar propoñendo a privatización das pensións. Actúan con pequenas reformas"

Mobilización polas pensións na Mariña © Modepen

Este luns 17 de setembro as organizacións de pensionistas sairán á rúa unha vez máis para reclamar que se garanta que como mínimo as pensións soban cada ano de acordo ao IPC. As concentracións alertarán igualmente contra os efectos do produto paneuropeo de pensións privadas (PEPP), que nestes momentos se negocia nas institucións europeas e que, de aprobarse, facilitará a transferencia de fondos privados de capitalización entre os países membros da UE. As mobilizacións están impulsadas en Galicia polo Movemento Galego pola Defensa do Sistema Público de Pensións (Modepen) e no conxunto de España pola Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións.

As concentracións terán lugar en Ferrol (11.30 horas. Cantón), Rianxo (12 horas. Diante do Concello), Noia (12 horas. Diante do Concello), Lugo (12 horas. Diante do Concello), Ribadeo (12 horas. Diante do Concello), Marín (12 horas. Diante do Concello), A Coruña (19.30 horas. Obelisco), Vigo (20 horas. Fronte ao MARCO) e Vilagarcía (20 horas. Diante do Concello).

Que efectos podería ter a aprobación do PEPP?

Ten que pasar aínda polo Parlamento europeo, pero é previsible que se aprobe en breve prazo, pois xa foi aprobado pola Comisión de Economía e as dúas forzas máis importantes na cámara -o PPE e o grupo dos socialistas europeos- é máis que probable que voten a favor. A medida facilitará que os plans de pensións se movan con total facilidade duns Estados a outros. Ademais, a Comisión europea propón que estes plans individuais se invistan nos mercados de capitais en produtos financeiros innovadores e mesmo en derivados. Isto é especialmente grave, porque este tipo de produtos están na orixe da burbulla que estoupou en 2007. A Comisión propón tamén que os Estados aproben desgravacións fiscais para promover a subscrición deste produto, unha medida que beneficia ás rendas máis altas e que utilizan estes fondos privados de pensións como un mecanismo para aforran o pagamento de impostos, reducindo así os ingresos das administracións públicas.

"Quen non teña salarios altos terá unhas pensións moi reducidas. É o que se vén chamando o 'estado de benestar dividido', moi diferente para unha minoría superior do 10% e o resto da poboación"

É un paso máis no proceso de mercantilización do sistema de pensións? Abrirase unha fenda aínda maior entre as pensións máis elevadas e as máis reducidas?

No ano 1994 o Banco Mundial publicou un relatorio moi importante, que se considera o inicio desta batalla sobre a configuración dos sistemas de pensións. Naquel informe o Banco Mundial propón que as pensións públicas deben ser modestas para deixar así espazo para os fondos privados de capitalización. É un sistema de tres piares: pensións públicas cativas, fondos privados de capitalización obrigatorios para todos os traballadores e traballadoras e fondos de capitalización voluntarios. O PEPP forma parte deste terceiro tipo, que está limitado aos salarios elevados. Quen non teña salarios altos terá unhas pensións moi reducidas. É o que se vén chamando o “estado de benestar dividido”, moi diferente para unha minoría superior do 10% e o resto da poboación, con condicións moito peores.

"A pesar de que o sistema de pensións é viábel, propoñen a redución das pensións públicas e a promoción dos fondos privados"

Está en risco a sostibilidade do sistema de pensións por mor do envellecemento da poboación? Cal é a alternativa?

O factor máis importante para garantir ingresos dignos e pensións dignas é a evolución da produtividade. Ten en conta, por exemplo, que hai unhas décadas o 70% da poboación traballaba no sector primario, mentres que hoxe o fai o 3%. Como podemos explicar que ese 3% produza moito máis alimento ca nunca? Polo aumento da produtividade. E o mesmo pasaría nunha sociedade robotizada, con menos poboación activa. A previsión tanto da UE coma dos fondos de pensións privados no Estado español é que nos anos 50 ou 60 deste século o sistema de pensións será perfectamente viábel, dedicando a pensións unha porcentaxe do PIB superior á actual e aínda así a riqueza dispoñible para as persoas activas máis que dobraría a actual. E a pesar de que o sistema de pensións é viábel, propoñen a redución das pensións públicas e a promoción dos fondos privados.

"Ningunha forza política se pode presentar a unhas eleccións propoñendo a privatización do sistema de pensións. Entón como actúan os poderes? Con pequenas reformas que moitas veces nin sequera chegan ao coñecemento da poboación"

O pasado ano houbo un ciclo de protestas moi importante en defensa das pensións públicas que agora semella ter reducido a súa intensidade. Este luns están convocadas concentracións que miran ao máis inmediato (a actualización anual) e ao futuro do sistema. Cres que se retomará a mobilización?

O que hai é un intento de mercantilizar a sanidade, a educación, as pensións e moitos servizos que antes prestaban as administracións públicas. Isto temos que velo como unha guerra de posicións prolongada no que os grandes capitais pugnan por privatizar os sistemas de pensións. Ningunha forza política se pode presentar a unhas eleccións propoñendo a privatización do sistema de pensións. Entón como actúan os poderes? Con pequenas reformas que moitas veces nin sequera chegan ao coñecemento da poboación, pero que crean efectos. Por iso a mobilización debe ser continua. A mobilización é certo que baixou un pouco durante o verán, pero continuou e parece que agora se vai relanzar outra vez e o importante é que sexa continuado no tempo. Porque o importante é garantir que vaia haber en Galicia pensións públicas dignas tanto para os pensionistas actuais coma para as novas xeracións.

"Se queremos mudar radicalmente de política económica, é necesario que se incorporen os traballadores e traballadoras activas e os mozos e mozas"

Nas protestas dos últimos meses a media de idade era elevada: pensionistas e persoas a piques de xubilarse. As xeracións máis novas, as futuras pensionistas, deben tomar conciencia da importancia de loitar hoxe polas pensións de mañá?

O ano pasado actuaron no espazo públicos dous movementos sociais que conseguiron éxitos importantes: o movemento das persoas pensionistas e o movemento feminista. Bótase a faltar a presenza en defensa das súas reivindicacións do movemento sindical, dos traballadores e traballadoras activas, e tamén da mocidade precaria. Se queremos mudar radicalmente de política económica, é necesario que se incorporen os traballadores e traballadoras activas e os mozos e mozas.

 

Xabier Pérez Dávila Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.