Sargadelos: unha icona de Galicia que teima na convulsión

Pezas de Sargadelos na antiga galería de Ferrol © Galería Sargadelos Ferrol

Un conflito laboral impulsado por un claro enfrontamento persoal entre o conselleiro delegado e unha sindicalista. Este é o último dos atrancos que pon en grave risco o futuro da histórica Sargadelos, empresa fundada hai máis de 210 anos, símbolo de Galicia e do galeguismo e protagonista de numerosos problemas económicos e laborais nos últimos anos. 

Nas últimas semanas, máis de vinte traballadoras foron despedidas da principal factoría da empresa en Cervo, onde outras tantas, ata sumar 49, están ameazadas con seguir o mesmo camiño. Logo de que un xulgado de Lugo rexeitase a petición de tutela de dereitos fundamentais reclamada por UGT, o conselleiro delegado e máximo accionista, Segismundo García, continuou cos despedimentos e os ataques ao sindicato e insistiu na posibilidade de peche, como xa fixera na asemblea na que, o pasado 17 de agosto, anunciou as medidas aos traballadores e aos medios de comunición á vez

O conflito laboral derivado do enfrontamento persoal que o conselleiro delegado mantén cunha sindicalista é o último dos atrancos dunha empresa con anos de convulsión

O pasado venres, unha asemblea de operarias revogou a Rogelia Mariña, antiga delegada de UGT e enfrontada ao propietario, que colleu o temón da compañía hai anos e é máximo accionista desde 2016. Foi unha das condicións que puxera García para non só parar os despidos senón readmitir varias das persoas xa cesadas. O sindicato, con todo, advirte de que non retirará ningunha das demandas que busca "a defensa dos dereitos dos traballadores" nunha compañía que recoñece que incumpre en numeroso preceptos a lexislación laboral. 

García, sempre belixerante cos sindicatos e mesmo coa normativa, acusa a UGT e a Mariña de dificultar a recuperación económica de Sargadelos, que presume ao tempo de notable mellora logo de pasar por varios ERE e concurso de acredores nos últimos tempos. A sindicalista, despedida en 2016, tivo que ser readmitida e indemnizada tras sentenza xudicial. O conselleiro delegado alude con frecuencia tamén ao gasto de 800.000 euros que a empresa tivo que asumir ao pouco de saír de concurso tras ser declarado ilegal o ERE executado en 2010 e no que a actitude de Rogelia Mariña fora cuestionada tamén na factoría. A demanda a aquel expediente fora imposta pola CIG. 

Segismundo García pide a marcha da ex-delegada sindical de UGT e a retirada das demandas contra a empresa para deter os despedimentos

Agora, o máximo accionista sinálaa e pide a súa cabeza e a retirada das súas demandas e as do sindicato para deter os despedimentos. Mariña leva tempo reclamando que a equiparación do soldo das persoas contratadas tras o último expediente de regulación co salario das que xa estaban antes. UGT acusa a García de "chantaxe" e de utilizar o cadro de persoal como "refén". Ademais, advirte de que non retirará as denuncias que só buscan defender os dereitos dos traballadores nunha compañía que, lembran, recoñece que incumpre máis de 250 preceptos da normativa laboral. 

É este o último dos conflitos que afronta Sargadelos, que en 2014 culminou un concurso de acredores que levou a un ERE de extinción rematado co despedimento de 70 traballadores. Un ano antes, outro ERE temporal de seis meses de duración afectara a meirande parte do cadro de persoal durante o primeiro semestre. En 2010 outro expediente máis de regulación afectara 26 postos de traballo, pero foi anulado polo Supremo hai pouco. 

A empresa superou nos últimos anos varios ERE e un concurso de acredores tras as diferenzas que acabaron coa saída de Díaz Pardo

Sargadelos arrastra aínda un pasivo duns 2 millóns de euros pero goza dunha situación tranquila. A fábrica de Cervo rexistrou nas últimas contas unhas perdas de algo máis de 100.000 euros tras un beneficio de máis de 800.000 no curso anterior. Cerámicas do Castro, a factoría de Sada, gañou máis de medio millón. Superou, xa que logo, unha crise que tornara tamén en enfrontamentos persoais hai xa máis dunha década. 

Daquela, Isaac Díaz Pardo, pintor e intelectual galeguista que retomou a empresa a finais dos anos 40, propuxo crear a Fundación Sargadelos para xestionar as distintas empresas do grupo, o que provocou as diferenzas entre os propietarios. Finalmente, nunha tensa reunión, a xunta da compañía decidiu apartar do consello a Díaz Pardo e os seus fillos. Dende entón, Sargadelos pasou por distintas fórmulas de xestión ata que Segismundo García se fixo co control. Polo medio, varios ERE, concursos de acredores, débedas e despedimentos puxeron en risco a súa continuidade, a mesma que agora está en dúbida tras as ameazas do máximo accionista. 

É un novo golpe nunha empresa que foi sempre máis ca unha empresa. Fundada en 1806 como fábrica de cerámica polo enciclopedista e afrancesado marqués de Sargadelos, e retomada en 1947 por Isaac Díaz Pardo. Foi o impulso do intelectual o que converteu a firma nun símbolo que identifica a Galicia en todo o planeta, e o que, ademais, a inscribiu no ADN da oposición cultural e política á ditadura. Así a concibiu o falecido Isaac, que fomentou ese carácter de manifesto, de proclama, de xerador de discurso que aínda mantén a factoría. 

Sargadelos é o exilio, interior e exterior, dos esquerdistas galegos (Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Núñez Búa, Antonio Baltar, Blanco Amor, Laxeiro, Arturo Cuadrado...). A través de Sargadelos (e todo o que o rodeou), transmitiuse o legado, as palabras e o proxecto colectivo da xeración republicana. Como escribiu Manuel Rivas, "alguén tiña que facerse cargo da esperanza e Isaac foi o elixido". 

 

Factoría de Sargadelos en Cervo / © Sargadelos

A historia dunha empresa que é moito máis

Queda pouco daquel Sargadelos, pero non hai galego que non siga vendo Galicia en cada unha desas figuras e debuxos que identifican a súa cerámica. Aquilo que xurdiu da iniciativa ilustrada de Antonio Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, no inicio do século XIX tras a inauguración dunha fábrica de louza nesa parroquia de Cervo.

Na súa primeira etapa, foi o fillo do fundador quen asumiu a empresa tras a morte deste. Ampliou a fábrica, que chegou a producir 20.000 pezas ao ano nos anos trinta do século XIX. José Ibáñez asociouse con Antonio Tapia e coa dirección do rancés Richard foron mellorando os produtos e incorporando a estampación e a policromía. 

Sargadelos xurdiu da iniciativa ilustrada de Antonio Raimundo Ibáñez a principios do século XIX

En 1845, Luis de la Riva y Cía. arréndanlle a administración de Sargadelos aos Ibáñez. Naquela altura, un milleiro de familias traballaban para unha fábrica da que saían máis de 200 caros e 22 buques de cabotaxe con máis de cen fornadas de louza. Aumentou a calidade e a variedade do produto baixo a dirección do británico Edwin Forester. 

Pouco despois, a familia Ibáñez recobra a xestión e asóciase cos coruñeses Atocha e Morodo en 1873. A calidade baixa e os investimentos detéñense, presincidindo dos ceramistas estranxeiros máis expertos. As perdas provocados polos preitos familiares dos Ibáñez provocan o peche de Sargadelos, cuxa historia e pezas tornan en mitos. 

"O deseño e a calidade xuntáronse coa historia, convertendo a marca Sargadelos nun referente icónico do que é e representa Galicia"

A finais dos anos 40 do século XX, Díaz Pardo impulsa en Sada o taller cerámico que acabaría por converterse no complexo de Cerámica do Castro. Foi antes de inaugurar o novo Sargadelos en Cervo anos despois. Aparecen series limitadas, figuras orixinasi de artistas plásticos e unha porcelana fina e branca. Isaac aumenta as experiencias cerámicas na Arxentina, onde contacta con exiliados galegos como Luís Seoane. O legado galeguista e republicano funda o Laboratorio de Formas, mentres as formas dos produtos abstracto-xeométricos tomados do románico e do barroco galegos convértense en símbolo da empresa e do propio país. 

"O deseño e a calidade xuntáronse coa historia, convertendo a marca Sargadelos nun referente icónico do que é e representa Galicia", conta a propia empresa, que alude na súa web á superada "etapa convulsa" de principios de século, ás "novas liñas de produto" que explora na actualidade e ao aumento das cifras de negocio. Pero a convulsión, con todo, continúa. 

Isaac Díaz Pardo CC-BY-SA Martiño de Lopo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.