0 Gardados para despois

De lugar para o gando a albergue: Mazaricos impulsa novos usos para cortes e pendellos

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


As consecuencias do catastrazo comezáronse a sentir en moitos municipios rurais galegos hai tempo. A revisión catastral que Ministerio de Facenda e concellos emprenderon desde 2013 obrigou a aplicar o Imposto de Bens Inmobles (IBI) a alboios, granxas, naves e outras moitas construcións de uso agrogandeiro que permanecían á marxe deste tributo, mesmo a aquelas que permanecen inutilizadas.

O Concello de Mazaricos, ante os prexuízos do 'catastrazo', impulsa unha modificación da normativa urbanística para darlle unha nova vida a cortes e pendellos en desuso

En Mazaricos, foi a mediados deste 2018 cando empezaron a chegar as primeiras comunicacións sobre os novos pagamentos, medio milleiro delas que poden aínda incrementarse. O Concello, ante o prexuízo económico que esta medida supuña, puxo en marcha varias medidas para paliar o seu alcance. Unha delas, darlles un novo uso a cortes e pendellos, unha nova vida para que os seus propietarios poidan sacarlle rendibilidade e revitalizar o rural: desde unha carpintería ata unha tenda de alimentos ou un albergue. 

Para logralo, o Concello de Mazaricos elaborou nas últimas semanas unha proposta de modificación da norma urbanística para cambiar o uso de cortes e pendellos que caeron en desuso pero polos que hai que pagar o catastro. O texto será enviado á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que terá que dar o visto e prace. O obxectivo é que estas edificación xeren unha vía de ingresos aos donos sempre que a actividade para a que se destinen sexa compatible coa clasificación de solo no que se asentan. Afectaría a, aproximadamente, medio milleiro de construcións. 

A intención é que estas construción poidan ser empregadas como albergues, tendas de alimentación ou carpinterías

"O valor real destas edificacións é nulo, non teñen porque non serven nin para vender ao estar habitualmente na mesma propiedade ou pegadas á casa", explica o alcalde, Juan José Blanco (BNG), que recoñece que a idea xurdiu a partir das dificultades que supuña o catastrazo. "Procúrase que se lles poida cambiar o uso e se permita desde montar unha carpintería ata algo relacionado con produtos alimentarios, calquera actividade que lle dea vida ao rural", explica. 

Entre as máis factibles, a creación de pequenos comercios ou de albergues, posibilidades polas que preguntaran xa varios veciños. De feito, a procura doutra vida para as cortes tamén veu motivada no Concello polo auxe que nos últimos anos está a ter o Camiño de Santiago a Fisterra e que propicia o goteo continuado de perergrinos, que cada vez demandan máis hospedaxes privados para pasar a xornada en Mazaricos. 

"Queremos darlle facilidades a calquera pequeno emprendedor que queira montar unha actividade estando na casa", di o alcalde

"Queremos darlle facilidades a calquera pequeno emprendedor que queira montar unha actividade estando na casa", insiste o rexedor, que aclara que a modificación da normativa urbanística especifica que estas construcións deben cumprir cuns requisitos, entre eles manter a arquitectura típica e con materiais propios da zona.

O catastrazo, a necesidade de fixar servizos e poboación no rural, dar facilidades para o emprendemento ou o auxe do Camiño de Santiago pola zona levaron ao goberno municipal a acelerar unha iniciativa sobre a que levaban anos matinando. Ademais, a aprobación deste cambio no plan municipal permitirá tamén legalizar varias naves industriais consideradas fóra de ordenación e que levan décadas construídas en distintos núcleos do municipio.

Non foron as únicas medidas tomadas. Ante a presión do catastrazo, o Concello habilitou un punto de información e facilitou as reclamacións de balde. Ao tempo, o pleno municipal acordou rebaixar ao mínimo o IBI urbano e bonificar o imposto a ganderías e comercios para limitar o incremento do valor das casas e inmobles que provoca a revisión catastral. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.