Competencia cuestiona a eficiencia de Reganosa e quere potenciar o seu uso

Planta de Reganosa en Mugardos, no interior da ría de Ferrol CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) someteu a exposición pública a pasada semana unha proposta para reformar a regulación das seis plantas de gas natural licuado (GNL) existentes en España. O documento comeza facendo unha análise da situación actual, na que considera positivo que España é o país Europeo con maior número de plantas de regasificación e capacidade total, ao que contribúe, malia ser  a máis pequena delas, a planta que Reganosa, controlada polo grupo Tojeiro e a Xunta, ten en Mugardos, no interior da ría de Ferrol. Porén, o documento cuestiona a eficiencia de Reganosa e propón unha reforma do sector que permita potenciar o uso das plantas menos utilizadas, como a galega, impulsada durante os gobernos de Fraga e apoiada polo bipartito e a actual Xunta malia que nos últimos anos veu recibindo sentenzas que tombaron os seus permisos urbanísticos e de operación e o seu plan de emerxencias.

O regulador propón reformar o mercado estatal do gas para aproveitar mellor a capacidade infrautilizada das seis plantas existentes en toda España, da que a galega é a máis pequena

Segundo Competencia, en xeral nas seis instalacións de regasificación existentes en España “o nivel de utilización das plantas foi baixo” e “non foi uniforme”, concentrándose a actividade nos últimos anos especialmente na planta de Barcelona, moi por diante das de Huelva, Bilbao, Sagunto, Cartaxena e Mugardos, “chegando ao punto en que plantas como Sagunto, Cartaxena ou Mugardos poden non ter ningunha descarga durante longos períodos de tempo (meses)”. En xeral, en toda España só se contratou o 30% da capacidade de regasificacion das plantas, que rexistraron un nivel de enchido do 43%.

O informe de Competencia tamén constata que na planta de Mugardos é na que operan menor número de comercializadores, 20, fronte aos 25 das de Cartaxena e Sagunto ou 42 de Barcelona, e na que os tres primeiros copan unha maior cota de mercado, o 65%, fronte ao 59% da maioría das outras plantas ou o 45% da de Barcelona. Para a CNMC, a concentración de axentes implica “ineficiencias operativas para o sistema e os axentes”.

"Plantas como Sagunto, Cartaxena ou Mugardos poden non ter ningunha descarga durante logos períodos de tempo", censura Competencia

Competencia conclúe que “a regulación española das plantas de GNL necesita ser máis eficiente na xestión do acceso ás plantas, facer efectiva a prestación de novos servizos en plantas de regasificación e buscar a forma de ofertar unha maior flexibilidade aos comercializadores en consonancia co robusto sistema de infraestruturas dispoñibles. Desta forma crearíase un mercado gasista máis líquido e competitivo coa conformación dun potencial hub español de GNL que puidera ser referente europeo”. Por iso, proporá un novo modelo de asignación de capacidades de acceso ao sistema gasista así como unhas novas tarifas de peaxes que redunde nun maior uso de todas as instalacións.

Comparativa das seis plantas de regasificación existentes en España Dominio Público Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.