Guía práctica para reclamar a devolución das retencións do IRPF pola prestación de maternidade

Nais coas súas fillas nun centro educativo © Xunta

Unha sentenza do Tribunal Supremo do pasado 3 de outubro confirmou que “as prestacións públicas por maternidade percibidas da Seguridade Social están exentas do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF)”.  Esta importante resolución establece doutrina legal e, xa que logo, obriga a Axencia Tributaria a adoptar o novo criterio, que é contrario ao que facía até o de agora.

A sentenza do Supremo aclara que "as prestacións públicas por maternidade percibidas da Seguridade Social están exentas do IRPF"

Son moitas as mulleres que están a solicitar (ou queren facelo) a devolución das retencións do IRPF que foron indebidamente cobradas. A CIG, que anima a facelo, vén de elaborar unha guía na que amosa os pasos a seguir e facilita dous modelos de documentación para presentar ante a Delegación da Axencia Tributaria e ante o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).  

A CIG aclara que toda a información está dirixida a obter a devolución das retencións de IRPF das prestacións por maternidade, pero advirte de que a sentenza do Supremo "debería ser extensíbel ás prestacións por paternidade" e cre oportuno presentar solicitudes para a devolución das retencións aplicadas a esas prestacións. "A Seguridade Social está eliminando xa estas retencións (tanto no caso dos pais como das nais), sen agardar a que Facenda habilite a devolución", di a central. 

As traballadoras que cobraron a prestación de maternidade entre 2014 a 2017 deben formular ante Facenda unha solicitude de rectificación da autoliquidación do IRPF

A Axencia Tributaria disporá na súa web dun sistema telemático de recadación do IRPF das maternidades, polo que recomenda que se as interesadas están en prazo de reclamación agarden a que o faga e se tramiten as reclamacións por esa vía. Os retornos serán máis rápidos. 

En canto ao caso das traballadoras que cobraron a prestación de maternidade nos exercicios fiscais de entre 2014 a 2017 (declaracións presentadas nos anos 2015 a 2018), deben formular, perante a Axencia Tributaria, unha solicitude de rectificación da autoliquidación do IRPF do exercicio ou exercicios nos que se declararan as prestacións por maternidade (achégase modelo A).

En canto ás traballadoras ás que lles estean a practicar retencións de IRPF pola prestación de maternidade no exercicio fiscal 2018 (declaracións que se presentarán no ano 2019), deben formular, perante o INSS, unha solicitude de dereito a percibir a prestación íntegra sen retención de IRPF no resto dos meses do 2018 (achégase modelo B).

As traballadoras ás que lles estean a practicar retencións de IRPF pola prestación de maternidade neste ano  deben formular ante o INSS unha solicitude de dereito a percibir a prestación íntegra sen retención

A CIG di ter constancia de que a Seguridade Social xa non está aplicando a retención nas prestacións de maternidade nin na de paternidade pero recomenda comprobalo antes.

Ademais, o sindicato recomenta ter en conta varias cuestións comúns para as solicitudes de rectificación e/ou devolución de ingresos que se presenten ante a Axencia Tributaria:

De transcorrer seis meses desde que se solicite a rectificación ou devolución e non haber resposta, esta entenderase desestimada por silencio

  • De transcorrer 6 meses desde que se formule a solicitude de rectificación e/ou devolución de ingresos indebidos e non haber resposta da Axencia Tributaria, entenderase desestimada por silencio.
     
  • No caso de ser desestimada por silencio, quen o desexe disporá de 1 mes máis (tras os 6 meses sen recibir resposta) para interpor Recurso de Reposición ou Reclamación Económico Administrativa ante o Tribunal Económico Administrativo de Galicia (un ou outro, non nos dous) contra tal desestimación, a reclamar que se rectifique a Declaración da Renda na que se declararan as prestacións de maternidade ou se lle retornen os ingresos indebidamente realizados do 2018, alegando os razoamentos do Supremo.
     
  • Se, pola contra, a Axencia Tributaria resolve expresamente a rectificación e/ou devolución de ingresos indebidos, desestimándoa, quen o desexe disporá de 1 mes máis (dende o día no que recibiu a resolución desestimatoria) para interpor Recurso de Reposición ou Reclamación Económico Administrativa perante o Tribunal Económico Administrativo de Galicia (un ou outro, non nos dous) contra tal desestimación, a reclamar que se rectifique a Declaración da Renda na que se declararan as prestacións de maternidade e/ou que se lle retornen os ingresos indebidamente realizados no 2018, alegando os razoamentos do Tribunal. 

Malia que a Axencia Tributaria contaba con atrasar esta devolución do cobro indebido no IRPF da prestación por maternidade, finalmente o Ministerio decidiu axilizar a cuestión e aclara que está a buscar a fórmula máis acaída para devolver os cartos ás afectadas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.