Muller, nova e no sector servizos: Perfil dos 57.000 asalariados a tempo completo que non chegan a 1.000 euros brutos

Mobilización das traballadoras de Lefties en Compostela © CIG

Nas últimas semanas desenvolvéronse varias mobilizacións lideradas por colectivos laborais que se atopan nunha situación de precariedade. Aí están, por exemplo, as protestas das traballadoras de Inditex, a loita do persoal de Atento e, aínda máis recentemente, a histórica folga convocada no sector dos produtos elaborados do mar, que viviu este martes unha nova xornada de paros. Nos últimos anos creceu a figura do traballador ou traballadoras pobre, persoas que a pesar de ter un emprego (mesmo a tempo completo) contan cuns ingresos tan baixos que eles ou as súas familias viven por debaixo do limiar da pobreza.

57.000 persoas en Galicia ingresan menos de 1000 euros brutos mensuais traballando a tempo completo. Ademais, máis de 100.000 asalariados e asalariadas non chegan a eses ingresos porque traballan a tempo parcial

57.000 persoas en Galicia ingresan menos de 1000 euros brutos mensuais traballando a tempo completo. Ademais, máis de 100.000 asalariados e asalariadas non chegan a eses ingresos porque traballan a tempo parcial. En total, ao redor de 300.000 galegos e galegas tiveron en 2016 (último dato da Axencia Tributaria dispoñible) uns ingresos inferiores ao salario mínimo (en termos anuais: 9.173 euros), a pesar de ter traballado nalgún momento do ano. 450.000 ingresaron menos de 1000 euros brutos mensuais de media. 

A pasada semana o deputado de En Marea Manuel Lago destacaba no artigo Carmela e a loita contra a precariedade laboral que "a precariedade xa é unha característica estrutural do mercado de traballo en Galicia. Só o 47% das persoas afiliadas ao Réxime Xeral da Seguridade Social, ten un contrato indefinido a tempo completo. O resto, máis da metade da poboación asalariada do sector privado, está en situación de precariedade, ben porque ten un contrato temporal, porque traballa a media xornada, porque é fixa descontinua ou porque está en prácticas ou formación".

"Un salario mínimo de 900 euros non resolve o problema da precariedade e a pobreza laboral. Pero sen dúbida é un paso importante na dirección correcta", destaca Manuel Lago

Lago centraba o seu texto en Carmela, unha traballadora do sector dos produtos do mar en folga e remataba subliñando a importancia da suba a 900 euros mensuais do Salario Mínimo Interprofesional acordada por PSOE e Unidos Podemos e confluencias: "Cando negociamos situar o salario mínimo interprofesional en 900 euros pensabamos en Carmela. Nas 8.000 mulleres que traballan no sector dos produtos elaborados do mar". "Un salario mínimo de 900 euros non resolve o problema da precariedade e a pobreza laboral. Pero sen dúbida é un paso importante na dirección correcta", concluía.

Quen son eses 57.000 traballadores e traballadoras a tempo completo que segundo a EPA ingresan cada mes menos de 1.000 euros brutos? Cal é o seu perfil? Que sectores e grupos sociais se beneficiarían máis da suba do SMI? 

A primeira característica que chama a atención é que ese colectivo laboral cos salarios máis baixos é maioritariamente feminino. Hai case o dobre de mulleres asalariadas a tempo completo gañando menos de 1.000 euros brutos que de homes. Unha diferenza que é moito máis importante en termos relativos: Esas 37.000 mulleres son o 12% do total de asalariadas galegas a tempo completo, mentres que nos homes a porcentaxe apenas representa o 5%. A isto súmase o feito de que a gran maioría dos traballadores a tempo parcial en Galicia son mulleres: 99.000 fronte a 27.000 homes.

Os traballadores pobres son novos, maioritariamente. 6 de cada 10, concretamente, teñen menos de 40 anos. Ao que se engade que os e as menores de 40 anos son tamén a maioría dos asalariados e asalariadas a tempo parcial, con ingresos aínda menores. En total, o 26,5% dos menores de 40 anos que traballan de forma continuada ingresan menos de 1000 euros brutos cada mes.

O sector máis precarizado é, con gran diferenza, o servizos, que ocupa ao 82% dos traballadores e traballadoras con ingresos baixos. En termos relativos, o 24% dos asalariados e asalariadas do sector servizos gañan menos de 1.000 euros brutos cada mes, unha porcentaxe que é do 20% na agrogandaría e na pesca e que fica por debaixo do 10% na industria e na construción.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.