0 Gardados para despois

O TSXG anula a decisión do PP de suspender o concurso eólico

Redacción | @prazapublica

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de anular a decisión adoptada en 2009 polo Goberno de Alberto Núñez Feijoo de suspender o concurso eólico convocado polo Goberno de PSdeG-PSOE e BNG. Nunha sentenza firme, datada o 24 de xullo e publicada este mércores, o TSXG determina a legalidade do Decreto 242/2007 (norma que amparaba o concurso) e sinala que o Goberno popular incorreu en desviación de poder, pois non había razóns para determinar a suspensión cautelar do concurso.

É probable que nas vindeiras semanas e meses asistamos a unha sucesión de reclamacións ante a Xunta das restantes empresas que se viron prexudicadas pola decisión dos populares

A empresa Aucosa Eólica, que fora unha das beneficiarias do concurso, presentara recurso contra aquela decisión do PP, alegando os prexuízos ocasionados pola decisión de suspendelo e sinalando atoparse nunha situación de "indefensión" pois o Goberno de Núñez Feijoo, ao suspender o concurso, nin declarara a súa nulidade nin permitía a súa continuidade. Aucosa queixábase de que esa situación de incerteza non lle permitía reclamar danos económicos nin tampouco levar a cabo a súa actividade.

A sentenza favorable permitiralle á empresa reclamarlle á administración autonómica unha compensación en virtude do dano ocasionado. Ademais, é probable que nas vindeiras semanas e meses asistamos a unha sucesión de reclamacións ante a Xunta das restantes empresas que se viron prexudicadas pola decisión dos populares.

Esta sentenza engádese ademais á que o TSXG xa ditaminou en marzo do pasado ano, que desestimaba o recurso presentado por Enel Green Power España contra o decreto do Bipartito, avalando a súa legalidade e botando por terra os argumentos do PP. Esta sentenza tumbou todos os puntos que Enel impugnou xudicialmente. Esta compañía denunciara que o decreto de 2007 vulneraba o principio de liberdade empresarial ou que ía contra o regulamento estatal. O TSXG avalou asemade a participación pública no capital social das solicitantes e a considerou "unha opción lexítima na orientación da política económica" do Goberno.

 

Anova pide a dimisión de Javier Guerra

Para Antón Sánchez, concelleiro nacionalista en Bergondo, esta sentenza evidencia o "fiasco" de Feijoo na súa política enerxética, "un fiasco intencionado, pois Feijoo chegou aquí para paralizar o concurso eólico, prexudicar as enerxías renovables e beneficiar as empresas gasísticas

Anova, coñecida esta nova sentenza, esixiu xa a dimisión do conselleiro de Industria, Javier Guerra. A formación liderada por Xosé Manuel Beiras considera que, "con independencia das consideracións sobre o concurso eólico convocado pola Xunta na etapa de goberno bipartito, en especial sobre a súa incidencia en espazos protexidos, que Anova non comparte", aquela decisión de Feijoo de suspender o concurso eólico e de redactar unha nova lexislación sectorial "levou á paralización do sector". Un sector que no ano 2008, antes desta decisión, "era punteiro no Estado español, cunha potencia instalada de 3.145 megavatios e con 5500 postos de traballo directos, e que por mor da política do PP na Xunta foi superado por varios territorios do Estado, e foron destruídos ou deslocalizados a metade dos empregos directos". Para Anova, "o resultado foi evidente: 54 megavatios instalados en 2010 e nin un só en 2011".

Para Antón Sánchez, concelleiro nacionalista en Bergondo, esta sentenza evidencia o "fiasco" de Feijoo na súa política enerxética, "un fiasco intencionado, pois Feijoo chegou aquí para paralizar o concurso eólico, prexudicar as enerxías renovables e beneficiar as empresas gasísticas, como estamos vendo estes días en todo o Estado". Sánchez salienta que a política levada a cabo polos populares ocasionou un gran dano a un "sector estratéxico de Galicia". 

Tamén o BNG esixiu este mércores o cese de Javier Guerra, ao que o deputado Henrique Viéitez acusou de actuar "con prepotencia e co desprez á legalidade vixente e ao pobo galego". Así mesmo, pediu a "comparecencia urxente" de Alberto Núñez Feijóo, porque "é o máximo responsable" do sucedido, dixo. Pola súa banda, o PSdeG-PSOE salientou os "prexuízos ideolóxicos" que atopa na decisión de suspender o concurso e Méndez Romeu cualificou que "chapuza" o proceso levado a cabo polo PP. De igual xeito, Compromiso por Galicia reclamoulle a Feijoo "responsabilidades políticas" e esixiu unha "comparecencia urxente" do presidente da Xunta e mais de Javier Guerra para dar explicacións públicas.

Porén, Núñez Feijoo reiterou este mércores a seguridade xurídica do concurso eólico do seu Goberno baseada na nova lei aprobada polo Parlamento coa maioría absluta dos populares. O presidente da Xunta dixo que as empresas teñen que "presentar" e "comezar a executar os plans industriais".

 

Un sector paralizado por unha decisión política

De non ter suspendido o PP o concurso anterior, todos os megavatios repartidos poderían estar en proceso de consolidación, polo que esta supresión das primas, ao non ter efectos retroactivos, non afectaría a Galicia

Nunha entrevista concedida a Praza en abril Rosa Regueiro, autora de A propiedade do vento galego poñía sobre a mesa o problema de que “temos dous decretos eólicos en vigor” e criticaba que a Lei 8/2009, que suspendía o primeiro decreto, “o único que fai é criticar as actuacións do anterior decreto, algo que non corresponde ao poder executivo, senón aos tribunais, que xa ditaron sentenza”. Regueira denunciaba a situación de inseguridade xurídica creada, moi prexudicial para o sector, e reclamaba que “hai que dar ás empresas seguridade xurídica para que invistan”.

Ademais, a decisión do Goberno popular de suprimir as primas para as novas instalacións de enerxía renovable prexudica especialmente a Galicia, onde o sector ten unha gran marxe de crecemento. De non ter suspendido o PP o concurso anterior, todos os megavatios repartidos poderían estar en proceso de consolidación, polo que esta supresión das primas, ao non ter efectos retroactivos, non afectaría a Galicia

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.