0 Gardados para despois

"O traballo da muller no sector do mar é imprescindible, pero sempre estivemos á sombra dos homes"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Nas últimas eleccións, celebradas a finais de setembro nas 63 confrarías galegas, tan só 6 mulleres foron elixidas Patroas Maiores, fronte ás 13 das eleccións celebradas no ano 2014

O número total de afiliados e afiliadas nas confrarías galegas é de 15.498 persoas, das que case un 30 por cento, 4.496, son mulleres. A isto únese, ademais, que son clara maioría no sector no marisqueo a pé. Porén, a súa presenza nos órganos de goberno das confrarías é moi inferior. Nas últimas eleccións, celebradas a finais de setembro nas 63 confrarías galegas, tan só 6 mulleres foron elixidas Patroas Maiores, fronte ás 13 das eleccións celebradas no ano 2014. Isto significa que só o 9,52% das confrarías galegas estarán dirixidas por unha muller nos vindeiros catro anos. 

"Hai que chegar á raíz da cuestión, para saber por que as mulleres non se presentan ou por que as poucas que se presentan non saen"

En resposta, a Asociación de Mulleres do Mar de Arousa vén de dirixir un escrito ás tres federacións provinciais (A Coruña, Lugo e Pontevedra) e á Federación Galega de Confrarías para que se establezan cotas nas eleccións que se van celebrar nestas federaciones no mes de novembro. Ademais, solicitan a creación dunha comisión que, con carácter permanente, estude a baixa participación feminina e estableza medidas para facilitar o acceso das mulleres aos postos de dirección nos pósitos galegos. "Hai que chegar á raíz da cuestión de por que as mulleres non se presentan ou por que as poucas que se presentan non saen", destaca Susana Silva Alonso, presidenta da entidade, en conversa con Praza Pública.

Percebeira traballando | Asociación de Mulleres do Mar de Arousa

A Asociación alerta de que a escasa presenza de mulleres nestes órganos "afástaas da xestión e da toma de decisións" e lembra que a desigualdade é aínda maior nas distintas federacións provinciais e na Federación Galega, entidades que nunca na súa historia tiveron unha muller á súa fronte. "Cremos que é conveniente facer unha profunda reflexión das causas que levaron a esta situación e procurar solucións que garantan a participación plena das mulleres nestes órganos", sinala Susana Silva. “Defender a igualdade é de xustiza social. O traballo da muller no sector do mar é imprescindible dende sempre, pero sempre estivemos á sombra dos homes”, di, concluíndo que “as mulleres temos os mesmos coñecementos e a mesma capacidade para liderar as confrarías”.

"O traballo da muller neste sector é imprescindible dende sempre, pero sempre estivemos á sombra dos homes”

Susana Silva Alonso insta ás distintas federacións a "implementar medidas e plans de actuación que conduzan a unha igualdade real e efectiva no noso sector". A Asociación propón o establecemento de cotas "que garantan unha transición máis rápida cara ao ideal de paridade". "A efectividade das cotas quedou demostrada noutros ámbitos", sinala, instando ao establecemento inmediato deste sistema, dada "a gravidade da situación". Na actualidade o 24% das integrantes da Xunta Xeral da Federación Galega de Confrarías son mulleres, unha cifra que podería descender se se confirma a tendencia apuntada nas votacións realizadas hai unhas semanas nos pósitos.

Algúns dos produtos de Marta Bugallo, da pescadería Mar de Arousa (Vilagarcía) | Asociación de Mulleres do Mar de Arousa

 

I Conferencia Internacional de Mulleres da Pesca

Este mércores pechouse en Compostela a I Conferencia Internacional de Mulleres da Pesca, que comezou o luns. O evento reivindicou a igualdade no sector pesqueiro e fixo un chamamento a "garantir unhas condicións laborais e de vida dignas" para as traballadoras. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou "os logros acadados como a visibilidade da importancia do papel da muller e a súa contribución no sector e o impulso do asociacionismo feminino e do emprendemento feminino".

"É importante favorecer o asociacionismo e liderado feminino no sector, garantindo a presenza de mulleres nos órganos de poder e representación", destaca a Declaración aprobada en Compostela

No encontro, organizado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Organización da ONU para a Alimentación (FAO), todos os países e axentes participantes aprobaron por aclamación a Declaración pola Igualdade de Oportunidades no sector pesqueiro e acuícola, que sinala que "a tradicional invisibilidade feminina no sector derivou na ausencia dunha adecuada conciencia de xénero, que impide dar resposta aos problemas e desafíos que afectan a estas traballadoras".

"Debemos traballar xuntos para incorporar a perspectiva de xénero nas políticas e estratexias sectoriais, garantindo marcos normativos que velen pola igualdade de trato e non discriminación, así como instrumentos para vixiar e facer cumprir eses principios", destaca igualmente o texto, que conclúe que "é importante favorecer o asociacionismo e liderado feminino no sector, garantindo a presenza de mulleres nos órganos de poder e representación. Desta maneira poderán tomar parte activa nas decisións que lles afectan e defender os seus dereitos e intereses".

Participantes na I Conferencia Internacional de Mulleres da Pesca | Xunta

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.