0 Gardados para despois

A Xustiza condena a Inditex por fraude na contratación e despidos improcedentes

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Encadear durante anos contratacións temporais, alongalas ao máximo, evitar así que se acumule antigüidade e se deriven beneficios laborais, pagar menos salarios e superar os períodos máximos permitidos. É o modus operandi de moitas empresas, especialmente co persoal feminino. Ocorre en diferentes compañías e tamén en Zara, marca insignia e símbolo do grupo Inditex, que acaba de ser condenada pola Xustiza por estas prácticas fraudulentas que xa foran recoñecidas de facto pola empresa. 

Inspección de Traballo xa obrigara a Zara a transformar 38 contratos eventuais en indefinidos

Fíxoo cando Inspección de Traballo obrigou a transformar 38 contratos eventuais en indefinidos e Zara asumiu as irregularidades ao aceptar o despedimento improcedente e a indemnización como se fosen fixas de varias traballadoras ás que prefiriu botar antes que volvelas contratar. A denuncia xurdiu da Federación de Servizos de UGT-Galicia sobre a situación nas tendas desta marca na provincia da Coruña.

Hai dous anos, o sindicato revisou con detalle os contratos ao comprobar que había mulleres con "contratacións eventuais eternas", desde 2012 e mesmo nalgún caso desde 2009, cando eses contratos deberían ter xa pasado a fixos. Advertiu da "fraude" e puxo as irregularidades en coñecemento da Inspección, que instou o grupo Inditex a transformar, como así fixo, 38 contratos en indefinidos tras comprobar as irregularidades. 

Tras o requirimento da Inspección, Zara comezou a "finalizar contratos fraudulentos para evitar transformalos en indefinidos"

"Foi unha alegría e unha conquista, pero insuficiente; había máis persoal con contratos eventuais fraudulentos e durante a investigación mesmo se xeraron máis", advirte UGT, que sinala que Inditex, advertida polo requirimento da Administración, comezou a "finalizar contratos fraudulentos para evitar transformalos en indefinidos". "De forma rastreira", insiste, tras lembrar que Inspección non pode actuar se non hai unha relación laboral vixente e activa.

UGT animou as traballadoras afectadas a denunciar, aínda que moitas delas non o fixeron: "Non queren pechar as portas"

O sindicato animou estas traballadoras afectadas a denunciar, aínda que moitas delas non o fixeron por medo a non volver ser contratadas. "Saben que se reclaman igual non volven ser chamadas; non queren pechar as portas e moitas das afectadas son moi novas e asumen como normal a situación", asegura Álvaro Cajigal, responsable da Federación de Comercio de UGT na Coruña. Pero houbo quen si denunciou e o xulgado acaba de darlles a razón. Son cinco sentenzas nas que o maxistrado ditamina da mesma maneira. 

Mobilización de persoal de Inditex, nunha imaxe de arquivo / CIG

"Declaro a improcedencia do despedimento e condeno a mercantil demandada a optar ou ben pola readmisión inmediata da traballadora [...] ou ben pola extinción da relación laboral con abono da cantidade" determinada en cada caso. Xa que logo, ou readmite as empregadas ou págalles a indemnización correspondente por despido improcedente. Pero Zara opta por botalas antes que reincorporalas á tenda malia recoñecer a súa valía. 

O xuíz dá a razón ás mulleres, declara a "improcedencia" do seu cesamento e condena a Zara a readmitilas ou indemnizalas por despido improcedente

"Prefire despedilas e seguir con contratos precarios", denuncia o sindicato, que xa anunciou que recorrerá as sentenzas para reclamar a readmisión das afectadas. A empresa Zara, a través desta modalidade de contratos fraudulentos, mantén estas traballadoras sen calendarios laborais estables e diferentes aos do persoal fixo, sen vacacións e, como denuncia UGT, "sen esixir os seus dereitos por medo a non ser renovadas". Ademais, o salario é menor ao non acumular antigüidade, que supón neste caso un plus de permanencia de máis de 260 euros ao ano cada cuatrienio. Uns 18 euros ao mes por 15 mensualidades cada catro anos.

O encadeamento de contratos temporais impide acumular antigüidade, aumentar o salario e ter vacacións e evita protestas por temor a non ser contratadas

Segundo o sindicato, Zara continúa a cometer "fraude na contratación" aínda que mudou o sistema, que xa non é individual (por persoa), senón por posto de traballo. Desde primeiro de outubro até esta semana, a empresa realizou máis de 150 contratacións e prórrogas de contratos, todos eles eventuais, e máis de 150 ampliacións temporais de horas en contratos temporais. Para UGT, os datos "evidencian que Zara precisa máis persoal indefinido". 

Xa que logo, e segundo o sindicato, que non se readmitan as traballadoras é "unha decisión caprichosa que carece de argumentos". "Zara engana as súas traballadoras e a opinión pública e Inditex permite que isto suceda", denuncian. Ademais, advirten de que o grupo incumpre o seu propio código de conduta e prácticas responsables e que "asina acordos internacionais de cumprimento de normativa laboral nos distintos países". "Todo é fachada e ao seu buque insignia, Zara, dálle igual todo isto", insisten. 

Este diario contactou co grupo Inditex e está á espera de coñecer a súa postura respecto das cinco sentenzas condenatorias contra Zara. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.