O BNG pide unha "solución política" para evitar que os estafados polas preferentes perdan o 60% do seus cartos

Carlos Aymerich, nunha intervención no Parlamento CC-BY-SA BNG

O BNG instou á Xunta este mércores a impugnar o decreto sobre preferentes que o Goberno central aprobará o venres, que segundo os nacionalistas imporá unha quita do 60% para os tenedores de participacións preferentes. Ao igual que antes fixera a socialista María Xosé Caride, Carlos Aymerich rexeitou que "se impoña unha quita obrigatoria", e engadiu que o Goberno central creou ao redor deste tema unha "cerimonia da confusión" pois "dende o 20 de xullo, cando asinou o memorando que fixa as condicións do rescate bancario sabe perfectamente o que vai pasar".

Os nacionalistas calculan que se unha persoa puxo 100.000 euros en preferentes, e estas sofren a quita do 60 ou 65% esixida por Europa, cunha prima máxima do 10%, o máximo que recibirá serán "40 ou 44 mil euros"

Os nacionalistas calculan que se unha persoa puxo 100.000 euros en preferentes, e estas sofren a quita do 60 ou 65% esixida por Europa, cunha prima máxima do 10%, o máximo que recibirá serán "40 ou 44 mil euros".

O Bloque pediu tamén que o FROB utilice a súa maioría no consello de administración de Novagalicia para que a entidade "non conteste á demanda da Fiscalía", o que permitiría "unha sentenza de conformidade que solucionaría a inmensa maioría dos casos". Neste senso, acusou ao PP de "marear" coa súa proposta de arbitraxe. Ademais, acusou á Xunta de actuar "en conivencia" co banco para a creación de "negocio para empresas amigas", en referencia á empresa da irmá de Núñez Feijoo e mediante a designación de árbitros funcionarios, que segundo o BNG non son imparciais.

Aymerich afirmou que, dado que a estafa das preferentes ten unha orixe "política", coa decisión de permitir a venda destes produtos complexos a clientes minoristas, tamén debe ter unha "solución política". "A Xunta ten que definir de que lado está", concluíu.

Carlos Aymerich, nunha intervención no Parlamento CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.