0 Gardados para despois

Todos os gobernos esixen a Alcoa que retire xa o ERE e o Estado ofrécelle incentivos antes de fin de ano

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Xunta de Galicia, Goberno de Asturias, Executivo central e os Concellos da Coruña e Avilés reclamaron conxuntamente a Alcoa que retire canto antes o ERE extintivo aberto nas plantas coruñesa e asturiana e que suporía a perda de case 700 empregos, uns 400 deles en Galicia. Así o acordaron todas as administracións, tras a reunión que se celebrou na tarde deste xoves en Madrid. 

Xunta, Principado e Goberno central únense na petición a Alcoa para que retire o ERE e sente nunha mesa se negociación

Na xuntanza participaron o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a alcaldesa de Avilés, Mariví Monteserín, e as ministras de Industria e Transición Ecolóxica, Reyes Maroto e Teresa Ribera, ademais dos presidentes de Galicia e Asturias, Alberto Núñez Feijóo e Javier Fernández. Todos instaron a Alcoa a retirar o ERE e sentar urxentemente nunha mesa de traballo na busca de alternativas aos anunciados peches e na que tamén participarían os sindicatos, ademais das diferentes administracións.

A ministra Maroto anunciou que o Goberno central activará antes de final de ano a poxa de interrompibilidade e a compensación por custos de dióxido de carbono pendentes de executar para evitar que Alcoa peche as súas plantas na Coruña e Avilés e axudar tamén o resto da industria electrointensiva a facer fronte aos altos custos da factura eléctrica.

A ministra Maroto anuncia un paquete de medidas antes de fin de ano para que a industria electrointensiva supere as dificultades do custo da enerxía

Ademais, indicou que o Executivo lanzará antes de fin de 2018 un paquete de medidas "transversal, xunto a outros ministerios" para "garantir a industria electrointensiva no noso país". O obxectivo destas iniciativas será "dar seguridade xurídica a toda esa industria nun momento no que o custo da enerxía repuntou e dar o sinal de que imos traballar por este sector", dixo Maroto. 

Por outra banda, milleiros de persoas clamaron en Avilés nunha masiva manifestación contra o peche da factoría de Alcoa na localidade asturiana e mais na Coruña. Precisamente, unha representación de traballadores da planta coruñesa participou na marcha, ao igual que compañeiros asturianos asistiran á que se levou a cabo na cidade herculina o pasado mes de outubro. Persoal da empresa estadounidense en San Cibrao tamén estivo presente para apoiar os operarios da fábrica de Asturias.

Milleiros de persoas claman contra o peche das fábricas de Alcoa en Avilés coa presenza de persoal da Coruña e San Cibrao

No al desmantelamiento de la industria. Por el empleo en Alcoa. Ese era o lema que encabezaba unha marcha con milleiros de persoas que berraron cada pouco "Alcoa no se cierra" e que, como no caso das mobilizacións da Coruña, contou coa presenza de centos de familiares dos traballadores que advertían do problema económico que para eles e para a sociedade da zona suporía o feche da planta. 

Persoal da planta coruñesa de Alcoa en Avilés, na manifestación contra o peche das plantas da Coruña e da localidade asturiana / @TraballadoAlcoa

Nova denuncia polo ERE

Ademais, e na mañá deste xoves, o comité de empresa da planta de Alcoa na Coruña presentou unha nova denuncia por "vulneración da lexislación" no ERE presentado pola multinacional. Advertiuno o seu presidente, Juan Carlos López Corbacho, logo de reunirse con responsables da Inspección de Traballo. A nova demanda é "unha ampliación" das presentadas o pasado 30 de outubro e 5 de novembro "por defectos de forma no proceso que está a levar a cabo a empresa unilateralmente". Segundo dixo, o persoal non ten aínda a documentación correspondente sobre o expediente.

O comité insiste en que o urxente é paralizar un ERE que considera "ilegal"

En canto ás negociacións abertas, e preguntado por se a proposta de Feijóo de reclamar unha tarifa estable eléctrica por un mínimo de cinco anos, advertiu de que o primeiro e prioritario agor é paralizar un ERE que o comité considera "ilegal". Con todo, asegurou que o expresado polo presidente da Xunta "pode ser unha solución", do mesmo xeito que confiou en que haxa ofertas polas plantas ameazadas, tras insistir que o urxente é deter o expediente extintivo. 

López Corbacho informou tamén de que o vindeiro 19 de novembro vaise celebrar na Corte holandesa unha vista preliminar pola denuncia do comité europeo da multinacional e avisou de que o persoal irá "subindo a intensidade" das súas mobilizacións nos vindeiros días. 

Tamén pola mañá, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reivindicou que a Xunta "fixo propostas" para tentar que Alcoa non peche a planta da Coruña e sinalou o Goberno de Pedro Sánchez que, segundo di, é  "o que ten que executalas e ofrecer unha alternativa". Ademais, lembrou que Feijóo reclamou un plan industrial que faga as factorías "viables" e que "garanta a súa continuidade", así como un marco enerxético "estable" por cinco anos e centrado nas empresas electrointensivas.

"É o Goberno o que ten que clarificar a súa postura sobre interrompibilidade e executar a partida complementaria de 150 millóns de euros complementaria ás poxas recollida nos orzamentos en vigor", demandou, tras lembrar que Feijóo tamén insiste en que Alcoa debe "retirar de forma inmediata" o ERE.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.