0 Gardados para despois

Dúas folgas xerais polo "maior atentado contra os traballadores" desde os anos 70

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


A pasada fin de semana, máis de 300.000 persoas, segundo o sindicato CGTP (Confederaçao Geral dos Trabalhadores Portugueses), saíron á rúa en Portugal contra os recortes, a austeridade e incremento do desemprego no país. "A imensa massa de manifestantes que compareceu ao apelo da CGTP-IN não só condenou veementemente as medidas de austeridade decorrentes do memorando de entendimento com a troika estrangeira (UE, FMI e BCE), que são responsáveis por um retrocesso social e civilizacional sem precedentes depois da Revolução de Abril, como afirmou uma enorme confiança, vontade e determinação de prosseguir o combate pela mudança de política". Este é un extracto da resolución do CGTP, que vén de convocar unha folga xeral no país para o 22 de marzo. En Galicia tamén hai data para outra folga xeral, convocada en solitario pola Confederación Intersindical Galega (CIG), para o 29 do mesmo mes. A central que dirixe Suso Seixo tamén condena a reforma laboral recentemente aprobada, e compara a perda de dereitos da clase traballadora á que posuía a cidadanía "antes da Transición". Dúas regresións, mesma etapa, dúas folgas xerais. A Portugal e a España (Galicia neste caso) os une agora, tamén, unha gran crise social.

Seixo apuntou, nunha entrevista concedida a Praza Pública, que a razón pola que non puxeran data á folga no momento da súa convocatoria era a de buscar o máximo apoio sindical posible. Non puido ser. O secretario xeral da CIG informou aos medios de que ao longo desta semana mantivo "reunións con CCOO e UGT para intentar acordar a convocatoria conxunta da folga xeral". “Non imos aparecer con dúas datas de folga xeral en Galiza. Se van a aparecer convocando para o mes de abril, maio ou xuño, non nos vale”, sentenciou Seixo. Moi crítico, o líder sindical condenou que tanto CCOO e UGT se manteñan "na ambigüidade".

Para a CIG a reforma laboral é “o maior ataque que se fixo á clase traballadora desde a transición” e supón “cargarse” o dereito do traballo tal e como estaba concibido até o de agora. “A normativa pretendía dar amparo á parte máis feble nas relacións laborais, que é a clase traballadora. Con esta reforma laboral dáselle a volta cunha normativa ao servizo do empresariado”, sostivo Seixo.

A Central Unitaria de Traballadores (CUT) informou tamén este venres da súa "total adhesión a este chamado [pola convocatoria da CIG] polo que tamén convocaremos como sindicato seguindo as canles da legalidade vixente".

Portugal

Cun discurso moi semellante ao da CIG, a CGTP lusa arremete contra o Goberno de Pedro Passos Coelho. "Os trabalhadores e as trabalhadoras são as principais vítimas das consequências destas políticas, bem sentidas e visíveis no crescimento do desemprego e da precariedade", inciden. Asemade, o sindicato maioritario en Portugal cre que os recortes postos en marcha aumentan "a exploração e a degradação das condições de trabalho, a desregulamentação dos horários e eliminação de direitos, a intenção de fazer caducar as convenções colectivas de trabalho e o boicote à contratação colectiva".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

ELA, LAB, ESK, EILAS e EHNE

Este venres tamén se consumou a convocatoria de folga xeral en Euskadi. Representantes de ELA, LAB, ESK, EILAS e EHNE presentaron na delegación de Traballo de Bilbao e Iruñea a documentación para chamar á cidadanía a un paro xeral o 29 de marzo, mesmo día que a CIG en Galicia. "É a nosa responsabilidade defender a clase traballadora, a toda: aos que teñen emprego e aos que non", declarou Amaia Muñoa, secretaria xeral adxunta de ELA. "Agora pasamos da regulación laboral á lei do empresario", sostivo.

Muñoa fixo un chamamento á sociedade vasca para reclamar na súa a supresión da nova reforma laboral. "Isto non rematou, o noso reto é que a maioría da sociedade responda".