O Parlamento reclámalle ao Goberno central máis control das condicións laborais das camareiras de piso

Concentración, en novembro, diante do Hotel Eurostar GH, en Compostela © CIG

O Parlamento galego aprobou este martes unha moción que busca mellorar as condicións laborais e salariais das camareiras de piso, mulleres (na súa inmensa maioría) que traballan limpando pisos, hoteis e apartamentos. A proposta, presentada por En Marea, insta ao Goberno central a que afonde no estudo das condicións de traballo que se dan no sector de aloxamento turístico e particularmente nos hoteis, "incorporando a perspectiva de xénero". Pídelle tamén á Xunta que impulse o diálogo social entre a patronal e as organizacións sindicais "para mellorar a calidade do emprego no sector turístico". Ademais, demándalle ao Goberno galego que se reúna cos representantes do sector turístico, creando un grupo de traballo específico en materia de xénero "que impulse medidas no ámbito da sensibilización, da formación e da aplicación de criterios de contratación que protexan aos colectivos en risco".

Tamén se esixe que se inicie e axilice o procedemento de análise das condicións de traballo do sector de cara a posibilitar o recoñecemento da xubilación anticipada

De igual xeito, a moción reclámalle ao Goberno central que aumente o número de inspectores e inspectoras de traballo en Galicia e que se incrementen as inspeccións que se levan adiante no sector turístico e que afectan ás condicións das traballadoras. Tamén se esixe que se inicie e axilice o procedemento de análise das condicións de traballo do sector de cara a posibilitar o recoñecemento da xubilación anticipada para aquelas empregadas que non poidan continuar exercendo o seu traballo polas doenzas ou lesións derivadas dunha excesiva carga de traballo nos seus cometidos.

Incrementar o número de inspeccións "é unha ferramenta básica", porque suporá "un maior control sobre as condicións nas que está traballando as integrantes deste colectivo"

Incrementar o número de inspeccións "é unha ferramenta básica", destaca Paula Quinteiro (En Marea), porque suporá "un maior control sobre as condicións nas que está traballando as integrantes deste colectivo". Quinteiro destacou tamén que as condicións laborais das camareiras de piso provocan "unha gran cantidade de doenzas laborais que acurtan a vida laboral e que debe ser tido en conta á hora de fixar a idade de xubilación cando hai problemas de saúde polo medio".

Concentración polos dereitos das camareiras de piso en Compostela, o mes pasado | CIG

En Marea propuña tamén crear un selo de calidade para os hoteis e albergues "que non contraten en precariedade"

Aínda que estes puntos foron aprobados por todos os partido, a moción inicial de En Marea contiña outras medidas, que foron rexeitadas polo Partido Popular. A primeira propuña crear un selo de calidade para os hoteis e albergues "que non contraten en precariedade", incentivando un novo modelo laboral e turístico no sector. Nesta proposta, só obterían este selo as empresas que cumprisen cos convenios colectivos, a lexislación en materia de prevención e riscos laborais e tamén en igualdade e tamén as que non externalicen os servizos. O PP tamén rexeitou condicionar as subvencións que reciben os establecementos hoteleiros ao feito de "non ter sido obxecto anteriormente de sancións efectivas impostas polas Inspeccións de Traballo por delitos contra a seguridade ou a saúde das súas traballadoras e traballadores".

Así mesmo, PP e PSdeG-PSOE  negáronse a aceptar o punto que propuña derrogar as últimas reformas laborais que supoñan unha perda de dereitos na negociación colectiva, unhas normas "que favorecen a externalización, que afectan a un sector tan precarizado como este", destaca En Marea.

 

Concentración en Compostela

A CIG demándalle ás cadeas, hoteis e empresas de alugueiro de pisos turísticos que están a traballar con empresas subcontratadas "que asuman estas traballadoras nos seus cadros de persoal"

CIG-Servizos de Compostela convocou este mércores ás 19 horas unha concentración en denuncia da situación de explotación das traballadoras da limpeza dos hoteis de Santiago. A mobilización, diante do Gran Hotel de Vidán, insírese na campaña iniciada pola federación no mes de setembro para denunciar a precariedade que sofren as camareiras de piso, que comezou cunha concentración no Hotel Exe Área Central, onde foi despedida unha traballadora que prestaba servizos a través dunha subcontrata (Grupo Constant).

O sindicato esixe a readmisión desta traballadora, que foi despedida "como represalia por ter participado en mobilizacións pola defensa dos seus dereitos e por ter estado de baixa uns días antes de que se lle comunicara esa decisión", denuncia. A CIG demándalle ás cadeas, hoteis e empresas de alugueiro de pisos turísticos que están a traballar con empresas subcontratadas para prestar o servizo de limpeza nos seus establecementos "que asuman estas traballadoras nos seus cadros de persoal con aplicación do convenio provincial de hostalería como corresponde". Esas empresas "veñen aplicando condicións salariais, laborais e sociais moi inferiores ó establecido nese convenio, cobrando unha cantidade por habitación que limpan, unha práctica propia do século XIX", denuncia.

CIG-Servizos pide tamén que os salarios e condicións laborais sexan, en todo caso, as do convenio

CIG-Servizos pide tamén que os salarios e condicións laborais sexan, en todo caso, as do convenio. Nese sentido subliñan que “non podemos escoitar máis que este colectivo necesita que regule a súa situación, porque xa está regulada no convenio provincial. Son as empresas hoteleiras as responsables de que ese se aplique, e se non o fan, son culpables”. Denuncian ademais que as administracións públicas con competencias en materia de turismo venden continuamente o medre dos resultados desa actividade (máis turistas, máis gasto...), mentres “miran para outro lado ante unha explotación tan evidente”.

A moción, aprobada por unanimidade, foi presentada por Paula Quinteiro (En Marea) | Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.