O persoal de Alcoa advirte ao Goberno central de que as súas medidas non van chegar a tempo

Marcha obreira na Coruña contra o peche de ALcoa Dominio Público Concello da Coruña

Persoal da planta de Alcoa na Coruña advirte de que as medidas adoptadas polo Goberno central para protexer empresas electrointensivas fronte aos elevados prezos da enerxía son "a seis meses" e que as factorías ameazadas de peche "non teñen tanto tempo".

Persoal da planta de Alcoa na Coruña advirte de que as medidas son "a seis meses" e que as plantas ameazas "non teñen tanto tempo"

"Non vemos unha solución aí, porque nós en seis meses estaremos pechados", asegurou o presidente do comité de empresa da planta coruñesa, Juan Carlos López Corbacho, que reclamou do Executivo unha solución "inmediata" que garanta a continuidade das fábricas da Coruña e Avilés, ameazadas cun peche que deixaría na rúa unhas 700 persoas.

As declaracións de López Corbacho realizáronse este sábado na localidade asturiana da Veiga (Vegadeo) onde xunto ao seu homólogo da fábrica asturiana presentou a convocatoria de folga conxunta do vindeiro día 19. Tal e como explicaron, ese día haberá varias marchas a pé. O persoal da Coruña sairá desde Ribadeo ás 10 horas para chegar á Veiga; mentres que os de Avilés farán o mesmo desde Castropol. Os dous grupos atoparanse na ponte da Veiga para seguir xuntos até a praza do Concello, onde se concentrarán sobre o mediodía. 

Os traballadores das plantas coruñesa e asturiana convocan unha folga conxunta para o vindeiro día 19

As medidas do Goberno central foron publicadas este sábado no BOE e enmárcanse no Real Decreto-lei de medidas urxentes para o impulso da competitividade económica no sector da industria e o comercio en España, aprobado este venres polo Consello de Ministros, a proposta das ministras de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, e para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, e do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.

O obxectivo é conseguir unha diminución dos custos enerxéticos para os consumidores electrointensivos, que poderán participar de redes pechadas de distribución e disporán dun estatuto que os caracterice e recolla os seus dereitos e obrigas en relación á súa participación no sistema e os mercados de electricidade.

O Executivo central procederá a prorrogar a vida útil das instalacións de coxeración, que benefician especialmente a industria. En concreto, o real decreto-lei modifica a Lei 24/2013, do Sector Eléctrico, permitindo a creación de redes de distribución de enerxía eléctrica pechadas, que facilitarán unha redución de custos da enerxía eléctrica para a mediana e gran industria concentrada en ámbitos territoriais reducidos, garantindo unhas condicións de conexión á rede pública de maneira que esta non quede afectada.

O real-decreto prevé un estatuto que recoñeza as particularidades das industrias electrointensivas

A normativa establece os principios básicos que deben rexer a constitución e autorización destas redes, pero fixa un prazo máximo de seis meses para que o Goberno central desenvolva o regulamento que recolla o procedemento e os requisitos que deberán cumprirse para o outorgamento da autorización administrativa, de acordo cos principios de sustentabilidade económica e financeira do sistema, eficiencia enerxética e transición xusta.

Ademais, o real decreto contempla a figura do consumidor electrointensivo e dá un mandato ao Goberno para que, tamén no prazo de seis meses, elabore e aprobe un estatuto que recoñeza as particularidades daqueles consumidores cun elevado uso da electricidade, un elevado consumo en horas de baixa demanda eléctrica e unha curva de consumo estable e predicible, e recolla os seus dereitos e obrigas en relación á súa participación no sistema e os mercados de electricidade.

Con este estatuto, as empresas electrointensivas poderían manter competitividade e cota de mercado, segundo explica o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. A creación e regulación desta figura permitirá proporcionaría a estes consumidores a escenarios predicibles para os seus custos enerxéticos, reducindo a volatilidade inherente aos mercados enerxéticos globais e dotando de seguridade aos investimentos industriais.

Propor un estatuto para as industrias electrointensivas nun prazo de seis meses é pechar Alcoa e outras industrias que virán tras dela", di Yolanda Díaz

Ademais das críticas do persoal de Alcoa, forzas políticas como En Marea amosaron as súas dúbidas sobre un real decreto que "non arranxa o problema de Alcoa". "Propor un estatuto para as industrias electrointensivas nun prazo de seis meses é pechar Alcoa e outras industrias que virán tras dela. Actúen desde xa", reclamou a deputada Yolanda Díaz. 

Desde Anova, ademais, consideran que o goberno estatal "non ofrece as solucións suficientes para garantir que Alcoa non se pecha". "O Executivo formula unha proposta a seis meses, cando as plantas xa estarán pechadas, e baseada no aumento de poder da empresa para seguir realizando o que desexe", di. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.