O Goberno confirma que os afectados polas preferentes terán que asumir as perdas dos bancos

Imaxe da concentración dos afectados polas preferentes na Coruña CC-BY Praza Pública

O Consello de Ministros aprobou o decreto de reforma financeira, que acata as condicións impostas pola Comisión Europea, entre elas a que limita ao prezo de mercado máis o 10% o que pode ofrecer polas participación preferentes. Isto supón que os afectados poderían perder ao redor do 70% dos seus cartos e que só lles quedarían dúas alternativas: a vía xudicial, con varias frontes abertas, e a vía da arbitraxe, que en Galicia se realiza a través do Instituto Galego de Consumo. As perdas, segundo o decreto, non poderán ser impugnadas ante o FROB ou a entidade bancaria.

Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, Luis de Guindos afirmou que o FROB mesmo poderá impoñer un prezo "máis severo" se considera que a absorción de perdas por parte dos acreedores foi "insuficiente". As operacións de canxe poderán consistir en ofertas de troco por instrumentos de capital da entidad, a recompra mediante abono directo en efectivo ou condicionado á subscrición de instrumentos de capital ou calquera outro produto bancario, ou á redución do valor nominal da débeda e amortización anticipada a valor distinto do nominal.

O PSdeG-PSOE reclámalle a Feijoo que “abandone o silencio cómplice e defenda por  unha vez aos galegos e galegas aos que ten a obriga moral, política e legal de defender”

O responsable de Consumo do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Juan Carlos Francisco Rivera, acusou hoxe a Rajoy de “convalidar a estafa das preferentes e subordinadas” a 50.000 galegos e galegas, 43.000 deles clientes de NGB. O socialista esixiulle tamén ao presidente da Xunta que impugne o Real Decreto aprobado hoxe e que “se opoña radicalmente a cometer unha estafa a 50.000 familias de Galicia”. Reclamou que o presidente “abandone o silencio cómplice e defenda por unha vez aos galegos e galegas aos que ten a obriga moral, política e legal de defender”.

Finalmente, criticou que o Goberno teña consolidado hoxe esta estafa ao “equiparar a investidores e aforradores” cando a realidade é que en Galicia o 99 por cento dos afectados pola fraude das preferentes e subordinadas “son meros aforradores que foron enganados pola entidade”. Juan Carlos Francisco reiterou a solicitude de contratación dunha auditoría por parte da CNMV que determine “quén é inversor e quén aforrador” para que os aforradores si que teñan que asumir a quita, mentres os aforradores poidan recuperar integramente o seu diñeiro.

 

Máis peticións de arbitraxe

Nos últimos días os titulares de participacións preferentes están comezando a recorrer de forma masiva a este segundo intento de solución. Xa son case doce mil peticións, o dobre que hai unha semana

Nos últimos días os titulares de participacións preferentes están comezando a recorrer de forma masiva a este segundo intento de solución. Xa son case doce mil peticións, o dobre que hai unha semana. Porén, polo de agora o proceso vai lento e só hai dous mil casos aceptados, dos que polo de agora se resolveron 250 laudos favorables. De feito, unha plataforma de afectados do Morrazo xa animou aos afectados a comezar os trámites para xestionar a arbitraxe. Esta plataforma explicou que estaban a favor desta arbitraxe da Xunta e non da anterior, porque neste o banco presenta unha proposta e os aforradores que tiñan até un 2,5 de interese recuperan todos os cartos, segundo eles.

En parte, a urxencia que parecen amosar estas persoas que recorreron á arbitraxe débese á información errónea que o prazo para optar a esta mediación remataba esta fin de semana. As plataformas que están optando pola arbitraxe animan aos seus asociados facelo "canto antes", pero o prazo non vence estes días nin moito menos. Tampouco a arbitraxe garante a recuperación dos cartos, como tampouco o fai a vía xudicial, dende logo. Naqueles casos nos que a comercialización se realizara incumprindo a normativa bancaria (falta de información) ou mesmo o Código Civil (falta de consentimento), os seus titulares poderán reclamar o que estimen conveniente. Esta vía xudicial non caduca en ningún caso.

Afectados polas preferentes, nunha manifestación CC-BY-SA Merixo
Protesta dos afectados pola preferentes, este xoves na Coruña CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.