Limpar e manter cada metro da sede de Vivenda custa ata 205 euros

Sede central do Instituto Galego de Vivenda e Solo © Google

Un "valor estimado" de 964.258,08 euros ou, o que é o mesmo, ata 205 euros por metro cadrado. En tempos nos que o acceso á vivenda se converte nunha misión imposible para moitos cidadáns -especialmente para os 4.000 galegos que, segundo cálculos de Cáritas, viven na rúa- a Xunta vén de iniciar os trámites para contratar o servizo de limpeza e mantemento da sede central do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), o ente dependente da Consellería de Infraestruturas que ten encomendado "favorecer o acceso dos cidadáns ao dereito, constitucionalmente garantido, dunha vivenda digna e adecuada". E faino a través dunha licitación de 482.129 euros máis 86.783 de IVE que, non obstante, chegan case ao millón de euros en previsión de que os dous anos que inicialmente durará o contrato se poidan prorrogar.

As instalacións do IGVS distribúense entre catro lugares diferentes

Unha ollada aos pregos de condicións deste contrato permite non só saber canto gastará a Xunta neste servizo, que será inicialmente contratado por dous anos, ata abril de 2014, senón tamén coñecer as características das instalacións e o seu equipamento. Como outros organismos dependentes da Administración autonómica, o IGVS non se atopa nun dos grandes complexos administrativos da Xunta, como San Caetano e nin sequera ten todas as súas instalacións no mesmo lugar. Así, os servizos centrais de Vivenda ocupan 4.400 metros cadrados das oficinas ubicadas nun centro comercial compostelán. Ademais, o Instituto dispón doutros tres locais na capital de Galicia: un almacén de 100 metros cadrados nunha rúa próxima e dous locais máis de 130 e 70 metros en dous barrios diferente da cidade que cumpren a función de arquivo e almacén.

A empresa que logre a adxudicación do contrato terá que  comezar por realizar un informe "sobre as eventuais anomalías e deficiencias observadas que poidan afectar ao cumprimento do contrato" e un "inventario de todas as instalacións". Unha vez elaborados estes documentos abordará un labor que vai dende a limpeza dos locais ata o mantemento dos servizos eléctricos e de calefacción, dos equipos de aire acondicionado, das instalacións contra incendios, dos sistemas de comunicación ou da carpintaría, entre outros. A variedade de tarefas fai que a empresa poida decidir subcontratar os labores que considere oportunos.

O grao de responsabilidade que terá a compañía que asine o contrato con Vivenda chega ata os máis mínimos detalles. Así, por exemplo, encargarase ata de "manter os mastros" das bandeiras do edificio "en perfecto estado, así como dos mecanismos de amarre, izado e baixada". Ademais, o IGVG indica que "as bandeiras exteriores e interiores, dependendo do tipo de tecido, lavaranse e pasarase o ferro, ou limparanse en seco. A empresa adxudicataria indicará ao IGVS cando as bandeiras deban ser substituídas", detalla.

No que atinxe ao persoal, o instituto dependente de Infraestruturas explica que, na área de mantemento, "a empresa adxudicataria queda obrigada" a subrogar a catro traballadores que se incorporaron ao servizo entre 1993 e 2011, cunha xornada de 40 horas semanais. Na área de limpeza do IGVS traballan actualmente cinco persoas 39 horas á semana. Todos os que continúen exercendo estas funcións deberán falar galego e castelán, sinala o documento.

Sede central do Instituto Galego de Vivenda e Solo © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.