O globo de Pemex desínflaselle a Feijóo a pouco das eleccións

Pancarta a prol do naval CC-BY-NC-SA CIG

O globo de Pemex desínflaselle a Feijóo. O comité de empresa de Navantia Ferrol vén de denunciar que, "segundo fontes solventes", a construción de "dous buques quimiqueros" que a Xunta anunciara que a compañía petroleira mexicana podería contratar a estaleiros galegos xa foron "adxudicados" a empresas coreanas. Por iso, os sindicatos "esixen" que Navantia ou os responsables políticas fagan "un pronunciamento urxente".

O comité di saber de "fontes solventes" que os quimiqueiros prometidos por Feijóo non se construirán en Galicia

Nunha rolda de prensa celebrada este martes, os sindicatos dos comités de empresa de Navantia Ferrol e Fene advertiron de que contan con "información de fontes solventes" de que a "carga de traballo anunciada por Feijóo" non se materializará en Galicia. Ignacio Naveiras, presidente do comité, esixiu que se "esclarezan estes feitos", que en caso de se confirmaren serían "unha mostra máis de que este Goberno vén confundir á sociedade e a enganar aos traballadores e aos cidadáns de Ferrol".

Pemex España asegura á axencia Europa Press que os buques aínda non foron adxudicados

No entanto, fontes de Pemex en España aseguraron logo a axencia Europa Press que a adxudicación dos dous buques para o transporte de produtos químicos aínda non se produciu e que, polo momento, tampouco manexan un prazo concreto para que a empresa mexicana adopte unha decisión. "Desmentimos rotundamente que fosen adxudicados", indicaron estas fontes.

Aínda así, o comité insistiu e asegurou que "ao PP, en palabras de Rey Varela e de Feijóo, enchéuselle a boca de que antes do verán habería dique flotante ou carga de traballo". "A día de hoxe non temos resposta nin de carga de traballo, militar nin de Pemex, nin do dique flotante", queixouse Ignacio Naveiras.

Feijóo anunciara que Pemex solicitaría en xullo ofertas a estaleiros galegos para a construción de dous quimiqueiros

Fora o presidente da Xunta quen a mediados de xuño anunciara a "ampliación" do acordo estratéxico alcanzado con Pemex, de forma que a petroleira mexicana solicitaría nos dez primeiros días de xullo ofertas de orzamento a Navantia e outros estaleiros galegos para a construción de dous quimiqueros. Estes dous buques uniríanse ás opcións de construción de 14 remolcadores, a adquisición dun barco flotel e a intención de converter o Porto Exterior de Punta Langosteira, na Coruña, en base loxística da petroleira mexicana en Europa.Os sindicatos xa non se fiaban daquela.

Por todas estas promesas incumpridas, os responsables dos comités acusaron os gobernos central, autonómico e central do PP de "mentir até a saciedade". Para Naveiras, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, "mente" ao afirmar que "non houbo contratacións no seis últimos anos", e reprochou a Alberto Núñez Feijóo que asegurase que "no verán habería carga de traballo ou dique", que "os remolcadores serían unha solución para Navantia" ou os seus pronunciamientos sobre o centro de reparacións para a ría de Ferrol.

"Feijóo está a mentir no tema dos quimiqueros porque xa están comprometidos con Corea e mente Mariano Rajoy cando di que se vai a impulsar a construción da sexta fragata", que xeraría emprego para os estaleiros públicos de Ferrol e Fene, insistiu Naveiras.

A industria auxiliar do naval perdeu 702 empregos en só dous meses

Ademais, os sindicatos denunciaron que a situación do sector naval de Ferrol é "dramática". Segundo os datos achegados polos sindicatos, a finais de xuño o número de traballadores da industria auxiliar vinculada a Navantia era de 2.579 e na actualidade é de 1.877, o que se traduce na destrución de 702 empregos "en só dous meses". A cifra súmase á de máis de mil empregos perdidos no último ano por falta de carga de traballo.

Esta situación derívase da saída dos estaleiros do primeiro "megabuque" construído para Australia e a finalización da Fragata Cristóbal Colón para a Armada española, polo que só resta concluír o segundo "megabuque" australiano.

Con este panorama, o comité de empresa denunciou que non se celebrou a reunión que estaba prevista a finais de agosto da comisión de seguimento, creada tras a visita do presidente da SEPI a Ferrol, Ramón Aguirre, para analizar a construción do dique flotante para a área de reparacións. "Esiximos que se poña data para a comisión do dique flotante, que haxa unha presenza do Goberno central", aclarou Naveiras, quen engadiu a demanda de que se cumpra o prometido de que canto antes se dea o OK ao dique para que o inicio da actividade se produza a finais de ano".

Así, este mércores está previsto que teña lugar en Madrid unha reunión do Comité Intercentros de Navantia na que se acordará un novo calendario de mobilizacións para "presionar ao ámbito político que segue dando as costas". No entanto, os traballadores lembraron que as protestas xa se iniciaron hai case dous anos e reclamaron que o sector naval non sexa "moeda de cambio". "Rey Varela, o conselleiro de Industria Javier Guerra, Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy ratifícanse nas súas promesas incumpridas", reprobaron.

Naveiras criticou que o alcalde de Ferrol afirmase nos últimos días que a situación do naval se desbloquearía en setembro porque sostén que "ou ben se quere utilizar esta solución de forma partidista ou ben se quere gañar tempo de face ás eleccións".

Feijóo, co conselleiro delegado de Pemex en España © Xunta
Instalacións de Pemex © Iberorusa.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.