0 Gardados para despois

As eólicas galegas terán que conformarse con pequenos parques singulares

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


Documentos relacionados

O decreto do Goberno aprobado o pasado venres, que suprime sine die as primas para as novas instalacións de enerxía renovable, é "a fin" do concurso eólico da Xunta de Galicia. Dura sentenza e "realidade inapelable" que "debe asumir" o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra. Isto é o que pensan fontes do sector consultadas por Praza que, en calquera caso, non se amosaron sorprendidas pola decisión do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. "É algo que xa se lle pedira a Miguel Sebastián", indican. "E xa está feito". A escenificación dun plan eólico que pretendía canalizar unha inversión de máis de 3.500 millóns de euros queda sen data de estrea. O pano da cuarta parede, de confirmarse as estimacións empresariais, non vai volver a abrirse.

A reforma lexislativa é o primeiro Real Decreto Lei de 2012. A norma cancela calquera viabilidade dos novos parques eólicos nun escenario de nulo financiamento bancario. "As grandes eléctricas xa sabían que isto ía pasar", opina José Antonio Diéguez, responsable da asociación Ventonoso. Diéguez apunta tamén a outras "pistas" como o feito de que fondos de capital risco xaponeses e norteamericanos se teñan retirado de inversións vinculadas ao sector eólico durante todo o ano pasado. De feito o ministro alemán de Economía, o liberal Philipp Rösler, apostou o pasado día 18 que calquera incentivo ás renovables tiñan que ser retiradas. Con todo, "as grandes eléctricas non van ter problema", condena Diéguez. 

Golpe a Galicia

Segundo as fontes consultadas, Galicia é a comunidade máis afectada pola supresión das primas á enerxía renovable. Durante o ano 2011 instaláronse en Galicia cero megavatios eólicos, moi lonxe do 119 que se puxeron en marcha en, por exemplo, 2009. "As pequenas eólicas xa quixeron apurar a Sebastián a reformar o regulamento" porque "sabían que co PP no Goberno ía ser peor". O caso é que, calquera que fose o plan industrial a poñer en marcha, a inviabilidade predomina sobre calquera postura optimista que se queira poñer sobre a mesa. "Este decreto impón o control absoluto das eléctricas no mercado eólico", refrendan as mesmas fontes. As grandes compañías poden subsistir sen primas porque, entre outras cousas, o decreto non é retroactivo. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A "supremacía" das grandes corporacións

O 80% dos parques eólicos instalados en Galicia están en mans de grandes corporacións. Polo tanto, e tendo en conta que o decreto non é retroactivo, estas empresas van seguir beneficiándose das primas á xeneración de enerxía renovable. De aí que as eólicas, receptoras en algúns casos de poucos megavatios no concurso convocado por Javier Guerra, consideren que o Goberno central atente contra os seus intereses e defenda o das grandes compañías.

"Poderán instalar máis megavatios sen contar coas comunidades autónomas", condena José Antonio Diéguez a respecto do papel que van a ter compañías como Iberdrola ou Gas Natural Fenosa. Diéguez, gran coñecedor do sector, cita como exemplo os sistemas de almacenamento de auga que ambas as dúas compañías van poñer en marcha no Sil.

As migallas, para as eólicas

"O procedemento para permitir o denominado balance neto de electricidade, cuxa regulación está en curso, constitúe unha alternativa real para o desenvolvemento de instalacións de pequeno tamaño a través do fomento do autoconsumo de enerxía eléctrica". Este é o único parágrafo do Real Decreto Lei aprobado o venres que dá algunha opción ás eólicas á hora de buscar unha saída á nova situación. O Goberno prepara unha nova norma que permitiría ás empresas máis pequenas encargarse de pequenas instalacións (para producir e consumir directamente, sen gran distribución).

Poderán optar a parques eólicos singulares. "O lobby das eólicas xa está traballando para facerse con ese segmento" enerxético", apuntan desde o sector. Iso si, serían só "migallas". "O concurso galego está perdido".

Dous anos de atraso

¿E se non se tivese derrogado o anterior concurso eólico? A resposta non difire entre as pequenas eólicas, que consideran que, de ser así, todos os megavatios repartidos poderían estar en proceso de consolidación. "Practicamente todo tería saído adiante", consideran en Ventonoso. A anulación do anterior concurso, avalado por un informe xurídico redactado polo gabinete de avogados da Xunta cando Feijóo xa era presidente, foi utilizado polo máximo mandatario galego para derrogar aquel procedemento. Non obstante, e a raíz dunha demanda interposta por Enel Green Power, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dictou que o decreto do bipartito era perfectamente legal.

Devandita sentenza tumbou todos os puntos que Enel impugnou xudicialmente. Esta compañía denunciou que o decreto de 2007 vulneraba o principio de liberdade empresarial ou que ía contra o regulamento estatal. O TSXG avalou asemade a participación pública no capital social das solicitantes e a considerou "unha opción lexítima na orientación da política económica" do Goberno.