O 86% das empresas do Ibex teñen filiais en paraísos fiscais

César Alierta CC-BY-NC-SA Telefónica

O Ibex é o selectivo español de referencia. Nel cotizan 35 grandes compañías estatais, entre as que destaca a galega Inditex. A empresa máis valiosa do parqué madrileño é Telefónica, cunha capitalización de máis de 59.800 millóns de euros, por riba do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia. Banco Santander tamén é unha economía per se, maior que a galega (duns 55.600 millóns de euros), o doble que a de Murcia ou Asturias. Ambas as dúas empresas, Telefónica e Santander, teñen empresas off-shore en paraísos fiscais. Pero non son as únicas. Das 35 empresas que conforman o Ibex, 30 utilizan os mesmos beneficios destes territorios opacos e fiscalmente atractivos. Son tres máis que fai un ano.

Esta é a conclusión á que vén de chegar o Observatorio de Responsabilidad Social Corporativa (RSC), presentado esta mesma semana. Cada vez máis as empresas recorren a estes lugares para reducir a presión fiscal sobre a súa actividade económica. Isto, asemade, redunda na brutal caída de recadación en España do Imposto de Sociedades, como recolleu Praza Pública. Un dos severos problemas da economía española é a caída do ingreso, motivado pola recesión económica (menos actividade) ou un maior desemprego (menos cotizacións). A isto súmase que as grandes compañías paguen, de media, un 16% do imposto que lles corresponde, moi lonxe do 30% estipulado por lei e por debaixo do 20% que se paga en Alemaña. Segundo o propio fisco, a tributación efectiva de moitas delas nin sequera chega ao 10%.

Das 35 empresas que conforman o Ibex, 30 utilizan os mesmos beneficios destes territorios opacos e fiscalmente atractivos. Son tres máis que fai un ano

"Técnicas Reunidas non informa do pagamento de taxas desagregado por país. Achega o dato sobre o tipo impositivo real sendo este do 16% como consecuencia principalmente da xeración por parte do grupo de ingresos xerados no estranxeiro e que se atopan exentos do Imposto de Sociedades", incide o documento, na mesma liña da nova publicada por este medio.

O informe do OBRSC chama á atención, a xeito de exemplo, sobre Ferrovial. Esta firma gañou máis de 310 millóns de euros nos seis primeiros meses do ano pasado. "Ferrovial opera ou ten presenza nos seguintes países considerados paraísos fiscais: Andorra, Irlanda, Holanda, Puerto Rico, Suíza, Antillas Holandesas, Guernesey, Sudáfrica, Luxemburgo, Chipre e Singapur", relata o documento. "Non aporta información detallada sobre as operacións que realiza a través de tales empresas, e tampouco se ten algunha política sobre a súa presenza en paraísos fiscais, podendo existir un risco de que esta presenza responda a unha estratexia de elusión fiscal do grupo, probablemente non ilegal, pero evidentemente socialmente irresponsable", costatan os expertos encargados de elaborar o estudo. Isto non é unha excepción. Esta sentenza repítese de maneira constante en toda a análise coas outras 29 firmas que botan man destes países, moitos deles exóticos en nome e emprazamento.

Ademais das trinta grandes compañías que recorren a estos lugares, ningunha das que está presente no Ibex-35 especifica as taxas que paga por país ou as subvencións que recibe

En resumo, as empresas que operan en paraísos fiscais son: Abengoa, Abertis, Acciona, Acerinox, ACS, Arcelor Mittal, Banesto, BBVA, Banco Popular, Banco Sabadell, Banco Santander, Criteria, Endesa, FCC, Ferrovial, Gamesa, Gas Natura, Grifols, Iberdrola, Inditex, Mapfre, OHL, Red Eléctrica, Repsol, Técnicas Reunidas, Telecinco, Telefónica, Bolsas y Mercados, Iberia e Ebro Foods (as tres últimas acaban de incorporarse).

Paraísos fiscais

Ultimamente son moitas veces as que os medios xeneralistas recollen acordos bilaterais a partir dos cales algúns territorios deixan de ser paraísos fiscais (na listaxe oficial). Isto non significa que deixen de ser tax havens, na súa versión inglesa, verdadeiros oasis da tributación: nula ou moi baixa. Ademais das trinta grandes compañías que recorren a estos lugares, ningunha das que está presente no Ibex-35 especifica as taxas que paga por país ou as subvencións que recibe. O 0%.

Os datos analizados evidencian a presenza de Inditex, terceira firma do Ibex en capitalización bursátil, nestes paraísos fiscais: Hong Kong (China), Holanda, Irlanda, Luxemburgo, Macao (China), Mónaco, Porto Rico, Singapur, Suíza, Uruguai. "A maioría destas sociedades nestes territorios teñen actividade de venda ao público", puntualizan os expertos. No entanto hai 16 sociedades (3 máis que o ano pasado) domiciliadas en Hong Kong, Holanda, Irlanda e Suíza, que desenvolven actividades non relacionadas co seu obxectivo comercial e son centrais de compras téxtiles, sociedades financeiras, sociedades de carteira, explotación de marcas, comercio electrónico, inmobiliaria e aseguradora, actividades que teñen beneficios fiscais claros.

 

 

 

Empresas off-shore de Ferrovial CC-BY-NC-SA OBRSC
Paolo Vasile, conselleiro delegado de Telecinco CC-BY-NC-SA T5

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.