O naval pide solucións na rúa e no Concello e Feijóo responde que "ou dique ou barcos"

Traballadores do naval, chegando ao Concello de Ferrol Dominio Público @tonysese

Os traballadores do naval están fartos. Cansos de agardar polas promesas, e logo de que se confirmasen as dificultades para a hipotética construción dun dique flotante nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol, os operarios protestaron este martes polas rúas de Ferrol, trasladándose ás portas do Concello, esixindo respostas sobre a devandita infraestrutura. Integrantes dos comités de empresa da compañía estatal e delegados das empresas auxiliares iniciaron ademais un peche indefinido no consistorio até que se fixe unha data para a comisión de seguimento que trata a construción do devandito dique flotante. Ao tempo, o presidente da Xunta  asegurou que "ou hai barco ou hai dique, non  hai outra posibilidade", logo de prometer que "nas próximas semanas" saberase xa como recuperar carga de traballo. Pero xa poucos se fían.

Membros do comité de empresa e delegados das auxiliares veñen de comezar un peche indefinido no Concello de Ferrol

Así, e durante unha visita ás instalacións de Fornos Lamastelle en Oleiros, o xefe do Executivo galego insistiu en que existe "un compromiso" tanto por parte de Navantia, como da SEPI e do presidente do Goberno. "Ou contratamos algún barco nas próximas semanas que dea traballo ao persoal ou temos que construír un dique flotante", volveu dicir, logo de asegurar que quen "ten que resolver" os problemas de financiamente da infraestrutura reclamada "é a SEPI" ao ser titular do estaeiro. Ademais, advertiulle tamén que "ten a obriga de conseguir carga de traballo para Navantia".

"Ou contratamos algún barco nas próximas semanas que dea traballo ao persoal ou temos que construír un dique flotante

Malia a desesperación dos traballadores e as protestas e desconfianza do comité de empresa, Feijóo mostrouse "optimista" de que "nas vindeiras semanas" habería unha solución. Ademais, volveu cargar contra o pasado e os antigos directivos, aos que acusou de "non ser capaces de conseguir nin un só barco nos últimos seis anos".

Pero os traballadores xa non poden máis. A carta de Navantia ao alcalde de Fene, feita pública polo PSOE, e na que a empresa asumía a dificultade de conseguir a construción do dique flotante para os estaleiros, encheu o vaso de máis. Desde as 10.30 deste martes, varios centos de traballadores percorreron Ferrol até chegar ao Concello. Alí, membros do comité mantiveron unha xuntanza coa xunta de portavoces tras a que decidiron iniciar un peche indefinido que continuará ata que se convoque a reunión da comisión de seguimento.

"Terán que dicirnos á cara que tipo de atrancos hai e por que hoxe nos din todo o contrario que ao final de xullo"

"Estes senvergonzas teñen que vir dicirnos á cara que tipo de atrancos hai, como se poden arranxar e como é que hoxe nos din todo o contrario que ao final de xullo", explicou aos traballadores Ignacio Naveiras, voceiro do comité en Ferrol. Ademais, os sindicatos pediron a marcha de Jaime de Rábago, conselleiro delegado de Navantia, ao preguntarse como "pode ir buscar financiamento mentres pon en dúbida a viabilidade do proxecto". Do mesmo xeito, solicitaron ao PP que "dea solución a unha problematica que só precissa de impulso político" e lémbranlle aos conservadores que levan prometendo unha saída desde todas as administracións que gobernan.

Traballadores do naval, chegando ao Concello de Ferrol Dominio Público @tonysese

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.