0 Gardados para despois

A intervención das contas autonómicas bordea a Constitución e colisiona co Estatuto

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O control do déficit como obxectivo irrenunciable e senón, "intervención" do Estado. Este é un posible resumo das consecuencias que terá non cumprir cos preceptos da Ley orgánica de Estabilidad Presupuestaria y Sostenibilidad Financiera de las Administraciones Públicas que prepara o Goberno central e que, segundo o adiantado polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, pode chegar a supoñer, na práctica, a perda da autonomía financeira das comunidades que non cumpran co férreo control das contas. Atendendo ao explicado por Montoro esta normativa colisionaría con outra lei orgánica, o Estatuto de cada autonomía, e bordearía a propia Constitución española.

A grandes trazos, o ministerio aposta por establecer entre o Goberno central e as autonomías unha relación idéntica, no que atinxe ao control financeiro, á que xa existe entre a Unión Europea e os estados membros. Deste xeito, a autonomía que non cumpra os obxectivos de déficit marcados anualmente -no ano 2020 o obxectivo será o déficit cero- terá que "presentar un plan económico-financeiro" que permita "a corrección da desviación no prazo dun ano". Se a devandita comunidade non cumpre, o seu Goberno "deberá aprobar automaticamente unha non dispoñibilidade de crédito", isto é, en verbas do propio Ministerio de Facenda, "un recorte de gasto que garantice o cumprimento dos obxectivos", explicita.

Ademais dese recorte de gasto, á autonomía incumpridora obrigaráselle a "constituír un depósito" económico "que poderá converterse en multa en caso de que os incumprimentos se reiteren. Se isto non é dabondo, o ministerio dará un paso máis alá, que é precisamente o que pode colisionar coa actual concepción do Estado das Autonomías. Segundo a explicación do ministro, a comunidade que teña máis déficit do previsto recibirá "unha visita" que non será precisamente "amable", senón que constituirá unha "intervención". Dito doutro xeito, o Goberno central actuará como a UE o está a facer en Grecia ou Portugal: constituirá unha 'troika' que asumirá o goberno económico da autonomía.

Bordeando o artigo 156 da Constitución, batendo co 53 do Estatuto galego

No que atinxe á Constitución, a posible contradición situaríase no artigo 156, no que a Carta Magna española regula a "autonomía financeira" das comunidades. Concretamente, o texto constitucional sinala que "as comunidades autónomas gozarán de autonomía financeira para o desenvolvemento e execución das súas competencias de acordo cos principios de coordinación coa Facenda estatal e de solidariedade entre todos os españois". Isto é, a coordinación coas contas estatais debe existir, pero debe ser executada polas autonomías.

Pero se no caso da Constitución a contradición pode ser de matiz -o Goberno central poderíase apoiar no artigo 155, que prevé medidas excepcionais para as autonomías que atenten contra as leis do Estado-, no caso do Estatuto de Autonomía de Galicia a colisión é máis evidente. Segundo o artigo 53 da norma básica de Galicia, "correspóndelle á Xunta (...) a elaboración e aplicación do orzamento da Comunidade Autónoma galega, e ó Parlamento o seu exame, emenda, aprobación e control". No caso de aplicarse sen modificacións o anteproxecto de lei avanzado por Montoro, se Galicia incumpre os obxectivos de déficit marcados, o ministerio asumiría de facto as competencias que o Estatuto lle outorga ao Goberno e ao Parlamento galegos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.