0 Gardados para despois

A Xunta suprime Investigación Agraria malia que a PAC triplique os fondos para financiala

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


O pasado 27 de xaneiro a Universidade de Vigo investía a Xosé Manuel Silva como Doutor Honoris Causa pola súa defensa da I+D no sector agroalimentario. Silva (Chantada, 1949), director xeral de Investigación da Comisión Europea, volveu referirse no acto solemne á importancia de respaldar a investigación, da que dixo "será a gran canalizadora no mundo da agricultura moderna e o desenvolvemento rural." Sinalou, ademais, que na estratexia Europa 2020 dáse especial importancia á investigación no mundo agrícola e que o orzamento nesta área multiplicouse por 2,5 aínda en tempos de crise. En Galicia, non obstante, o departamento de I+D foi considerado prescindible na crise de Goberno de Alberto Núñez Feijóo. A dirección xeral que se facía cargo das accións relacionadas coa investigación no rural xa non existe.

En Galicia, non obstante, o departamento de I+D foi considerado prescindible na crise de Goberno de Alberto Núñez Feijóo

Alejandra Álvarez de Mon era, ata o 5 de xaneiro, directora xeral de Innovación, Industrias Agrarias e Forestais, departamento adscrito á Consellería do Medio Rural. Nese momento era Samuel Juárez o conselleiro, antes de ser nomeado delegado do Goberno en Galicia e de terse producido a integración de Medio Rural e Mar nunha única consellería. A destitución de De Mon foi compensada cunha substitución. Só tres días antes do discurso de Xosé Manuel Silva, Medio Rural e Mar, con Rosa Quintana á fronte, publicou a estrutura orgánica da consellería. Xa non estaba a dirección xeral de Innovación, Industrias Agrarias e Forestais.

As palabras de Silva

"Silva apostou pola ordenación do territorio para a xeración de riqueza. Sempre repite iso de que dicimos que os plans son para sinalar se isto é urbanizable e o número de alturas, pero que hai que facer proxectos para ordenar a terra e poñela a xerar riqueza", din fontes da organización de Unións Agrarias (UUAA). No acto solemne da Universidade de Vigo, Silva incidiu en que "as novas maneiras de entender a política agraria pasan por aumentar o coñecemento do sector agrario, por trasferir e innovar e, consecuentemente, crear emprego". Para "remediar" as carencias neste eido, Silva cifrou nuns 4.500 os millóns que se destinarán ao agro no VII Programa Marco á I+D.

Galicia está importando maís 600 millóns de euros netos ao ano en produtos alimentarios

Isto suporía case triplicar os fondos actuais nun momento de serias dificultades económicas, que camiñan de man da mesma austeridade da que a Consellería de Medio Rural e Mar botou man para non dar continuidade a Innovación, Industrias Agrarias e Forestais. "Lembremos que Galicia está importando maís 600 millóns de euros netos ao ano en produtos alimentarios e máis de 500.000 hectáreas abandonadas á indolencia, ao lume...", lamenta UUAA.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O "desleixo" oficial

Durante o ano 2011 non se abreu a orde que permite solicitar proxectos de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos (investigación aplicada da Conselleria do Medio Rural). Esta é outra das demandas que repiten desde as organizacións agrarias, que non aceptan declaracións como a do exconselleiro Samuel Juárez aludindo á "irreversibilidade" do despoboamento do rural. 

Segundo apuntan desde Unións Agrarias, a xuño de 2011 estaban sen pagar os proxectos de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos do 2010, finalmente abonados en agosto.