A Xunta expedienta a Estela Eólica, renuncia á planta do Irixo e ampliará Sogama

Contra a incineradora CC-BY-SA Adega

A Xunta de Galicia expedienta a Estela Eólica e renuncia así á planta incineradora que tiña previsto construír no sur de Galicia. A través dun comunicado, o Executivo galego vén de comunicar que abriu un procedemento administrativo á compañía polo seu "incumprimento dos compromisos fixados no seu plan industrial para a construción dun complexo de xestión de residuos" e que a firma incluía dentro do concurso eólico. Así, o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, confirmou que o Executivo iniciará "de forma inmediata" os pasos necesarios para proceder á ampliación do complexo de Sogama en Cerceda, tal e como adiantara Praza, rexeitando a opción da infraestrutura na provincia de Ourense.

"O concello ourensán do Irixo acollerá a planta de tratamento que dará servizo aos concellos do sur de Galicia", aseguraba a Xunta o pasado decembro con contundencia. Desde aquela, o rexeitamento dos veciños da comarca, a propia negativa do PP ourensán e os incumprimentos do plan industrial por parte de Estela Eólica deixaron en nada un proxecto do que a Consellería de Industria non dubidaba hai pouco máis dun ano. O futuro está en Cerceda.

En declaracións aos medios tras asinar un convenio con Argimiro Marnotes, o alcalde do Carballiño, precisamente una das zonas que máis de opuxo á localización dunha incineradora no municipio veciño do Irixo, Agustín Hernández indicou que se procederá "de forma inmediata" á reforma do Plan de Residuos Sólidos de Galicia para optar pola alternativa de ampliar o complexo de Sogama, co obxectivo de poder manter os prazos similares de que entre en funcionamento no ano 2017

Os incumprimentos de Estela Eólica, as protestas veciñais e o rexeitamento do PP ourensán deixaron en nada o proxecto

"A non xustificación dos investimentos requiridos nos prazos previstos, dentro da tramitación do concurso eólico, así como a non creación dos postos de traballo fixados ante a Comisión de Seguimento dos Plans Industriais, levou á comisión, seguindo a normativa relativa ao concurso, á apertura dun expediente por incumprimento" contra Estela Eólica, aclara a Xunta, que indica tamén que agora se inicia un prazo de presentación de alegacións por parte da compañía e unha fase de análise destas "nas que se determinarán as medidas a tomar".

O expediente non vén máis que a confirmar o rexeitamento da Xunta a situar a planta incineradora no Irixo e a confirmar tamén as intencións da Consellería de Industria de optar pola ampliación do complexo de Sogama, en Cerceda, para levar alí os residuos, tal e como adiantara Praza. "O proxecto pinta mal", recoñecía hai pouco o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández. Este mesmo martes, Hernández indicou que a ampliación de Sogama permitirá "solucionar un problema que non admite máis demora".

A Xunta renega agora do seu proxecto no sur e anuncia que ampliará Sogama para completar a nova planta en 2017

O caso é que a proximidade das eleccións autonómicas e as dificultades con Estela Eólica rachan coas intencións da Xunta, que xa negocia co Concello de Cerceda para ampliar as instalacións de Sogama e arranxar así o problema que se lle vén enriba. No entanto, e malia que a última xuntanza entre administración autonómica e deste goberno local se celebrou no pasado mes de agosto, o adianto dos comicios acaba de paralizar unha decisión que terá que tomar a Xunta que saia dos comicios do 21 de outubro.

O adianto electoral cambiou os plans da Xunta, sabedora de que será o vindeiro Executivo o que terá que lidiar co tema, pero tamén de que unha decisión sobre a localización en plena precampaña complicaría aínda máis as expectativas electorais do PP.

    Cerceda está disposta a asumir a planta, pero pedirá "contrapartidas" en forma de investimentos á Xunta de Galicia

Pero as negociacións existen, até tal punto que o Concello de Cerceda -disposta a recibir a infraestrutura- xa puxo enriba da mesa unhas "contrapartidas" pola ampliación das instalacións de Sogama e a asunción dos residuos que estaban previstos no sur de Galicia. Segundo fontes coñecedoras destas negociacións, a localidade esixiría a cambio da instalación da planta "maiores investimentos na rede viaria, mellor saneamento ou a mellora das infraestruturas da vila". De feito, a propia administración local ten elaborado xa un borrador para futuras xuntanzas.

 

Carteis contra a incineradora CC-BY-SA Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.