Feijóo di non ter "inconveniente ningún" en mostrar os contratos do naval con México

Feijóo recibe o director de Pemex no Pazo de Raxoi © Xoán Crespo

Núñez Feijóo reafírmase na futura construción de dous buques hotel nos estaleiros galegos. Desta vez, xa non fala de Pemex, senón que aclara que o acordo entre Navantia e Barreras é con PMI, filial de petroleira estatal mexicana, pero asegura incluso en que non ten "inconveniente ningún" en ensinar os contratos dos que foi "testemuña presencial" e que, segundo di, consta de "43 follas".

Feijóo di non ter "inconveniente ningún" en ensinar os contratos entre a filial de Pemex e os estaleiros

Nun almorzo informativo en Madrid, o presidente da Xunta lembra que na sinatura dos devanditos contratos estaba presente o avogado do Estado e o xefe dos servizos xurídicos de Pemex, malia que a propia compañía asegura que non terá coñecemento do contido dos contratos até que a oferta de PMI e os estaleiros se presente ao concurso que se celebrará dentro de dous meses. Ademais, Feijóo asegura que a petroleira "é unha empresa moi seria" que ten "unha serie de controis internos", polo que calquera procedemento que faga unha das súas filiais está "regulado e en consecuencia ha de cumprirse".

"Non vexo eu a dous responsables de empresas públicas enganándose entre si", di en referencia a Pemex e Navantia

"Non vexo eu a dous responsables de empresas públicas enganándose entre si", destacou en referencia á presenza de Navantia na sinatura, para engadir que a firma dos contratos é unha boa noticia que "debería celebrarse". "Creo no Estado mexicano, nos responsables de Pemex e non creo que esteamos a discutir sobre algo serio, senón sobre unha noticia que pode dar de si en período electoral, pero despois das eleccións xa non imos falar deses barcos, o que quereremos falar é de facer barcos novos", manifestou.

Do mesmo xeito, Feijóo aproveitou para agradecer ao Goberno de Mariano Rajoy que "tomase en serio o sector naval" e asegurou que espera que a UE se pronuncie "o máis axiña posible" sobre o tax lease -novo sistema de bonificacións fiscais- para que os estaleiros galegos "dunha vez por todas poidan facer barcos nas mesmas condicións que outros países europeos".   

Feijóo, co conselleiro delegado de Pemex en España © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.