O PP rexeita que Feijóo aclare os contratos de Pemex no Parlamento e négase a facelos públicos

Deputados nunha Deputación Permanente © parlamentodegalicia

O PP rexeitou que Feijóo compareza no Parlamento para "dar explicacións" sobre os acordos entre Pemex, a Xunta e os estaleiros galegos. Os votos dos conservadores serviron este martes na Deputación Permanente para desbotar a petición da oposición, a instancias do PSdeG, que amosou a súa "desconfianza" no Goberno galego e volveu recriminar que o xefe do Executivo asegure que non ten "inconveniente ningún" en mostrar os contratos, pero que logo non os amose. "Con esta actitude, ou é un chulo ou é un mentireiro", chegou a dicir o voceiro socialista, Abel Losada.

Pedro Puy, portavoz do PP, contestou no entanto asegurando que a oposición ten "todo o dereito a non fiarse", pero confiou en que "a maioría dos galegos" si o fará nos vindeiros comicios. "Xa non toca falar aos representantes, senón aos representados", argumentou o voceiro conservador para xustificar a negativa á comparecencia de Feijóo.

A oposición acusa a Feijóo de "exceso propagandístico" e de "dar datos falsos" ao anunciar os acordos con Pemex

"O discurso ultraliberal de que a política non interfira no económico é só cando non hai foto", ironizou Losada en relación coa presenza de Feijóo no acto de sinatura de Pemex e os estaleiros, algo sancionado pola Xunta Electoral, e criticou o "exceso propagandístico" dun presidente que segue sen amosar os contratos e que "deu datos falsos". Tanto o socialista como a voceira do BNG, Ana Pontón, insistiron en que a Xunta remate coas dúbidas -"creadas en México e non na oposición", lembrou- mostrando os acordos escritos e incluso lembrou que se ese texo contén cláusulas de confidencialidade, poderían mostrarse na Cámara "baixo segredo", como permite a lei.

Pero non houbo maneira. Mentres a oposición reclamaba "transparencia", o PP ratificaba a validez dos contratos remitindo a un boletín de Pemex, o mesmo que está colgado desde hai días na súa web. Ao tempo, Ana Pontón e Abel Losada recordaban as múltiples declaracións de directivos de Pemex -como as publicadas en Praza- nas que se aseguraba que o acordo era cunha filial da petroleira e que será o consello de administración quen decida se se contratan os floteis ou non.  "Tras anos de crise naval, unha oposición responsable poríase detrás do seu goberno", recriminou Puy, ao que a oposición respondeu que estarían "encantados" de que en Galicia se construísen "todos os buques de Pemex", pero xustificaron a súa "desconfianza" nunha lexislatura "chea de mentiras e ocultacións". Así, citaron os incumprimentos en canto ao dique flotante, o centro de reparación de buques, a fábrica de coches eléctricos ou a auditoría de KPMG que avalaba a fusión das caixas ou o hospital de Vigo.

PSdeG e BNG xustifican a súa "desconfianza" noutras "mentiras" de Feijóo e citan a auditoría das caixas, o dique flotante ou o hospital de Vigo

"Nos Orzamentos Xerais do Estado hai cero euros para o dique flotante", lembro a nacionalista Ana Pontón, que recordou tamén que Feijóo prometeu que tería amañado o problema do tax lease "no mes de xuño". "Estamos en outubro", advertiu. "As dúbidas non as inventamos nós", recalcou, advertindo de que "xogar co pan e a esperanza" das familias do naval é "unha fraude que non se pode permitir". "Non temos ningún documento que permita confiar en que as súas promesas teñen algo que ver coa realidade", subliñou Pontón.

De volta sobre a petición dos documentos que obran en poder da Xunta, Losada criticou que o presidente dixo que non tiña "ningún problema en ensinalos". "Non se pode ir de chulo nas roldas de prensa", censurou, insistindo en que "ou é un chulo ou é un mentireiro". Ademais, Ana Pontón lembrou que no acto de firma, Feijóo falou de que a contratación destes dous barcos marcaría o inicio do "crecemento económico" de Galicia, o que considerou que "é rirse dos galegos" e "insultar a súa intelixencia".

"Pídenos un imposible ao pedirnos que nos fiemos dun señor que engana e manipula sempre que ten ocasión", salientou o portavoz socialista, ao que Pedro Puy replicou que podería, polo menos, crer aos representantes de Barreiras e Navantia, que tamén participaron no citado acto.

Deputados da oposición, nunha Deputación Permanente CC-BY-SA Merixo
Instalacións de Pemex © Iberorusa.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.